A bandeira da Unión Europea consta de doce estrelas douradas sobre fondo azul e está vencellada á representación da Unión Europea. Nun comezo, sería o símbolo empregado polo Consello de Europa, quen adoptaría a bandeira o 8 de decembro de 1955 inspirándose probablemente nalgún dos múltiples deseños que se atribúen a Arsène Heitz, pintor de Estrasburgo, co propósito manifesto de que fose utilizada polo maior número de organizacións posible, fomentando así a integración de Europa.
En 1955 a Unión Europea existía soamente baixo a forma de Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (formada por seis Estados membros). Pero o Consello de Europa, que tiña un maior número de membros, creouse varios anos antes co obxectivo de defender os dereitos humanos e promover a cultura e integración de Europa. Deste xeito, o Consello de Europa adoptaría o actual deseño e fomentaría a súa utilización por parte doutras institucións europeas.
Coincidindo co centenario do nacemento de Robert Schuman, a Comunidade Europea (CE) adoptouna o 26 de maio de 1986, pasando a ser empregada por todas as institucións europeas. Máis tarde, logo da firma do Tratado de Maastricht en 1992 polo que se establecía a Unión Europea, o emblema pasou a ser parte integrante das institucións vencelladas á UE, así como as vencelladas ao Consello de Europa. Algunhas asociacións católicas sosteñen que a bandeira europea está baixo a influencia da arte relixiosa católica. En verdade, Arsène Heitz, o deseñador da bandeira, segundo o seu testemuño, dixo que se inspirou no halo duodecaestelado co que a arte relixiosa católica representaba á Virxe María (Apocalipse 12:1).[1] Particularmente inspirouse na representación vista na capela da Medalla Milagrosa en París: a Virxe María con manto azul, rodeada de doce estrelas.
Círculo
Número doce
Os erros máis frecuentes á hora de representar a bandeira da Unión Europea adoitan consistir na adición dun maior número de estrelas ao conxunto, debido á falsa crenza de que cada estrela representa un Estado. A pesar diso, coas recentes ampliacións e co número cada vez maior de estados que pertencen á UE, é un erro que vai caendo pouco a pouco en desuso.
Outro dos fallos que máis se cometen consiste en situar un número correcto de estrelas, na posición adecuada, pero orientadas erroneamente. As estrelas haberán de trazar unha liña perpendicular respecto á base cunha punta superior, non podendo ter, baixo ningún concepto, orientacións distintas. É frecuente ver as estrelas representadas rotando dependendo da súa posición na circunferencia.