Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Comercio atlántico de escravos

Estiba dun barco escravista británico (1788).
Reprodución dun cartel anunciando unha poxa de escravos en Charleston, Carolina do Sur, en 1769.

O comercio atlántico de escravos, tamén coñecido como o comercio transatlántico de escravos, fai referencia ó tráfico de escravos que tivo lugar a través do océano Atlántico entre os séculos XVI e XIX. A inmensa maioría dos escravos envoltos no tráfico atlántico eran africanos das zonas centrais e occidentais do continente, na súa maioría prisioneiros das guerras entre etnias rivais que eran vendidos por comerciantes africanos de escravos a compradores europeos, quen os transportaban ás súas colonias en Norte e Suramérica. Alí, os escravos eran obrigados a traballar nas plantacións de café, coco, tabaco e algodón, nas minas de ouro e prata, nos campos de arroz, na industria da construción, na madeira, na construción de barcos e en fogares como serventes.

O comercio de escravos é denominado «Maafa» por académicos africanos e afroamericanos, termo que significa «holocausto» ou «gran desastre» en suahili. Algúns académicos, como Marimba Ani e Maulana Karenga, utilizan as expresións «holocausto africano» ou «holocausto da escravitude».[1]

Precedentes

Artigo principal: Escravitude.

Viaxe atlántica

O comercio atlántico de escravos comezou tralas primeiras relacións entre continentes que puxeron en contacto o Vello Mundo (Europa e África) co Novo Mundo (América). Durante séculos, as correntes fixeran as viaxes a través dos océanos especialmente difíciles e arriscadas para os barcos dispoñibles na época, o que impedira o contacto entre eses continentes.[2] Porén, no século XV, os novos desenvolvementos tecnolóxicos europeos permitiron a construción de buques mellor preparados para enfrontarse a esas correntes, o que facía posible as viaxes polo océano Atlántico. Ó logralo, os mercantes europeos entraron en contacto con sociedades na costa oeste de África e en América con quen nunca antes entraran en contacto.[3]

Escravitude africana

A escravitude era practicada nalgunhas partes de África, Europa, Asia[4] e América antes do comezo do comercio atlántico de escravos.[4][4] Existe evidencia de escravitude levada a cabo por algúns estados africanos, quen exportaban escravos á súa vez a outros estados africanos, europeos e asiáticos con anterioridade á colonización europea de América.[5]

O comercio atlántico de escravos non foi o único comercio de escravos que tivo lugar en África, aínda que foi o maior en volume e intensidade. Tal e como Elikia M’bokolo escribiu en Le Monde diplomatique, «o continente africano foi sangrado dos seus recursos humanos por todas as rutas posibles. A través do Sáhara, do mar Vermello, dende os portos do océano Índico e a través do Atlántico. Polo menos dez séculos de escravitude en beneficio do mundo musulmán (dende o século noveno ó dezanove). Catro millóns de persoas escravizadas exportadas a través do mar Vermello, outros catro millóns a través dos portos suahili do océano Índico, aproximadamente nove millóns na ruta das caravanas trans-sahariana, e de once a vinte millóns (dependendo do autor) a través do océano Atlántico.»[6][7]

Séculos XVI-XIX

Grupo de homes, mulleres e nenos capturados para seren levados a un mercado de escravos.

O comercio atlántico de escravos adoita dividirse en dúas eras, coñecidas respectivamente como o primeiro e segundo sistema atlántico.

O primeiro sistema atlántico foi o comercio de africanos escravizados cara a, principalmente, as colonias americanas dos imperios español e portugués. Representou só arredor do 3% de todo o comercio atlántico de escravos. Comezou, nunha escala significativa, cara a 1502 e mantívose até 1580, cando Portugal se uniu temporalmente con España.[8] Mentres que os portugueses comerciaban por si mesmos con escravos, o imperio español utilizaba o sistema do asiento, concedendo ós mercantes (maioritariamente doutros países) a licenza para comerciar con escravos coas súas colonias. Durante o primeiro sistema atlántico, a maior parte dos comerciantes foron portugueses, quen ostentaron un case monopolio deste tráfico, aínda que algúns comerciantes holandeses, ingleses, españois e franceses tamén participaron no comercio de escravos.[9] Trala unión, Portugal quedou debilitado, sendo o seu imperio colonial atacado polos holandeses e británicos.

Principais rexións de procedencia de escravos en África, entre os séculos XV e XIX.

O segundo sistema atlántico refírese ó tráfico de africanos escravizados realizado maioritariamente por comerciantes británicos, portugueses, franceses e holandeses. O principal destino desta fase foron as colonias caribeñas, o Brasil e Norteamérica, a medida que un número de países europeos construían colonias economicamente dependentes da escravitude no Novo Mundo. Entre os propoñentes deste sistema están John Hawkins e Francis Drake.

Só unha cifra lixeiramente superior ó 3% das persoas escravizadas foron comerciadas entre 1450 e 1600, 16% no século XVII. Máis da metade deles foron exportados no século XVIII, sendo o restante 28,5% obxecto de tráfico durante o século.[10]

Nunha data tan tardía como 1860 chegou a Alabama o último barco negreiro estadounidense, o Clotilde. A bordo ían máis dun cento de escravos capturados en África. Até 2019, creuse que o último sobrevivente dese grupo foi Oluale Kossola, Cudjo Lewis, que morreu en 1935, pero unha investigación daquel ano sinalou a unha muller chamada Rodisha, á que o seu amo lle puxo o nome de Sally Smith, como a última escrava africana xa que morreu dous anos despois, en 1937.[11]

Notas

  1. "African Holocaust Special". African Holocaust Society. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2017. Consultado o 22 de febreiro de 2011. 
  2. Thornton 1998. pp. 15-17.
  3. Thornton 1998. pp. 13.
  4. 4,0 4,1 4,2 Historical survey > Slave societies
  5. Ferro, Mark (1997). Colonization: A Global History. Routledge. p. 221, ISBN 978-0-415-14007-2.
  6. Elikia M’bokolo, 2 de abril de 1998, The impact of the slave trade on Africa, Le Monde diplomatique[1]
  7. "Slave trade: a root of contemporary African Crisis". 2000. Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2012. Consultado o 15 de abril de 2012. 
  8. Anstey, Roger: The Atlantic Slave Trade and British abolition, 1760–1810. Londres: Macmillan, 1975, p.5.
  9. Emmer, P.C.: The Dutch in the Atlantic Economy, 1580–1880. Trade, Slavery and Emancipation. Variorum Collected Studies Series CS614, 1998, pp.17.
  10. Lovejoy, Paul E.:The Volume of the Atlantic Slave Trade. A Synthesis. In: Northrup, David (ed.): The Atlantic Slave Trade. D.C. Heath and Company 1994.
  11. "La última esclava africana". 8 de abril de 2019. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Prefix: a b c d e f g h i j k l m n o p q r s t u v w x y z 0 1 2 3 4 5 6 7 8 9

Portal di Ensiklopedia Dunia

Kembali kehalaman sebelumnya