O ducado de Cornualla é un título nobiliario da coroa británica e que corresponde ao fillo máis vello e herdeiro do monarca. Dende 2022 o duque de Cornualla é Guillerme de Gales.
O ducado de Cornualla
O ducado de Cornualla posúe unha extensión de 52 449 hectáreas localizadas, fundamentalmente, ao longo de vinte condados no sueste de Inglaterra e nas illas Scilly.[1] Polo tanto, a maior parte das propiedades do ducado están fóra de Cornualla, pois aló ten 7 571 hectáreas.[2]
Anualmente, o ducado de Cornualla proporciona uns ingresos de máis de 20 millóns de libras esterlinas que se destinan a manter ás obras públicas e privadas da familia do titular.[3] Estímase que cobra o arrendamento dunhas 600 residencias e 700 labradíos.[4]
Ademais, sendo duque de Cornualla, Carlos III do Reino Undio promoveu a edificación das cidades planificadas de Poundbury (Dorset) e Nansledan (Cornualla) dentro das terras do ducado.[5][6] Tamén destacou polo pulo dado á agricultura sustentable nas súas explotacións e o coidado da biodiversidade.[7]
Historia
A partir do século XIV algunhas monarquías europeas crearon señoríos que cederon aos herdeiros primoxénitos do rei para que as rendas do mesmo os dotase dun patrimonio de seu. Deste xeito, o título foi creado en 1337 polo rei Eduardo III para o seu fillo e herdeiro, Eduardo de Woodstock, chamado o "príncipe negro".[8] Dende entón este título corresponde ao fillo máis vello do rei de Inglaterra, a quen tamén se lle outorgan os títulos de príncipe de Gales, e dende o século XVII, o de duque de Rothesay como herdeiro do trono de Escocia.
A persoa que máis tempo ostentou este título foi Carlos III. Entre 2005 e 2022 o título gañou notoriedade pois foi empregado por Camila do Reino Unido logo do seu matrimonio con Carlos de Inglaterra.