A B.League (en xaponés: Bリーグ) é unha competición de baloncesto profesional masculino que abrengue as dúas máximas categorías do país, a B1 League e a B2 League. A liga, operada pola Japan Professional Basketball League (ジャパン・プロフェッショナル・バスケットボールリーグ), foi fundada o 1 de abril de 2015 como resultado da fusión entre a National Basketball League (NBL), operada pola Federación Xaponesa de Baloncesto, afiliada á FIBA, e a bj league operada de forma independente. A fusión foi obrigada pola FIBA como condición para que o Xapón retomara a súa adhesión ao organismo tras a súa suspensión en novembro de 2014.[1]
Historia
A Federación Xaponesa de Baloncesto (en xaponés: 日本バスケットボール協会 Nihon basukettobōru kyōkai), fundada en 1930, dirixiu as principais ligas de baloncesto do Xapón baixo varios nomes desde 1967. Ao longo da historia da federación, e ao igual noutros deportes do país, os equipos estiveron afiliados a grandes corporacións, sendo os xogadores empregados da súa respectiva empresa en lugar de competir como profesionais. A principios da década de 1990, o fútbol no Xapón afastouse desta estrutura corporativa e lanzou a J.League en 1993. A federación comezou a investigar ese camiño para o baloncesto ese mesmo ano e, en 1997, levantou a prohibición de xogadores profesionais. A pesar diso, a estrutura da Super League xaponesa mantívose a súa natureza afeccionada, seguindo a maioría dos equipos baixo o control dun patrocinador/propietario corporativo.
En 2005 foi fundado unha liga independente para competir coa Super League da federación, a bj league. Esta competición estaba baseada no sistema de franquías de equipos profesionais estadounidense. En resposta, a Federación renomeu e refundou a súa Super League como a Japan Basketball League en 2007. Porén, aínda había unha mestura de equipos profesionais e corporativos na competición. En 2013 a liga volveu a mudar de nome e adoptou a denominación de National Basketball League. Desde o establecemento da bj league en 2005, ambas competicións ampliaron rapidamente o número de equipos, con 45 equipos participando entre as dúas competicións en 2015.[2]
A FIBA, órgano reitor internacional do baloncesto, preocupouse pola división e desorganización do deporte no país. Despois de que a Federación Xaponesa incumprise os prazos para comezar a reorganizar as ligas nacionais, a FIBA suspendeu ao Xapón das competicións internacionais en novembro de 2014. Formouse un grupo de traballo para investigar a reforma das ligas nacionais e Saburō Kawabuchi foi nomeado copresidente. En maio de 2015, por recomendación da FIBA, Kawabuchi foi nomeado presidente da Federación Xaponesa. A fusión das dúas ligas competidoras na B.League anunciouse en xuño de 2015 e a suspensión internacional foi levantada pola FIBA en agosto. A empresa de telecomunicacións Softbank foi nomeada como o principal patrocinador da liga para a tempada inaugural en marzo de 2016. A primeira temporada comezou cun partido inaugural entre o catro veces campión da JBL/NBL Alvark Tokyo e o catro veces campión da bj league Ryukyu Golden Kings. Desde a tempada 2021−22, os campións e subcampións de cada temporada clasifícanse para a Superliga de Asia Oriental.
A liga consta de dúas divisións, chamadas B1 e B2. Para a temporada 2022–23 a primeira división (B1) conta con 24 equipos e a segunda división (B2) conta con 14 equipos, cun sistema de ascenso e descenso entre estas dúas divisións. Cada unha das dúas primeiras divisións divídese ademais en dúas conferencias, Leste e Oeste.
Primeira División
Na B1 League, a primeira división, cada equipo xoga 60 partidos de temporada regular, dos cales 36 son contra equipos dentro da súa conferencia (4 partidos contra cada equipo) e 24 contra equipos da outra conferencia (2 partidos contra oito equipos e 4 partidos contra os dous equipos restantes). Oito equipos clasifícanse para os playoffs, incluídos os tres primeiros equipos de cada conferencia e os dous seguintes mellores equipos independentemente da súa conferencia. Os playoffs consisten en cuartos de final, semifinais e roldas finais, cun formato de mellor de tres en cada rolda. Na temporada 2022−23 as dúas conferencias pasan a ser tres.
Segunda División
Na B2 League, a segunda división, a temporada regular tamén consta dun calendario de 60 partidos por equipo, dos cales 42 son contra equipos dentro da súa propia conferencia (6 partidos contra cada equipo) e 18 contra equipos da outra conferencia (2 partidos contra sete equipos e 4 partidos contra o equipo restante). O formato de clasificación é idéntico ao da primeira división: oito equipos clasifícanse para o playoff, que inclúe aos tres primeiros equipos de cada conferencia e os dous seguintes con mellores rexistros independentemente da súa conferencia. Os playoffs consisten en cuartos de final, semifinais e roldas finais, cun formato ao mellor de tres en cada rolda. Cada ano celébranse playoffs de ascenso e descenso cada ano para determinar que equipos da B2 League ascenderán á B1 League e que equipos da primeira división descenderán á segunda para a tempada seguinte.
Equipos
B1 League
Os seguintes son os equipos para a temporada 2022−23 da B1 League, a primeira división da B.League.[3]
B2 League
Palmarés
Por equipo
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas