Recibe o alcume de Bastón polo segundo apelido de seu pai, o exfutbolista galegoMiguel Bastón, histórico porteiro do Real Burgos.
Traxectoria
Comezos no Atlético de Madrid
Fillo do gardameta de MarínMiguel Bastón, Borja comezou a xogar ao fútbol tamén como porteiro e ao cinco anos entrou nas categorías inferiores do Atlético de Madrid, onde seu pai traballaba como adestrador de porteiros. Mais pronto cambiou a súa posición para pasar a ser dianteiro, batendo dende entón gran parte das marcas goleadoras das categorías inferiores do equipo colchonero.
Na tempada 2009/10 debutou co Atlético de Madrid B, na Segunda División B. Disputou 23 partidos co filial, marcando 12 goles, e o 15 de maio de 2010 debutou co primeiro equipo na derradeira xornada da Primeira División, contra o Getafe CF no Estadio Vicente Calderón, aínda que con escasa fortuna, pois ao pouco de entrar ao campo lesionouse de gravidade ao romper o ligamento cruzado anterior do xeonllo esquerdo.[1] A lesión mantívoo apartado dos terreos de xogo durante mais de seis meses, reaparecendo co filial mediada a tempada 2010/11, na vitoria por 1-0 do seu equipo fronte ao Cacereño.[2]
Cesións
Real Murcia
Para a tempada 2011/12 o Atlético de Madrid cedeuno ao Real Murcia, da Segunda División. Debutou na categoría de prata o 3 de setembro no partido correspondente á terceira xornada que enfrontou aos murcianos co Elche e cuxo resultado final foi unha derrota por un a cero. Borja entrou ao campo no minuto 45 substituíndo a Kike García. Tres días despois, o 6 de setembro xogou o seu primeiro partido de Copa do Rei na segunda eliminatoria desta. O partido finalizou con derrota 0-1 fronte ao Córdoba, quedando o Murcia eliminado. O 25 de setembro conseguiu ante o Numancia o seu primeiro gol na Segunda División, axudando a conseguir a definitiva vitoria por 2-1.
Huesca
Na tempada 2012/13 volveu saír cedido a un equipo de Segunda, esta vez ao Huesca.[3] Disputou 31 partidos, 19 deles como titular, nun equipo no que os dianteiros máis habituais durante a campaña foron Tariq e Nacho Novo, e que acabou descendendo á Segunda B.
Deportivo da Coruña
Na seguinte tempada foi cedido ao Deportivo da Coruña, tamén de Segunda, debutando con dous goles fronte ao Sabadell na primeira xornada.[4] Ás ordes de Fernando Vázquez, o club galego logrou o ascenso á Primeira División, e Borja foi o máximo goleador do equipo, con 10 tantos.[5] Con todo, o Deportivo decidiu non prorrogar a súa cesión por outro ano.[6]
Zaragoza
Na 2014/15 foi cedido ao Zaragoza de Víctor Muñoz, onde foi titular durante case todos os partidos e marcou 22 goles, sendo superado só polos 31 do bético Rubén Castro.[5] O equipo xogou a promoción de ascenso, onde caeu eliminado na final contra a UD Las Palmas.
Eibar
Na tempada 2015/16 viviu a súa quinta cesión consecutiva, desta vez a un equipo de Primeira: o Eibar. Co equipo de Mendilibar marcou 18 goles en liga, a cifra máis alta dun xogador do Eibar en Primeira.
Swansea
En agosto de 2016 foi traspasado ao Swansea City, da Premier League, por uns 18 millóns de euros, converténdose na fichaxe máis cara da historia do club galés.[7] Con todo, apenas dispuxo de minutos, sendo titular só en catro partidos durante unha convulsa tempada con varios adestradores, e na que o club ocupou postos de descenso durante boa parte da competición. Marcou un só gol na Premier, nun partido contra o Arsenal no Emirates Stadium, onde conseguiu bater ao gardameta Petr Čech.[8][9]
Para a tempada seguinte o Swansea cedeuno ao Málaga,[10] onde tivo unha desafortunada campaña, do mesmo xeito que o club, que acabou descendendo a Segunda.[11] Na 2018/19 xogou no Alavés, na que foi a sétima cesión da súa carreira deportiva.[12] No equipo vasco, adestrado por Abelardo, recuperou certa regularidade, disputando 29 partidos, 20 como titular, e marcando 5 goles.
Comezou a tempada 2019/20 xogando co Swansea no Championship, a segunda división inglesa á que o club descendera dúas tempadas antes. Disputou 19 partidos e marcou 6 goles, antes de desvincularse do club en xaneiro.[13]
Aston Villa
O derradeiro día do mercado invernal da tempada 2019/20 fichou polo Aston Villa, da Premier League, onde coincidiu co gardameta madrileño Pepe Reina e co mediapunta galego Jota Peleteiro. Só puido xogar dous encontros no club de Birmingham antes da irrupción da pandemia de COVID-19, que paralizou o deporte a nivel mundial, e xa non volveu disputar ningún minuto máis trala continuación da competición.[14]
Leganés
Despois de rematar o seu contrato co Aston Villa, asinou por unha tempada co Leganés, da Segunda División.[14] Disputou a maioría de partidos da tempada, formando na dianteira xunto con Arnaiz e Sabin Merino, e xogou a fase de ascenso a Primeira despois de rematar na terceira posición o campionato de liga.
Oviedo
En agosto de 2021 fichou polo Real Oviedo, da Segunda División.[5] Na súa primeira tempada no club asturiano, ás ordes do Cuco Ziganda, disputou 40 partidos de liga, nos que marcou 22 goles, proclamándose máximo goleador do campionato, empatado co uruguaio Cristhian Stuani. Na seguinte campaña sucedeu a Mossa como capitán do equipo e portou o brazalete durante dous anos, ata que ao remate da tempada 2023/24, na que o equipo quedou preto de conseguir o ascenso á Primeira División, decidiu non aceptar a oferta de renovación do club. Pechou o seu paso por Oviedo cun total de 119 partidos oficiais e 42 goles.[15]
Foi internacional coa selección española sub-16 e tamén coa sub-17 coa que disputou a Copa do Mundo de 2009 en Nixeria, terminando no terceiro posto e coa Bota de Ouro do campionato ao mellor goleador.[17] En 2011 xogou coa selección sub-19 o Campionato Europeo en Romanía, no que disputou dous partidos, contribuíndo á consecución do título por parte do combinado español, que derrotou na final á República Checa.