O Club Polideportivo Ejido, máis coñecido como Poli Ejido, foi un club de fútbol español da cidade de El Ejido, na provincia de Almería. Foi fundado en 1969 e durante a tempada 2011–12 o club se atopaba acollido á Lei Concursal debido á paupérrima situación económica da entidade. Nun principio conseguiu evitar o descenso administrativo a Terceira División grazas ao proceso concursal, pero acabou retirándose da competición e descendiendo, despois de chamarse Poli Ejido 2012 SD. No verán de 2012 fundouse o Club Deportivo El Ejido 2012 como sucesor do equipo.
Na tempada 2011–12 o club atopábase na peor situación económica e deportiva posible xa que encadeaba unha serie de débedas que obrigou a poxar a entidade o 27 de decembro de 2011. O 9 de xaneiro de 2012 o club deu a carta de liberdade a tódolos xogadores ao non facerse efectiva a chegada dun comprador ao club, deixando a este á beira da disolución. Finalmente, o 18 de xaneiro anunciouse a renuncia á súa praza na Segunda División B, respectando os resultados até a data.[1]
O estadio do Poli Ejido é o Municipal de Santo Domingo, inaugurado en 2002 e que ten unha capacidade de 7.870 espectadores. As dimensións do campo de xogo son de 105 × 68 metros. O complexo conta con vestiarios, sala antidopaxe, sala médica, sala de prensa, sala de trofeos, iluminación, megafonía, bar e aseos, e o campo está distribuído en tribuna cuberta, preferencia e fondo novo.