O Club Sportif Bourgoin-Jallieu Rugby, ou CS Bourgoin-Jallieu, é un club de rugby francés da vila homónima, que compite na Fédérale 1, a terceira categoría do rugby francés. A súa mellor tempada foi a 1996/97, na que foi subcampión do Top 14 e campión da Challenge Cup. O club está ausente da máxima categoría do rugby francés dende a tempada 2010/11.
O club foi fundado en 1906 co nome de Club Sportif Bergusien; bergusiens é o antropónimo de Bourgoin. Durante o período de entreguerras, o club xogará na segunda división do rugby francés (nomeada Honneur, Excellence A ou Deuxième Division segundo a época). A partir de 1949, o CSBJ vai manterse sistematicamente na segunda división. En 1956 troca o seu nome polo nome actual de Club Sportif Bourgoin-Jallieu.
En 1965, o Bourgoin acada o seu primeiro título de importancia, o Campionato d'Excellence ao derrotar por 14-6 ao Beaumont-de-Lomagne na final de Aviñón, coseguindo competir por primeira vez na primeira división (chamada Nationale). Os 12 anos seguintes o club estará descendendo e ascendendo de categoría: descende en 1968, ascende en 1971, descende novamente en 1972, ascende novamente en 1973 e un novo descenso chega en 1979. Logo do último ascenso en 1981, o club non volve descender.
Grazas ás boas xeracións de xoves deportistas, o CSBJ conseguiu xeralmente boas clasificacións no campionato, mais sen gañalo en ningunha ocasión. Logo dunha primeira semifinal de campionato en 1995, perdida fronte ao Stade Toulousain, o equipo de Bourgoin-Jallieu chega á final en 1997, que perderá fronte ao Tolosa. Aquel ano será o mellor momento do club, xa que se alzará como campión da European Challenge Cup,a «segunda» competición de rugby de Europa, gañando ao Castres. Ese mesmo ano tamén xogou a final do Challenge Yves du Manoir. En 1999, o club xogou novamente unha final do Yves du Manoir perdéndoa contra o Stade Français. Durante os seguintes anos, o CSBJ xogou dúas semifinais máis desta competición en 2004 e en 2005.
Bourgoin disputou unha final da liga francesa en 1997. Tamén disputou as semifinais en 1995, 1999, 2004 e 2005.[1]
Bourgoin disputou tres finais da segunda competición continental, gañando unha delas en 1997[2] e perdendo as outras dúas.