A bradicinina é un potente vasodilatador dependente do endotelio, que orixina unha baixada na presión arterial. Tamén causa a contracción do músculo liso non vascular dos bronquios e tracto gastrointestinal, incrementa a permeabilidade vascular e tamén está implicado no mecanismo da dor.[5] A bradicinina tamén causa a natriurese, contribuíndo á baixada da presión arterial.
A bradicinina tamén se pensa que é a causa da tose seca nalgúns pacientes que toman fármacos inhibidores do encima convertedor da anxiotensina (ACE). Pénsase que a bracinina é convertida en metabolitos inactivos pola ACE, polo que a inhibición deste encima conduce a un incremento dos niveis de bradicinina, o que causa unha tose seca por broncoconstrición. En casos graves, a elevación dos niveis de bradicinina pode ter como resultado un anxioedema, unha emerxencia médica.[7] As persoas de descendencia africana teñen un risco ata 5 veces maior de ter un anxioedema inducido por inhibidor de ACE debido a factores de risco de predisposición hereditaria como o anxioedema hereditario.[8] Esta tose rebelde é unha causa común de ter que parar a terapia con inhibidor de ACE, e nese caso a seguinte liña de tratamento é usar antagonistas do receptor da anxiotensina II (ARB).
A sobreactivación da bradicinina crese que xoga un papel clave nunha rara doenza chamada anxiodema hereditario, ou edema anxio-neurótico.[9]
A secreción inicial de bradicinina posnatal causa a constrición e finalmente a atrofia do conduto arterioso, formando o ligamento arterioso entre o tronco pulmonar e o arco aórtico. Tamén xoga un papel na constrición e oclusión final doutros vasos fetais, como as arterias e veas umbilicais. A vasoconstrición diferencial destes vasos fetais comparado coa resposta vasodilatadora doutros vasos suxire que as paredes destes vasos fetais son distintas das doutros vasos.[10]
O receptor B1 só se expresa como resultado de lesións no tecido e considérase que desempeña un papel na dor crónica. Este receptor tamén intervén na inflamación.[11] Máis recentemente, viuse que o receptor de cinina B1 recruta neutrófilos por medio da produción de quimiocinaCXCL5. Ademais, as células endoteliais foron descritas como unha fonte potencial desta vía do receptor B1-CXCL5.[12]
O receptor B2 exprésase constitutivamente e participa no papel vasodilatador da bradicinina.
Os receptores de cinina B1 e B2 pertencen á familia do receptor acoplado á proteína G (GPCR).
Historia
A bradicinina foi descuberta en 1948 por tres fisiólogos e farmacólogos brasileiros que traballaban no Instituto Biolóxico da cidade de São Paulo, Brasil, liderado polo Dr. Maurício Rocha e Silva. Xunto cos seus colegas Wilson Teixeira Beraldo e Gastão Rosenfeld, descubriron os poderosos efectos hipotensivos da bradicinina en apreparacións animais. A bradicinina foi detectada no plasma sanguíneo de animais despois da adición de veleno extraído da serpe Bothrops jararaca, traída por Rosenfeld do Instituto Butantan. O descubrimento formaba parte dun estudo continuo do shock circulatorio e de encimas proteolíticos relacionados coa toxicoloxía das trabadas de serpe, iniciados por Rocha e Silva xa en 1939. A bradicinina converteuse nun novo principio autofarmacolóxico, é dicir, unha substancia que é liberada no corpo por unha modificación metabólica a partir de precursores, que son activos farmacoloxicamente. Segundo B.J. Hagwood, biógrafo de Rocha e Silva, "O descubrimento da bradicinina conduciu a unha nova comprensión de moitos fenómenos patolóxicos e fisiolóxicos como o shock circulatorio inducido por velenos e toxinas."
Implicacións terapéuticas
A importancia práctica do descubrimento da bradicinina fíxose evidente cando un dos seus colaboradores na Universidade de São Paulo, o Dr. Sérgio Henrique Ferreira, descubriu un factor potenciador da bradicinina (BPF) no veleno botrópico, que incrementa poderosamente tanto a duración coma a magnitude dos seus efectos sobre a vasodilatación e a consecuente caída da presión arterial. Baseándose neste descubrimento, os científicos de Bristol-Myers Squibb desenvolveron o primeiro dunha nova xeración de fármacos antihipertensivos moi efectivos, os denominados inhibidores de ACE, como o captopril (comercializado co nome Capoten).
Actualmente, os inhibidores da bradicinina (antagonistas) están a desenvolverse como terapias potenciais para o anxioedema hereditario. O Icatibant é un deses inhibidores. Hai outros inhibidores da bradicinina. Tense observado en estudos animais que a bromelaína, unha substancia obtida dos talos e follas da planta do ananás, suprime o inchamento inducido por trauma causado pola liberación de bradicinina na corrente sanguínea e tecidos.[13] Outras substancias que actúan como inhibidores da bradicinina son o aloe[14][15] e os polifenois, substancias que se encontran no viño tinto e no té verde.[16]
A bradicinina é tamén liberada por tumores carcinoides, e dá lugar a síntomas parecidos á asma.
↑Dendorfer A, Wolfrum S, Wagemann M, Qadri F, Dominiak P (May 2001). "Pathways of bradykinin degradation in blood and plasma of normotensive and hypertensive rats". Am. J. Physiol. Heart Circ. Physiol.280 (5): H2182–8. PMID11299220.
↑Kuoppala A, Lindstedt KA, Saarinen J, Kovanen PT, Kokkonen JO (April 2000). "Inactivation of bradykinin by angiotensin-converting enzyme and by carboxypeptidase N in human plasma". Am. J. Physiol. Heart Circ. Physiol.278 (4): H1069–74. PMID10749699.
↑Lotz-Winter H (June 1990). "On the pharmacology of bromelain: an update with special regard to animal studies on dose-dependent effects". Planta Med.56 (3): 249–53. PMID2203073. doi:10.1055/s-2006-960949.
↑Bautista-Pérez R, Segura-Cobos D, Vázquez-Cruz B (July 2004). "In vitro antibradykinin activity of Aloe barbadensis gel". J Ethnopharmacol93 (1): 89–92. PMID15182910. doi:10.1016/j.jep.2004.03.030.
↑Richard T, Delaunay JC, Mérillon JM, Monti JP (December 2003). "Is the C-terminal region of bradykinin the binding site of polyphenols?". J. Biomol. Struct. Dyn.21 (3): 379–85. PMID14616033. doi:10.1080/07391102.2003.10506933.