O Boeing 737 MAX é un avión de pasaxeiros de fuselaxe estreita desenvolvido por Boeing Commercial Airplanes como sucesor da serie Boeing 737 Next Generation. O 737 MAX é a cuarta xeración da familia 737, sendo o principal cambio o uso de máis grandes e eficientes motores CFM International LEAP-1B, winglets de tipo split-tip, e modificacións da fuselaxe. A nova serie anunciouse o 30 de agosto de 2011. Realizou o seu voo de estrea o 29 de xaneiro de 2016[1] e foi certificado pola Administración Federal de Aviación estadounidense (FAA) en marzo de 2017. A primeira entrega foi dun MAX 8 en maio de 2017 a Malindo Air, que comezou a operar o 22 de maio.[2]
A serie 737 MAX ofrécese en catro variantes, que van dos 138 aos 204 asentos nunha configuración típica de dúas clases[3] e cuns alcances entre os 6 110 e os 7 130 km. As versións son os 737 MAX 7, MAX 8 (incluído o máis denso MAX 200 de 200 asentos), e MAX 9, que substituirán aos 737-700, -800, e -900 respectivamente, e o máis alongado 737 MAX 10. En novembro de 2020 o Boeing 737 MAX tiña 3 290 pedidos.[4]
O 737 MAX sufriu un fallo recorrente no Sistema de Aumento de Características de Manobra (MCAS) causando dous accidentes fatais, o Voo 610 de Lion Air e o Voo 302 de Ethiopian Airlines, nos cales morreron 346 persoas.[5] Tras os accidentes toda a frota quedou en terra entre marzo de 2019 e novembro de 2020. As investigacións culparon ao encubrimento dun defecto coñecido por parte de Boeing, e a fallos na certificación por parte da FAA.[6][7] Tras ser acusada de fraude, Boeing tivo que pagar máis de 2 500 millóns de dólares en sancións e indemnizacións. Boeing fabricou máis de 450 MAX que agardaban ser entregados. A metade deles agardaba entregalos en 2021, e a meirande parte do resto en 2022. O 18 de novembro de 2020 a FAA aprobou que o MAX regresara ao servizo, tras unha serie de cambios obrigatorios no deseño e no adestramento de tripulacións. Transport Canada e a Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) certificaron o MAX a finais de xaneiro de 2021, suxeito a requisitos adicionais. A Administración de Aviación Civil da China (CAAC) fixo o mesmo a principios de decembro, cando máis de 180 países permitiran o regreso ao servizo do avión.
En xaneiro de 2024 a FAA ordenou inspeccións dos 737 MAX 9 cunha configuración semellante ao do voo 1282 de Alaska Airlines, que perdeu en voo o panel que cubriu unha saída de emerxencia sen usar causando unha descompresión descontrolada do avión.
Variantes
Os 737-700, -800 e -900ER, as versións máis estendidas do anterior 737NG,[8] son sucedidos polos 737 MAX 7, MAX 8 e MAX 9, respectivamente[9] (as designacións do certificado de tipo da FAA e de comercialización dende 2020 son 737-7, -8, e -9). O 737 MAX 8 entrou en servizo en maio de 2017,[2] o MAX 9 en marzo de 2018, e o MAX 200 (unha versión de alta densidade do MAX 8) comezou a operar en xuño de 2021. Agárdase que as entregas do MAX 7 e do MAX 10 comecen en 2024, tras anos de atrasos.[10]
En febreiro de 2018, Boeing preveu que o 60-65% da demanda do avión sería para a variante 737 MAX 8, o 20-25% para o MAX 9 e MAX 10 e o 10% para o MAX 7.[11]
737 MAX 7
Baseado orixinalmente no 737-700, Boeing anunciou o redeseño do MAX 7, derivado do MAX 8, no Farnborough Air Show de xullo de 2016, acomodando dúas filas máis de asentos que o 737-700 de 138 prazas, aumentando a capacidade en 12 pasaxeiros.[12][13] O redeseño usa a á e o tren de aterraxe do 737-8; un par de saídas sobre as ás en vez da configuración dunha única porta; unha fuselaxe case 2 metros máis longa; recalibración e reforzo estrutural; e modificacións de sistemas e interiores para acomodar a maior lonxitude.[14] Pode alcanzar 1 900 km máis que o -700 cun 18% menos de consumo de combustible por asento. Boeing estima que o MAX 7 pode levar 12 pasaxeiros máis a 740 km máis lonxe que o A319neo cun 7% menos de custos operativos por asento. En 2016 Boeing planeou mellorar o seu alcance dos 7 130 km aos 7 251 km tras 2021.[15]
A produción do primeiro longueiro de á de 20 m para o 737-7 comezou en outubro de 2017.[16] A montaxe do primeiro avión de probas iniciouse o 22 de novembro dese mesmo ano,[17] e presentouse o 5 de febreiro de 2018.[18] O MAX 7 realizou o seu voo de estrea o 16 de marzo na fábrica de Renton, Washington, e voou durante tres horas sobre o estado de Washington.[19] Nese primeiro voo acadou unha velocidade de 460 km/h e unha altura de 7 600 m, realizou unha aproximación baixa, probas de sistemas e un reinicio de motor en voo, e aterrou no centro de probas de voo de Boeing en Moses Lake, Washington.[20]
A entrada en servizo co seu cliente de lanzamento, Southwest Airlines, agardábase para xaneiro de 2019.[16]WestJet tamén converteu os seus pedidos de MAX 7, que orixinalmente ían ser entregados en 2019, en MAX 8 e aínda non recibira ningún MAX 7 en febreiro de 2022. Porén, Southwest fixo un pedido por 100 MAX 7 máis o 29 de marzo de 2021,[21] e exerceu as súas opcións para 34 o 8 de xuño do mesmo ano,[22] chegando o seu pedido total a 234. O pedido de WestJet quedou nos 22 avións.[23] En xullo de 2022 Southwest anunciou que no agardaba recibir ningún MAX 7 ata 2023 debido aos atrasos de certificación en curso e que, no seu lugar, recibiría a entrega de avións MAX 8 mentres tanto.[24] Ese mesmo novembro Boeing anunciou que agardaba certificar o MAX 7 a principios de 2023. En outubro de 2023 anticipáronse as primeiras entregas para principios de 2024. Southwest Airlines dixo en novembro dese ano que agardaba comezar a voar o avión en novembro de 2024.[25]
737 MAX 8
É a primeira variante desenvolvida da serie 737 MAX que substitúe ao 737-800 e ten unha fuselaxe máis longa que o -700/MAX 7. En 2016 Boeing planeou mellorar a oseu alcance dos 6 510 km ata os 6 690 km despois de 2021. O 23 de xullo de 2013 Boeing completou a configuración do 737 MAX 8.[26] O MAX 8 ten un menor peso en baleiro e máis peso máximo de engalaxe que o A320neo.
O Boeing 737 MAX 8 completou o seu primeiro voo internacional de probas na Paz, Bolivia. No aeroporto internacional de El Alto, a 13 300 pés de altura, probou as capacidades do MAX para engalar e aterrar a grande altitude.[27] O seu primeiro voo comercial foi operado por Malindo Air o 22 de maio de 2017, entre Kuala Lumpur e Singapur.[2]
737 MAX 200
En setembro de 2014, Boeing lanzou unha versión de alta densidade do 737 MAX 8, o 737 MAX 200, chamado así por levar ata 200 pasaxeiros nunha única clase de alta densidade con asentos slimline; o avión precisa de dúas portas de saída extra pola maior capacidade de pasaxeiros. Boeing di que esta versión será un 20% máis eficiente por asento que os actuais modelos de 737, e será o avión de fuselaxe estreita máis eficiente do mercado, cun 5% menos de custos operativos que o 737 MAX 8.[28][29] Tres dos oitos carros da cociña retiráronse para acomodar a máis pasaxeiros.[30] En decembro de 2014 Ryanair realizou un pedido de 100 avións[31] aos que designou como 737-8200.[32]
A mediados de novembro de 2018 presentouse o primeiro aparello pedido por Ryanair, cunha configuración de 197 asentos.[33] O avión voou por primeira vez dende Renton o 19 de xaneiro de 2019 [34] e tiña que entrar en servizo no mes de abril, pero a certificación e a entrega dos avións atrasouse por mor da decisión de deixar en terra á frota de MAX. En novembro de 2019 Ryanair informou aos seus pilotos que, debido a un problema non especificado co deseño das portas de saída adicionais, a aeroliña non recibiría máis MAX 200 ata finais de abril ou principios de maio de 2020.[35] En 2020, no momento álxido da crise das viaxes polo COVID, Ryanair renegociou o seu pedido e comprou 75 avións MAX 8-200 adicionais a un terzo do prezo de venda.[36]
Boeing mostroulle a algunhas aeroliñas un 737-8ERX concept based on the 737 MAX 8 cun maior ´peso máximo de engalaxe de 88,3 t e un maior alcance de ata 7 400 km, usando as ás, o tren de aterraxe e a sección central do MAX 9. O alcance deste avión estaría próximo ao do Airbus A321LR, aínda que cunha menor capacidade de pasaxeiros.[39]
737 MAX 9
Substituto para o 737-900/-900ER; ten unha fuselaxe máis longa que o -800/MAX 8. En 2016, Boeing planeou mellorar o seu alcance de 6 500 km a 6,676 km despois de 2021.[40]Lion Air foi o cliente de lanzamento cun pedido de 201 avións en febreiro de 2012. Foi mostrado por vez primeira o 7 de marzo de 2017 e realizou o primeiro voo o 13 de abril dese mesmo ano, engalando do aeroporto municipal de Renton e aterrando no Boeing Field tras 2 horas e 42 minutos de voo.[41] O modelo foi presentado no Paris Air Show de 2017.[42]
As probas de voo do Boeing 737-9 programáronse para ser realizadas ao longo de 2017, repetindo o 30% das probas do -8; o avión 1D001 usouse para probas de auto-aterraxe, aviónica, aleteo, e principalmente estabilidade e control, mentres que o 1D002 usouse para probar o sistema de control ambiental.[43] Foi certificado en febreiro de 2018 e o Lion Air Group recibiu o primeiro exemplar o 21 de marzo dese ano, antes de entrar en servizo con Thai Lion Air.[44]
737 MAX 10
Clientes leais, como Korean Air e United Airlines, meteron presión a Boeing para que competise co Airbus A321neo e desenvolvese así unha variante máis grande que a MAX 9, da que a construtora revelou estudos a principios de 2016.[45] Como o Airbus A321neo vendera cinco veces máis que o MAX 9, o MAX 10 proposto incluía un motor máis grande, ás máis fortes e un tren de aterraxe telescópico a mediados de 2016.[46] En setembro dese ano informouse de que a variante sería máis sinxela e de menor risco, cun modesto alongamento de 1,83-2,13 m para conseguir unha lonxitude de 43,6-43,9 m), sentando a 12-18 pasaxeiros máis ata chegar aos 192-198 nunha configuración de dúas clases ou 226-232 en clase única, necesitando un LEAP-1B superior de 31 000 libras (140 kN) de forza que podería estar dispoñible para 2019 ou 2020, e probablemente requiriría unha modificación do tren de aterraxe para mover o punto de rotación lixeiramente cara atrás.[47]
En outubro de 2016 o consello de administración de Boeing concedeu a autoridade para ofrecer a variante alongada con dúas seccións adicionais de fuselaxe cara adiante e cara a popa cun alcance de 5 700 km, reducindo nuns 400 km o alcance do MAX 9. A principios de 2017 Boeing amosou un modelo alongado de 44 m, con capacidade para 230 pasaxeiros nunha única clase ou 189 en dúas clases. O modesto alongamento do MAX 10 permite que o avión conserve a á existente e o motor Leap 1B do MAX 9, cun tren de aterraxe principal de enlace posterior como único cambio importante.[48] O vicepresidente e director xeral do Boeing 737 MAX Keith Leverkuhn dixo que o deseño tivo que conxelarse en 2018, para unha introdución en 2020.[45]
Boeing espera que operadores de 737 e os clientes de 737 MAX como United Airlines, Delta Air Lines, Alaska Airlines, Air Canada, Lion Air e compañías aéreas chinesas estean interesados na nova variante.[49] Boeing prevé un custo de viaxe e de asento un 5% máis baixo en comparación co A321neo.[50]Air Lease Corporation quéreo un ano antes; o seu CEO John Pleuger afirmou: "Sería mellor conseguir o primeiro avión en marzo de 2019, pero non creo que sexa posible".[51] O CEO de AerCap, Aengus Kelly, é cauteloso e dixo que os -9 e -10 "canibalizaranse mutuamente".[45]
O 737 MAX 10 lanzouse o 19 de xuño de 2017 con 240 pedidos e compromisos de máis de 10 clientes. United Airlines será o maior clinete desta versión, tras converter 100 dos seus 161 MAX 9 pedidos en MAX 10. Boeing rematou o Paris Air Show de 2017 con 361 pedidos e compromisos, incluíndo 214 conversións, de 16 clientes,[52] incluíndo 50 pedidos de Lion Air.[53]
A configuración da variante confirmouse en febreiro de 2018[54] e a mediados dese ano completouse a revisión crítica do deseño. No mes de agosto xa estaba en marcha a montaxe do primeiro aparello, cun primeiro voo previsto para finais de 2019.
O 22 de novembro de 2019, Boeing presentou o primeiro MAX 10 aos empregados da súa fábrica de Renton, Washington, tendo programado o seu primeiro voo en 2020.[55] Nese momento, estaban pedidos 531 MAX 10, fronte aos 3 142 Airbus A321neos vendidos, capaces de transportar 244 pasaxeiros ou de voar ata 8 700 km na súa variante A321XLR máis pesada.[56] O MAX 10 ten unha capacidade similar ao A321XLR, pero un alcance máis curto e un rendemento moito peor, o que dificulta moito o seu potencial para dar servizo a aeroportos máis pequenos en comparación co A321XLR.[57]
A principios de 2021, Boeing esperaba que as entregas do 737 MAX 10 comezaran en 2023.[58] A variante realizou o seu voo inaugural o 18 de xuño de 2021, iniciando o seu programa de probas e certificación de voo.[59]
O 29 de outubro de 2018, o voo 610 de Lion Air, un 737 MAX 8, esnafrouse no mar de Xava 13 minutos despois de engalar do aeroporto internacional Soekarno-Hatta, en Iacarta, Indonesia. O voo era un servizo doméstico regular ata o aeroporto Depati Amir, en Pangkal Pinang. Os 189 ocupantes do avión morreon no sinistro. Este foi o primeiro accidente mortal e a primeira perda dun 737 MAX. O avión fora entregado a Lion Air dous meses antes.[60][61] Persoas coñecedoras da investigación informaron que durante un voo pilotado por outra tripulación o día anterior ao accidente, o mesmo avión experimentou un mal funcionamento semellante pero un piloto adicional sentado no asento extra da cabina diagnosticou correctamente o problema e díxolle á tripulación como desactivar o mal funcionamento do sistema de control de voo MCAS.[62] O Comité Nacional de Seguridade do Transporte de Indonesia publicou o seu informe final sobre o accidente o 25 de outubro de 2019, atribuíndoo ao MCAS que empurrou ao avión cara a un picado debido a datos dun sensor de ángulo de ataque defectuoso. Tras o accidente de Lion Air, Boeing publicou unha guía de manual operativo, aconsellando ás compañías aéreas como abordar lecturas erróneas da cabina de mando.[63]
O 10 de marzo de 2019, o voo 302 de Ethiopian Airlines, un 737 MAX 8, estrelouse aproximadamente seis minutos despois de engalar de Adís Abeba, Etiopía,[64] nun voo regular a Nairobi, Kenya, morrendo os 149 e 8 tripulantes a bordo. O avión tiña catro meses de antigüidade nese momento.[65] Inicialmente non estaba clara a causa do accidente, aínda que a velocidade vertical da aeronave despois da engalaxe foi inestable. As probas recuperadas no lugar do accidente suxeriron que, no momento do accidente, a aeronave estaba configurada para baixar, de xeito similar ao voo 610 de Lion Air. O 4 de abril, o ministro de transportes de Etiopía, Dagmawit Moges, afirmou que a tripulación "realizou repetidamente todos os procedementos proporcionados polo fabricante pero non puido controlar a aeronave".[66]
A semellanza das probas físicas e de datos de voo dos dous accidentes levou a que a frota global de 737 MAX quedase en terra a partir do día do segundo accidente.[67]
O 5 de xaneiro de 2024, o voo 1282 de Alaska Airlines, un 737 MAX 9, sufriu unha descompresión incontrolada pouco despois de engalar do aeroporto internacional de Portland. O MAX 9, ao igual que o 737-900ER, presenta unha porta de saída a cada lado detrás das ás que se require cando se usa con configuracións densas de asentos. En avións con configuracións menos densas esas saídas non son necesarias e no seu lugar instálanse paneis, como pasou neste avión. Mentres gañaba altitude un deses paneis saíu disparado, causando a descompresión.[68] O avión regresou a Portland sen que se producisen vítimas mortais ou feridos graves entre os 171 pasaxeiros e 6 tripulantes a bordo.