Concesionaria de Liñas Aéreas Subvencionadas, S.A. (CLASSA) foi unha aeroliña española, creada o 13 de maio de 1929 e que realizou o seu primeiro voo o 27 de maio de 1929 entre Xetafe (Madrid) e Sevilla.[1][2]
A aeroliña, que cesou as súas operacións o segundo ano da Segunda República, gañou unha boa reputación por non ter ningún accidente aéreo durante a súa existencia.[3]
Historia
Foi creada a instancias do ditame do Directorio Militar do xeneral Miguel Primo de Rivera para formar un monopolio cunha soa compañía que agrupase todas as existentes por entón en España (Iberia LAE, Unión Aérea Española (U.A.E.), Compañía Española de Aviación, Compañía Española de Tráfico Aéreo (C.E.T.A.) e a compañía de dirixibles Transaérea Colón). Todas elas foron forzadas a achegar as súas rutas e avións á recentemente creada CLASSA, pero retiñan parte do accionariado de CLASSA.
Tras a proclamación da Segunda República Española nacionalizouse a totalidade dos servizos públicos aéreos, suspendéndose o contrato entre CLASSA e o Estado, incautando os bens da compañía e traspasándoos a unha compañía pública de nova creación. O 23 de setembro de 1931, declarouse nulo o contrato entre a CLASSA e o Estado, as liñas aeropostais explotadas por CLASSA pasaron a mans da compañía Liñas Aeropostais Españolas LAPE, que viu recoñecidos os seus dereitos de explotación pola Lei de 8 de abril de 1932. Entre 1932 e 1933, o servizo aéreo de LAPE quedou limitado ás liñas Madrid-Sevilla e Madrid-Barcelona. En marzo de 1934 reiniciouse o servizo con Canarias e en setembro dese mesmo ano abriuse a liña Madrid-Valencia. Un ano despois, en 1935, funcionaron de forma intermitente as liñas Barcelona-Palma de Mallorca, Barcelona-Valencia e Valencia-Palma de Mallorca. A comezos do verán de 1936, a liña das Canarias prolongouse co enlace As Palmas-Tenerife. Todos os accionistas de CLASSA recibiron unha indemnización por iso.
Utrilla Navarro, Luis; García Cruzado, Marcos (2005). Madrid: Aeropuertos Españoles y Navegación Aérea, S.A., ed. Historia de los Aeropuertos de Madrid (I). ISBN 8496456315.