Tras aparecer en pequenos papeis no cinema e na televisión no principio da súa carreira, Tyson recibiu atención polo público e a crítica pola súa interpretación de Rebecca Morgan en Sounder (1972), pola que foi candidata ao Óscar e ao Globo de Ouro. O seu traballo como protagonista no telefilme de 1974 The Autobiography of Miss Jane Pittman valeulle eloxios e premios, como dous Emmy e unha candidatura ao premio da BAFTA.
Tyson continuou a actuar no cinema e na televisión no século XXI. En 2011, interpretou o papel de Constantine Jefferson no filme The Help e tamén realizou o papel de Ophelia Harkness no drama legal da ABCHow to Get Away With Murder dende o comezo da serie.
Tyson foi honrada polo Kennedy Center en 2015 e en novembro de 2016 recibu a Medalla Presidencial da Liberdade, o máis alto honor para un civil nos Estados Unidos.
Vida persoal
Tyson saíu por primeira vez co trompetista de jazzMiles Davis na década de 1960, mentres el estaba a divorciarse da bailarina Frances Davis.[4] Davis empregou unha fotografía de Tyson para o seu álbum de 1967, Sorcerer. Davis dixo a prensa en 1967 que intentou casar con Tyson en marzo de 1968 despois de que o seu divorcio finalizase,[5] mais casou coa cantante Betty Davis ese mesmo setembro.[6] Tyson e Davis retomaron a súa relación en 1978 e casaron o 26 de novembro de 1981 nunha cerimonia presidida polo alcalde de Atlanta Andrew Young na casa do actor Bill Cosby. O matrimonio foi tumultuoso polo temperamento volátil de Davis e as súas infidelidades.[7] Davis conta que Tyson salvou a súa vida e axudouno a superar a súa adicción á cocaína.[7] Viviron entre Malibú e Nova York, ata que ela solicitou o divorcio en 1988.[8] O proceso de divorcio finalizou en 1989, dous anos antes da morte de Davis.[7]