Dawn

Dawn
Logo da misión Dawn
TipoSonda espacial
OrganizaciónNASA
Contratistas principaisOrbital Sciences Corporation
Destino actualFóra de servizo arredor de Ceres.
Data de lanzamento27 de setembro de 2007, 11:34 GMT[1][2][3]
Foguete portadorDelta II 7925H[4][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, plataforma SLC-17B[2][3][4]
Obxectivo da misiónExploración do asteroide 4 Vesta e do planeta anano Ceres.[2][3][4]
NSSDC ID2007-043A
Masa747,1 kg en baleiro (1217,7 kg con propelente)[5]
DimensiónsForma aproximada de caixa de 1,64 x 1,27 x 1,77 m.[5]

Dawn é unha sonda espacial da NASA pertencente ó programa Discovery e lanzada o 27 de setembro de 2007 mediante un foguete Delta II 7925H desde a rampla SLC-17B do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.[1][3][4]

Características

O obxectivo de Dawn era caracterizar a estrutura interna de Vesta e Ceres, así como as súas densidades, forma, tamaño, composición e masa, e obter datos sobre as súas morfoloxías supeficiais, os seus cráteres e magnetismo. A finalidade é determinar as súas historias térmicas, o tamaño dos seus núcleos, o papel da auga na evolución de ámbolos dous corpos e cales dos meteoritos atopados na Terra puideron ter a súa orixe neles, o cal axudará a entender as condicións e procesos que tiveron lugar no sistema solar primitivo e o papel da auga na evolución planetaria.[5]

Dawn obtiña datos en forma de imaxes, de cartografía espectrométrica, de abundancia de elementos, de perfís topográficos, medicións dos campos gravitatorios e a medición de posibles restos de magnetismo nos dous corpos.[5]

A nave ten forma aproximada de caixa cunhas medidas de 1,64 m x 1,27 m x 1,77 m. A estrutura está feita de aluminio e de composto de grafito cunha masa en baleiro de 747,1 kg e de 1217,7 kg con propelente. O núcleo da nave está formado por un cilindro de composto de grafito cos tanques de xenon (do que leva 425 kg) e hidracina (45,6 kg), feitos de titanio, no seu interior. Os paneis que compartimentan a estrutura básica son de aluminio.[5]

A alimentación eléctrica era proporcionada por un par de paneis solares que, unha vez despregados, lle daban á nave unha lonxitude total de 19,7 metros. Os paneis están formados por células solares de tripla unión de indio-galio-fósforo e indio-galio-xermanio. Cada un ten forma rectangular de 2,3 m de alto por 8,3 m de longo e proporcionan 10,3 kW de potencia á distancia da Terra ao Sol e de 1,3 kW a unha distancia de 3 UA. Alimentaban o sistema eléctrico da nave, que usa voltaxes de entre 22 e 35 V, e o propulsor iónico, que funcionaba a entre 80 e 140 V. A enerxía eléctrica era almacenada nunha batería de níquel-hidróxeno cunha capacidade de 35 Ah.[5]

Rotación de Vesta obtida a partir de diferentes imaxes obtidas por Dawn.

As comunicacións tiñan lugar mediante unha antena parabólica fixa alta ganancia e 1,52 metros de diámetro situada no mesmo plano que os paneis solares e mediante tres antenas de baixa ganancia situadas en diversas partes da nave. O sistema de comunicacións usaba a banda X tanto no enlace de subida como no de baixada e consomía ata 100 W de potencia. As velocidades de subida ían de 7,8 a 2,0 bps e as de baixada variaban entre 10 bps e 124 Kbps. O sistema de datos e comandos usaba un procesador RAD6000 e un sistema de almacenamento de 8 Gb de capacidade.[5]

Da parte superior do corpo da nave estendíase un mastro que afastaba o magnetómetro da nave para evitar erros nas medidas do campo magnético. A baía de instrumentos estaba situada tamén na parte superior, aloxando as cámaras, o espectrómetro cartografiador, o altímetro láser, os seguidores de estrelas e o espectrómetro de neutróns e raios gamma.[5]

Dawn estaba propulsada por tres motores iónicos baseados no motor da sonda Deep Space 1. Usaban xenon como propulsante, que era ionizado e acelerado por eléctrodos. O impulso máximo de cada motor, cando era alimentado por 2,6 kW de potencia, era de 92 mN, cun impulso específico de entre 1900 e 3200 s. Cada motor medía 30 cm de diámetro e ía sobre un cardán con dous eixos de movemento situado na base da nave. O control de actitude tiña lugar mediante volantes de inercia e mediante doce pequenos motores alimentados por hidracina e cun pulo de 0,9 N cada un.[5]

A nave obtiña información sobre a súa propia orientación mediante seguidores de estrelas e xiroscopios. O control térmico usaba persianas e radiadores polos que corría amoníaco, e usaba 200 W a 3 UA de distancia do Sol.[5]

Perfil da misión

Tralo lanzamento o día 27 de setembro de 2007 ás 11:43 GMT, Dawn foi inxectada nunha órbita cara ao cinto de asteroides aproximadamente unha hora despois. Tras unha etapa de cruceiro duns catro anos que incluíu unha sobrevoo de Marte a 542 km de altura o día 18 de febreiro de 2009, Dawn chegou ás inmediacións de Vesta, entrando na súa órbita o día 14 de agosto de 2011. Tras varios cambios de órbita desde as cales fixo observacións do asteroide, partiu cara ao planeta anano Ceres o 5 de setembro de 2012, chegando ao mesmo o 6 de marzo de 2015. Tras case tres anos de observar, medir e analizar Ceres, Dawn finalizou programadamente o contacto coa Terra o 31 de outubro de 2018. A órbita final da nave arredor de Ceres é estable, polo que pasarán varios séculos antes de que Dawn se estrele contra a superficie.[5]

Notas

  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "DAWN" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Note verbale dated 13 November 2007 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (07-89382). 21 de decembro de 2007: 16. Consultado o 6 de xuño de 2012. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Mark Wade (2011). "Dawn" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Gunter Dirk Krebs (2012). Gunter's Space Page, ed. "Dawn (Discovery 9)" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 NASA (14 de maio de 2012). "Dawn" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012. 

Véxase tamén

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!