Cleopatra Filopator Nea Thea, Cleopatra VII, nada contra o ano 69 a.C. e finada o 12 de agosto do 30 a.C., foi a última raíña de Exipto, da dinastía helénica dos Tolomeo, aquela que creou Tolomeo I Sóter, xeneral de Alexandre Magno.
Traxectoria
Era filla de Cleopatra V Trifea I e de Tolomeo XII Auletes, a quen herdou no trono á idade de 17 anos, xunto co seu irmán Tolomeo XIII (que contaba tan só con 12 anos), que sería o seu esposo, segundo requirimento das leis de reinado e sucesión do momento. Cleopatra é un nome grego que significa «o orgullo do seu pai».
Comezos do reinado
Cleopatra tiña varios irmáns: Berenice IV e Cleopatra VI como irmás máis vellas (ambas reinaron en vida do seu pai, ao cal expulsaran do reino), unha irmá máis nova chamada Arsínoe IV e dous irmáns máis novos chamados Tolomeo XIII e Tolomeo XIV. A educación de todos eles foi puramente grega, segundo costume tolemaico. Cleopatra foi o primeiro membro desta dinastía que aprendeu a falar o idioma exipcio; mais non só coñecía este idioma senón tamén o grego, o hebreo, o siríaco e o arameo e talvez tamén o latín. Aprendeu así mesmo literatura, música, ciencias políticas, matemáticas, astronomía e medicina. Ademais tiña fama de ser unha muller moi bela e de modos doces e educados.
Nos tres anos do seu reinado, o seu irmán Tolomeo, aconsellado polos seus asesores Pothinus e Achelas, expulsou a súa irmá do trono e obrigouna a marchar para o exilio en Siria. Desde esta rexión Cleopatra pretendeu recuperar o trono, reunindo un bo exército para este fin, mais realmente non conseguiu nada até a chegada a Alexandría de Xulio César no ano 48 a.C.. Un ano despois, no 47, Tolomeo XIII morreu en combate e Xulio César proclamou a Cleopatra raíña absoluta de Exipto e ademais obrigouna a casar de novo co seu outro irmán máis novo, que tiña 12 anos e que sería Tolomeo XIV.
Como consecuencia da loita no mar entre a armada romana e a grega declarouse un grande incendio que chegou á cidade de Alexandría e o resultado final foi a perda de moitos e importantes edificios, entre outros o famoso Museo coa súa biblioteca.
Xulio César e Marco Antonio
Xa vimos como a familia real de Cleopatra desencadeara unha guerra civil entre os seus membros. Xulio César chegou a Exipto como xeneral romano para resolver esa cuestión e foi entón cando se deu a batalla no mar e o incendio de Alexandría. Despois de asegurar a Cleopatra no trono exipcio e casala co que foi Tolomeo XIV (o seu irmán máis novo), Xulio César regresou para Roma. Mais Cleopatra decidiu seguilo, para o cal se preocupou de deixar no reino un goberno seguro. En Roma viviu como concubina de César e alí naceu o seu fillo (que se supón o era tamén de Xulio César) ao que chamaron Cesarión. No ano 44 a.C. sucedeu o asasinato de César, proxectado e executado por un grupo de familias senatoriais republicanas que vían nel a ambición dun futuro rei, cousa que odiaban. Despois da súa morte, Cleopatra regresou co seu fillo a Exipto; dise que mandou envelenar o seu irmán, o rei Tolomeo XIV, e que converteu a Cesarión en co-rexente.
Marco Antonio era un xeneral e político romano, amigo de Xulio César, que fora comandante xefe no seu exército. Após o asasinato deste, perseguiu os culpábeis, Marco Bruto e Caio Casio e ademais soubo enfrontar o pobo romano contra eles e soubo gañar o apoio e a inclinación das xentes a favor del. Ao xurdir outros dous rivais, formaron un triunvirato. Desencadeouse desta maneira unha guerra civil entre os partidarios do triunvirato e os seguidores republicanos. Marco Antonio chamou na súa axuda á raíña Cleopatra, para que acudira coas súas naves a Tarso na actual Turquía, mais a raíña negouse a que Exipto entrase nunha guerra civil dos romanos. Marco Antonio decidiu entón viaxar a Exipto para falar directamente coa soberana e pedirlle explicacións. O resultado desta viaxe foi que ambos os personaxes se namoraron e que Marco Antonio decidiu quedar en Exipto ao lado de Cleopatra. Mais os asuntos de Roma reclamábano e no ano 40 a.C. tivo que regresar á capital do imperio. Alí cumpriu coa promesa de casar con Octavia, irmá de Caio César Octavio Augusto, o futuro primeiro emperador de Roma e sobriño neto de Xulio César. Octavio (que así se chamaba naquel tempo) era grande amigo de Marco Antonio, aínda que co tempo e os acontecementos, esta amizade viuse truncada.
Tras a marcha de Marco Antonio para Roma, Cleopatra deu a luz dous nenos xemelgos. No ano 36 a.C., Marco Antonio viaxou cunha expedición para Oriente para loitar contra os partos. Cleopatra reuniuse alí con el e alí tiveron o seu terceiro fillo. A campaña tivo tal éxito que decidiron celebralo en Alexandría onde quedaron a vivir, até que no ano 32 a.C., Octavio declarou a guerra a ambos, sublevou o pobo romano contra a má conduta de Marco Antonio e este divorciouse oficialmente de Octavia. Deuse entón a batalla de Accio, no 31, que foi un desastre para Marco Antonio e a frota de Cleopatra. Despois desta derrota e enganado por un falso informe sobre a morte de Cleopatra, Marco Antonio suicidouse, deixándose caer sobre a súa propia espada.
Morte de Cleopatra
Octavio (o futuro emperador Augusto) acusara no ano 32 publicamente a Cleopatra de varios cargos moi graves: maxia, incesto, luxuria, adoración de ídolos animais… poñendo desta maneira na súa contra tanto o senado romano como toda a poboación. Dicíase que a mala conduta de Marco Antonio se debía aos embruxos desta raíña.
Os planos de Octavio eran tomar a raíña como prisioneira e levala a Roma para así demostrar a súa superioridade e a súa vitoria, mais non foi posíbel, xa que vendo o seu futuro como escrava talvez no seu propio país onde fora soberana, Cleopatra elixiu morrer e tomou a decisión de suicidarse. Pediu ás súas criadas Iras e Charmion que lle trouxesen unha cesta con froitas e que metesen dentro unha naia exipcia, a famosa áspide, responsábel da súa morte. Antes de morrer escribiu unha misiva a Octavio en que lle comunicaba o seu desexo de ser enterrada xunto a Marco Antonio.
Os fillos de Cleopatra
Despois da batalla de Accio e temendo o peor, Cleopatra quixo mandar o seu fillo Cesarión lonxe de Exipto cara ao sur, mais foi traizoado polo seu profesor particular, Rhodon, e foi asasinado por orde de Octavio.
Despois da morte de Cleopatra, os seus outros fillos foron levados para Roma e criados pola esposa de Octavio. Cleopatra Selene casou co rei Xuba II de Mauritania e tiveron un fillo, ao que chamaron Tolomeo e que herdou o reino do seu pai no ano 23 a.C., até que o emperador Calígula o mandou matar corenta anos despois. De Alexandre Helios e Tolomeo Filadelfo non se sabe ben o seu paradoiro, aínda que se cre que se foron vivir a Mauritania xunto coa súa irmá.
O tema de Cleopatra
A súa vida e a súa morte, así como os seus amores cos dous personaxes romanos, Xulio César e Marco Antonio, serviron de inspiración a través dos tempos a literatos e cineastas. As obras máis famosas son Cleopatra e Marco Antonio (1606), de William Shakespeare, Todo por amor (1678), do autor teatral inglés John Dryden e César e Cleopatra (1901) de George Bernard Shaw. O cine deu a famosa película Cleopatra, protagonizada pola actriz Elizabeth Taylor.
En total, entre os anos 1540 e 1905, escribíronse: 200 obras de teatro, 5 óperas, 5 ballets, incluso un dos cómics do popular Astérix o galo estaba dedicado a ela e a súa historia Asterix e Cleopatra. Realizáronse pinturas e esculturas (Tépolo, Regnault etc.). Os cineastas Méliès Mankiewicz e Cecil B. De Mille dedicáronlle boas producións. No 2001 o Museo Británico dedicoulle unha exposición e con ese marco houbo un interesante debate sobre a súa beleza. E ademais de todo isto, existe unha marca de cigarros que leva o seu nome.
Na Universidade de Beiging produciuse o sorprendente descubrimento dunha lousa coa figura de Cleopatra en relevo vestida de home. É a terceira imaxe da raíña exipcia que aparece baixo esta roupaxe, o que fai pensar aos investigadores na súa razón de ser. Algúns afirman que as raíñas exipcias vestían de home para aumentar o efecto do seu poder a través da masculinidade. Segundo outros, Cleopatra aparece vestida de home pola simple preguiza dos artistas que realizaron os gravados.
No ano 2007 fíxose pública a descuberta da posible tumba de Cleopatra e Marco Antonio en Tabusiris Magna, un templo afundido baixo o mar a 30 quilómetros de Alexandría.
Véxase tamén
Bibliografía
Véxase tamén
Outros artigos