Critias

Modelo:BiografíaCritias
Nome orixinal(grc) Κριτίας Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento460 a. C. Editar o valor en Wikidata
Antiga Atenas Editar o valor en Wikidata
Morte403 a. C. Editar o valor en Wikidata (56/57 anos)
Antiga Atenas Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoFilosofía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico, filósofo, escritor, escritor de traxedia, poeta Editar o valor en Wikidata
Membro de
MovementoSofista e Presocráticos Editar o valor en Wikidata
Familia
PaiCallaeschrus Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Granat Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1235323
Este artigo trata sobre o fillo de Calescro, para outras persoas do mesmo nome véxase Critias (homónimos).

Critias (grego antigo Κριτίας Kritías), nado en Atenas sobre -460 e finado en Muniquia en -403, foi un sofista grego. Fillo de Calescro, foi tío carnal de Platón.

Aínda que é principalmente lembrado por formar parte do goberno dos Trinta Tiranos imposto polos espartanos tras a súa vitoria sobre Atenas, tamén produciu unha ampla gama de obras, ademais de dedicarse ao ensino e a poesía.

Critias é unha das figuras atenienses máis enigmáticas e polémicas do século -V  Poucos escritores da Grecia clásica foron tan prolíficos. Existe certo disenso acerca da autoría dalgunhas obras que lle atribúen, conservándose unicamente fragmentos das mesmas.

Traxectoria

Primeiros feitos

A primeira aparición de Critias na historia, é como un dos hermocópidas, é dicir, un dos implicados na mutilación dos hermas no -415. Critias é mencionado no testemuño de Andócides durante o curso da investigación do crime, a pesar de que non se sabe nada máis acerca da súa participación no dito sacrilexio[1]. Tamén hai referencias esporádicas a Critias nalgúns dos acontecementos principais dos últimos anos da Guerra do Peloponeso. Non se sabe de certo se era membro do goberno oligárquico dos Catrocentos, no -411, pero seguiu a Frínico, o oligarca radical e xefe dos Catrocentos tras a caída do réxime no -410.

Carreira política

Nos anos posteriores á caída do réxime, Critias estivo implicado activamente en política como asociado de Alcibíades. Critias proclama nun dos seus poemas elexíacos que propuxo a volta de Alcibíades do exilio, probabelmente ao redor do ano -408 (fragmentos 4 e 5). Debido á opinión popular ateniense contra Alcibíades, Critias probablemente seguiu a Alcibíades ao exilio no ano -406. Durante este tempo, Critias estivo implicado nunha insurrección en Tesalia, pero descoñécese o alcance da súa participación, á parte da enigmática declaración de defensa de Terámenes sobre o xuízo e a execución dos xenerais atenienses acusados de non rescatar aos sobreviventes na Batalla de Arxinusas:

[Critias] estaba en Tesalia organizando a democracia con Prometeo e armaba aos penestes contra os seus amos

Non se posúe suficiente información sobre a historia de Tesalia, como para saber quen era Prometeo, ou determinar a natureza da revolución "democrática" na cal Critias puido estar implicado.

Á chegada do seu exilio na primavera do ano -404, Critias era un dos cinco xefes que lideraban varias faccións oligárquicas da posguerra ateniense. Critias era tamén membro principal dos Trinta Tiranos, cuxo reinado de terror brutal nos anos -404 a –403[2] foi vivamente relatado por Xenofonte[3]. No reinado de terror dos Trinta Tiranos cometéronse execucións sumarias, incautación de propiedades e o exilio de centos de demócratas atenienses. Mesmo Terámenes, un dos membros fundadores dos Trinta, foi executado sen dereito a réplica tras terse oposto a Critias en público. Outra vítima dos Trinta foi o aínda exiliado Alcibíades, que permanecía no seu estado fortificado de Tracia. Segundo os informes de Cornelio Nepote e Plutarco, que se encargaron de escribiren a vida de Alcibíades máis tarde, foi o propio Critias, o seu vello compañeiro, quen ordenou o seu asasinato no ano -403[4].


Para máis información sobre o tema, véxase a morte de Alcibíades.

Hai indicios de que Critias tiña certo grao de control sobre a cabalaría ateniense e sobre "Os Once", que actuaban como verdugos[5]. Critias tamén parece ser o guía dos elementos máis extremistas dos Trinta. Converteuse no seu indiscutido líder tras a execución de Terámenes no ano -403. Tamén aparece como un dos principais lexisladores da oligarquía[6].

Independentemente de cales fosen os plans de Critias e Os Trinta para o establecemento dun novo réxime oligárquico en Atenas, os mesmos foron desbaratados abruptamente polos éxitos militares dun grupo de exiliados prodemocráticos liderado por Trasíbulo no posto fronteirizo ateniense de Filé e na cidade portuaria do Pireo.


Nun só día, en maio do ano -403 , nunha batalla entre as forzas comandadas por Trasíbulo, as forzas de Critias e os partidarios dos Trinta, a mente mestra do movemento oligárquico foi derrotado. Naquela época Critias, comandante da falanxe, optou por unha liña de 50 escudos hoplitas. Os propios membros dos Trinta atopábanse entre as primeiras filas, no extremo esquerdo da falanxe. Lonxe de evitar o perigo do campo de batalla, Critias colocouse no extremo esquerdo da liña. Con todo, a formación da falanxe nunha columna profunda fallou, custando moitas vidas nunha batalla sanguenta. Critias foi un dos máis de 70 que perderon a vida en dita batalla[7]. A morte de Critias deixou aos membros restantes dos Trinta e a outros 3.000 homes sen líder e confusos. As tentativas de establecer un novo goberno oligárquico fallaron e a democracia foi restaurada pouco tempo despois.

Erixiuse un monumento a Critias e Os Trinta, no que se podía ver a personificación da oligarquía levando fachos e dando lume á democracia. Unha inscrición na base do monumento rezaba «Isto é un monumento conmemorativo a eses nobres homes que refrearon aos hubris atenienses dos demócratas atenienses durante un breve período[8]». O prezo que tiveron que pagar por iso foi a vida de polo menos 1500 atenienses[9].

Platón admite na súa sétima carta que o comportamento extremo de Critias así como o doutro primo seu, Cármides (líder dos Dez que gobernaron O Pireo durante o goberno dos Trinta) afastaron calquera pensamento acerca de que el puidese ter unha carreira política[10].

Perspectivas antigas sobre Critias

Xenofonte caracterizou a Critias como un tirano desapiadado, sen moral, cuxos crimes poderían desembocar na morte de Sócrates. Filóstrato continuou estendendo esta visión negativa de Critias, a quen chamou «o maior malvado... de todos os homes»[11]. Por outra banda, en catro diálogos de Platón (Lisis, Cármides, Critias e Timeo), Critias aparece como un membro refinado e instruído dunha das familias aristocráticas máis antigas e distinguidas de Atenas, así como un participante da cultura filosófica ateniense.

Aínda que estas representacións de Critias difiran tanto, non se contradin. A familia de Critias estaba entre as máis prominentes dos vellos clans eupátridas aristocráticos que gobernaran Atenas antes da chegada da democracia. Non menos de catro dos seus antepasados directos foran arcontes epónimos, o maior cargo ao que se podía chegar no Estado de Atenas. Un deles foi Drópides nos anos -645 e -644. Solón era un dos seus parentes máis famosos, e tanto Solón como o poeta Anacreonte eloxiaron os antepasados de Critias nos seus poemas[12][13].

Aínda que non hai constancia literaria acerca da mocidade de Critias, o seu biógrafo Filóstrato dixo que o ensino que obtivo Critias foi da clase máis nobre, e Ateneo di que o seu adestramento como frautista o fixo famoso na súa mocidade[14][15]. Existe un fragmento dunha dedicatoria en dúas vitorias nos Xogos Ístmicos e dúas vitorias nos Xogos Nemeos en -438, na que aparece Critias, fillo de Calescro, aínda que a restauración do nome segue sendo incerta. Aínda que parece claro que Critias sobresaíu en dous dos elementos máis importantes da educación ateniense tradicional: a música e o atletismo.

Se Platón tivese divulgado exactamente o carácter de figuras históricas nos seus diálogos, talvez os ditos diálogos proporcionasen máis trazos do carácter e o comportamento de Critias. No Protágoras de Platón, Critias aparece entre os sofistas principais (Protágoras, Hipias maior, Pródico) e a elite educada de Atenas. No Protágoras, Critias participa no diálogo xunto a Alcibíades. Este emparellamento parece irónico, xa que Xenofonte relatara a cólera ateniense sobre o comportamento imprudente e destrutivo de Critias e Alcibíades, ambos os dous discípulos de Sócrates. Esa asociación foi unha das razóns que motivaron a execución de Sócrates no ano -399. É significativo que a única contribución de Critias en dita discusión filosófica é unha súplica aos participantes a ser imparciais e xustos nun punto no cal os presentes parecían máis a favor de Sócrates ou de Protágoras[16]. En contraste coa representación de Xenofonte como tirano desapiadado, a representación de Critias, feita por Platón, como exemplo de moderación é un contrapunto notábel.

Un papel máis substancial de Critias no Cármides, que se abre co regreso de Sócrates da Batalla de Potidea no ano -432, proporciona un contraste igualmente notábel fronte á visión de Xenofonte e outros. O diálogo céntrase no significado de σοφροσύνη sophrosýnē ('autodominio'), que Cármides, claramente seguindo o camiño iniciado polo seu primo e gardián Critias, definiu para Sócrates como "pensar nas tarefas propias"[17].

Aínda que esta definición, en particular, abandónase na discusión descrita no Cármides, reaparece nunha forma ampliada como o último significado da δικαιοσύνη dikaiosýne ('xustiza') na República: "que cada individuo debe actuar nos asuntos da cidade tan ben como sexa capaz de facelo[18]". Esta definición da xustiza (dikaiosyne), é sostida por Platón como a virtude máis alta e é o seu alicerce central no seu concepto utópico de ordenar as clases sociais e políticas do estado ideal.

Critias é tamén un personaxe principal no Timeo e no Critias, que se basean no día despois dos acontecementos acaecidos na república, no ano -421. Critias relata a historia de Atlantis e a súa guerra contra Atenas hai uns 9.000 anos. El escoitara esta historia do seu avó, quen á súa vez a escoitou do seu parente, o lexislador Solón. A historia, que segundo Critias fora preservada por sacerdotes exipcios, presenta un retrato idealizado dunha Atenas antiga que encaixaba fielmente no estado utópico descrito na República. O que é realmente significativo é que Platón elixise a Critias como o reporteiro do mito de Atlantis. Desta forma Platón enxalza ao seu primo como un home que sabe de historia antiga, dunha época na que os gobernos se asemellaron á utopía da República, e non aos sistemas imperfectos de goberno do século -IV de Grecia.

Relación con Sócrates

Entre as leis bosquexadas por Critias había un decreto de prohibición de "instrución na arte de palabras[19]". Xenofonte divulga que Sócrates respondeu cunha contestación sarcástica: "se alguén fose un pastor e fixese o seu rabaño menor e máis pobre, el non diría que é un mal pastor; se alguén fose un líder dunha cidade e fixese aos seus cidadáns máis pobres, el non estaría avergoñado nin pensaría que é un mal líder[20]". Aínda que é a relación entre Critias e o seu profesor anterior a que Xenofonte nega, é Caricles quen ameaza a Sócrates co castigo se non renuncia a seguir facendo declaracións contra o réxime[21]. Critias permanece no fondo da conversación, facendo soamente unha observación sobre a afinidade do filósofo cara aos "curtidores, artesáns, e aos traballadores do bronce[22]". Noutro cara a cara, Sócrates rifa a Critias pola súa atracción e comportamento excesivamente celoso por un fermoso rapaz chamado Eutidemo dicindo que el se fregaba contra outro home novo "como un pequeno porco que se rasca contra unha rocha[23]". Anécdotas como estas de Sócrates e de Critias, demostraban que ambos se divertían e se coñecían mutuamente, pero tamén estaban a miúdo en desacordo o un co outro.

A pesar das ameazas e a obvia tensión que había entre os dous, Sócrates sobreviviu ao terror e á guerra civil posterior. Quizais foi pola insistencia de Critias polo que o comportamento insubordinado de Sócrates foi pasado por alto durante o terror. Fose a que fose a razón, está claro nos acontecementos do procesamento de Sócrates no ano -399  e as reprimendas dispersadas na literatura dos séculos -IV e -III , que a unión entre Critias e o filósofo se propagou rapidamente na mente popular[24].

Notas

  1. Andócides, Sobre os misterios, 47,
  2. Lisias, Contra Eratóstenes, 43.
  3. Xenofonte, Helénicas, 2, 3 y 4.
  4. Cornelio Nepote, Alcibíades, 10; Plutarco, Vida de Alcibiades, 38, 5.
  5. Xenofonte, Helénicas, ii, 4, 8.
  6. Xenofonte, Helénicas, ii,3, 49.
  7. Xenofonte, Helénicas, ii, 3, 11-13.
  8. Escolio a Esquines, Contra Timarco, 39.
  9. Aristóteles, Constitución dos atenienses, 35, 4.
  10. Platón, Carta VII, 324d.
  11. Filóstrato, Vidas dos sofistas, 1 ,16.
  12. Platón, Cármides, 155a.
  13. Platón, Cármides, 157e e Solón, fr 22 en "Iambi et Elegi Graeci" segunda edición, M.L. West, Oxford, 1992.
  14. Filóstrato, Vidas dos sofistas, 1, 16.
  15. Ateneo, Banquete dos eruditos, iv, 84d.
  16. Xenofonte, Recordos de Sócrates, 1, 2, 12.
  17. Platón, Cármides, 161b.
  18. Platón, A República, 433a-b.
  19. Xenofonte, Recordos de Sócrates, 1 ,2, 31.
  20. Xenofonte, Recordos de Sócrates, 1, 2, 32.
  21. Xenofonte, Recordos de Sócrates, 1, 2, 37-38.
  22. Xenofonte, Recordos de Sócrates, 1, 2, 37.
  23. Xenofonte, Recordos de Sócrates, 1, 2, 29-30.
  24. Xenofonte, Recordos de Sócrates, 1, 2 12; Esquines, Contra Timarco, 173; e fragmento cómico 3:122 en T. Kock, ed. Comicorum Atticorum Fragmenta. Teubner 1880-1888.

Véxase tamén


Outros artigos

Ligazóns externas

  • Ficha de Critias no sitio Theoi (búsquese en "5TH CENTURY B.C. - 12"); en inglés.
  • Sobre Critias: texto inglés, con índice electrónico, no Proxecto Perseus. Na parte superior dereita atópanse os rótulos activos "focus" (para cambiar ao texto grego) e "loade" (para o texto bilingüe).
  • Hermann Alexander Diels: Fragmentos dos presocráticos (Die Fragmente der Vorsokratiker). A primeira edición fíxose en 1903 en Berlín, e foi dirixida polo propio Diels. A partir da 5ª, substituiría a Diels Walther Kranz.

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!