Ciudad Universitaria é un barrio da cidade de Madrid (España), situado no distrito de Moncloa-Aravaca. Alberga as instalacións de diversas universidades, de aí o seu nome.
Ten unha superficie de 1.425,09 hectáreas. Oficialmente os límites do barrio son: polo norte, a avenida da Ilustración e a tapia do Monte de El Pardo; polo leste, as rúas Juan José López Ibor, Nova Zelandia, Isla de Oza, Antonio Machado, Francos Rodríguez, Numancia, Doutor Federico Rubio e Gali, e a avenida Pablo Iglesias; polo sur, a avenida da Raíña Victoria, a avenida Moncloa, o paseo de Xoán XXIII, a rúa de Isaac Peral, a avenida da Memoria, a avenida de Séneca, e a estrada de Castela; e polo oeste, os valos do Hipódromo da Zarzuela e a tapia da Casa de Campo.
Neste barrio sitúase a maior parte das facultades e escolas superiores da Universidade Complutense de Madrid e da Universidade Politécnica de Madrid, así como máis dunha trintena de colexios maiores e instalacións da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Nesta área de marcado ambiente universitario existen, ademais das facultades e reitorados, numerosas residencias de estudantes, colexios maiores, tres polideportivos, piscinas, un xardín botánico e extensas zonas verdes.
Por último, cabe destacar que dentro deste barrio atópase unha das zonas residenciais máis caras de Madrid, a Cidade Porta de Hierro.