O Centro Democrático Liberal (CDL) foi un partido político centrista de ámbito español que se organizaba en Federacións, entre elas a galega, e que se disolveu en febreiro de 2014 para integrarse en Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía[1].
No seu XI Congreso Nacional, celebrado en novembro de 2005, o Centro Democrático y Social, fundado por Adolfo Suárez en 1982 trala disolución da UCD, decidiu integrarse no Partido Popular. Un sector do CDS, descontento con esta decisión, decidiu o 14 de febreiro de 2006 constituír un novo partido de corte centrista.[2]
É un partido federalista, con militantes en toda España. O seu Presidente Fundador foi Víctor Manuel Sarto Lorén. Contaba cuns 40 militantes e 5 concelleiros trala celebración do seu I Congreso Nacional, o 21 de maio de 2006. O seu primeiro reto foron as eleccións municipais e autonómicas de España do 2007, nas que obtivo 39 concelleiros e 5 alcaldes, sendo a terceira forza política en cargos electos na circunscrición de Cuenca.[3]
En marzo de 2007, membros adscritos á Secretaría de Xuventude do CDL fundan a asociación xuvenil Jóvenes de Centro e no mes de Santiago, o Partido Europeo Liberal de España intégrase nestas ringleiras e acordan fortalecer todos xuntos a CDL como o referente español dos liberais demócratas europeos, tramitando así a entrada do Centro Democrático Liberal no ELDR.
No seu II Congreso Nacional, celebrado en Madrid os días 19 e 20 de xaneiro de 2008, resultou elixido con tódolos votos menos un, o novo líder dos liberais demócratas españois, Manuel Alonso. O novo Presidente fora deputado centrista por Madrid na IV Lexislatura e Secretario Xeral do Comité Executivo Nacional do CDS presidido por Adolfo Suárez.
Tralas eleccións europeas de 2009 o partido decidiu afrontar o seu III Congreso Nacional, no que saíu elixido Sean O'Curneen Cañas como Presidente Nacional, quen fora artífice da entrada do CDL no ELDR o 16 de abril de 2009.
O CDL de Galicia formouse con motivo das Eleccións municipais de 2007 por un pequeno grupo de persoas da área metropolitana de Vigo que decidiu presentarse o 27 de maio baixo as devanditas siglas. A persoa que aglutinou o proxecto foi Xosé Manuel Palacín. Dous meses despois dos comicios Palacín foi nomeado Presidente Federal por unanimidade. Porén, graves problemas persoais levárono á renuncia en marzo de 2008. Dende aquela, e durante case un ano, o CDL de Galicia quedou descabezado e desfíxose irremisiblemente.
Froito do descabezamento foi o principio de colaboración que o lucense Ignacio Expósito, exsecretario Xeral, asinou con TEGA nas Autonómicas de 2009 coa inclusión dun membro do CDL por lista circunscricional[4].
No entanto, o 14 de marzo de 2009, trala I Convención Nacional celebrada en Madrid, Xosé Manuel Palacín foi elixido novamente, esta vez como Portavoz para dirixir o futuro do partido Liberal Demócrata. O Secretario Portavoz foi Javier Vázquez Refojos, estudante de Historia e Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela.
O seu primeiro labor foi comezar a organizar o partido na provincia de Pontevedra, que multiplicou por cinco deseguido a súa afiliación[Cómpre referencia]. O 9 de agosto de 2009 celebrouse a I Asemblea do CDL Pontevedra na que saíu elixido como Presidente Provincial Luís Manuel Fraga. Na provincia da Coruña o portavoz nomeado é Tomás Revuelta. As outras dúas provincias quedaron vacantes ata a incorporación de Pedro Santos por Ourense e Ignacio Expósito por Lugo a finais dese ano.
A comezos do mes de maio de 2010 CDL Galicia integra o partido Colectivo Ciudadanos Unidos (CCU).
O 19 de xuño do 2010 celébrase en Vigo o I Congreso Federal do CDL Galicia. O único candidato á presidencia do partido en Galicia é Xosé Manuel Palacín. Ó Congreso asisten varios representantes do partido a nivel nacional, o presidente envía unha mensaxe a través dun vídeo. Debátese e apróbase o modelo de artellamento do partido en Galicia e vótase a elección do Presidente Federal no que Palacín sae elixido coa súa candidatura.
O 17 de outubro e coincidindo coa visita a Galicia de Gemma Sambruno, Secretaria de Relacións Internacionais do CDL, o partido organizou na Guarda a Constitución da primeira "Vocería Local Oficial" que recaeu en Xermán Cordero.
O 18 de decembro constituíase a I Xestora Local Oficial de Galicia en Vigo. Ó acto achegouse todo o Comité Executivo Nacional e foi elixida para a súa dirección María José García.
Non obtivo concelleiros.
Obtivo un concelleiro no Incio (10,75% dos votos) e outro en Láncara, Carlos Fdez Díaz "Meilán" (co 9,72%; superando en votos ao BNG). Presentou candidaturas en Sarria (0,97%) e en Samos (6,80% dos votos).
Non presentou ningunha candidatura.
Converteuse nun partido con forza no Val Miñor e no Baixo Miño. Obtivo 2 escanos en Gondomar, Natalia Salgueiro e Ignacio Troncoso (co 9,66% dos votos), 1 concelleiro en Tomiño, José Antonio Souto (6,19%) e outro representante en Nigrán, Antonio Fdez Comesaña (aquí presentouse en coalición coa Unión Centrista de Nigrán e obtivo o 6,04% dos apoios).
Non obtivo representación en Vigo (0,22%). O candidato foi Alberto Martínez, o máis novo de España (19 anos).
Obtivo un total de 54 concelleiros e catro alcaldías. Tivo os seus principais puntos fortes na provincia de Alacant con 13 escanos, na provincia de Palencia con tres alcaldías (Buenavista de Baldavia, Lagartos e Santervás de la Vega) e na provincia de Valladolid, coa alcaldía de Bolaños del Campo. O concello de España onde máis porcentaxe de votos obtivo foi na palentina Santervás de la Vega co 64,97% dos votos e cinco escanos dos sete en total que se repartían.
Ó longo dese medio ano tralas municipais foron artellándose as xestoras de Tomiño e Gondomar presididas por José Antonio Souto e Natalia Salgueiro. No Nadal de 2011 nomeouse a nova voceira por Lugo, a lancaresa Mónica Sánchez e nesas datas comezou a negociación co grupo dos Independentes de Portomarín capitaneados por Roberto Rodríguez. A integración fíxose efectiva o día 31 de marzo, ó igual que a constitución da xestora de Láncara con Carlos Meilán como presidente.
Para as autonomicas galegas de outubro de 2012 o partido elixe como candidato ao propio Presidente, José Palacín. Obtén 1554 votos, multiplicando por oito a última referencia de sufraxios, as Europeas 2009. A raíz disto o CDL Galicia crea o Consello Municipal Liberal ao que se engaden catro concelleiros independentes e se crea o comité local do CDL Ourense cidade.
Cando o partido estaba na súa máxima expansión en Galicia chegou o 4º Congreso Nacional celebrado en outubro de 2012 en Madrid e o cal supuxo o rexeitamento das teses federalistas da federación galega.
A mediados do ano seguinte remataba o mandato de José Palacín quen anunciou que non se ía presentar no seguinte congreso galego. Sen o seu líder, o CDL de Galicia quedou desartellado e en franca descomposición.
Finalmente ó ano seguinte (2014) CDL integrouse a C´s (partido de Albert Rivera), así e todo ninguén en Galicia subscribiu o dito pacto.