De familia franco-irlandesa, Saint-Gaudens criouse en Nova York. Viaxou a Europa para ampliar a súa formación e os seus estudos artísticos. Ao seu regreso a Nova York, acadou un grande éxito de crítica polos seus monumentos conmemorativos dos heroes da guerra civil estadounidense, moitos dos cales seguen en pé. Saint-Gaudens creou obras como o Robert Gould Shaw Memorial, en Boston, ou Abraham Lincoln: The Man, en Chicago, e grandes monumentos ecuestres a xenerais da guerra civil (John Logan Memorial no Grant Park, de Chicago, e William Tecumseh Sherman Memorial na esquina do Central Park de Nova York). Ademais, creou a popular representación historicista do Puritano en Springfield, Massachusetts.[3]
Nos seus últimos anos fundou a Cornish Colony, unha colonia de artistas en Nova Hampshire que incluía notables pintores, escultores, escritores e arquitectos. O seu irmán Louis Saint-Gaudens, con quen colaborou ocasionalmente, tamén foi un coñecido escultor.
Traxectoria
Primeiros anos, formación e vida familiar
Saint-Gaudens naceu en Dublín, no daquela no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, fillo de nai dublinesa, Mary McGuiness, e de pai francés, Bernard Paul Ernest Saint-Gaudens, un zapateiro natural dunha pequena poboación dos Pireneos, Aspet, a 15 quilómetros de Saint-Gaudens. Os seus pais emigraron a América en 1848, cando el tiña seis meses de idade, e criouse na cidade de Nova York.[4][5]
En 1870 trasladouse de París a Roma, onde permaneceu dous anos, para estudar arte e arquitectura, e traballou nas súas primeiras encargas. Alí coñeceu unha estudante de arte estadounidense xorda, Augusta Fisher Homer, coa que casou en Boston o 1 de xuño de 1877.[9][12] A parella tivo un fillo chamado Homer, nado en 1880, aínda que Saint-Gaudens tería outro fillo coa súa amante, Davida Clark, chamado Louis e nado en 1889.[5]
En 1874, Edwards Pierrepont, un destacado xurista e político de Nova York, contratou a Saint-Gaudens para que lle fixese un busto de mármore. Pierrepont, que era frenólogo, demostrou ser un cliente exixente e insistiu en que Saint-Gaudens lle agrandase a cabeza. A este respecto, Saint-Gaudens dixo que o busto de Pierrepont "parecía estar afectado por unha espantosa doenza de inchazo" e máis tarde comentoulle a un amigo que "daría calquera cosa por apoderarse dese busto e facelo anacos".[13]
En 1876 recibiu a encarga de realizar un monumento en bronce ao almirante da Guerra Civil David Farragut,[14] para o que foi procurar inspiración a París, onde alugou un estudio no número 49 da rúa Notre Dame des Champs. O monumento inaugurouse o 25 de maio de 1881 en Madison Square Park, Nova York, cun pedestal deseñado por Stanford White.[10] Saint-Gaudens volveu colaborar con Stanford White en 1892-1894, cando creou a Diana como catavento para o segundo edificio do Madison Square Garden de Nova York;[15] unha segunda versión deste traballo consérvase na colección do Museo de Arte de Filadelfia, e hai outras versións en tamaño reducido en institucións como o Museo Metropolitano de Arte de Nova York. A estatua erguíase sobre unha torre de máis de 90 metros de altura, o que convertía a Diana no punto máis alto da cidade. Tamén foi a primeira estatua desa zona de Manhattaniluminada á noite con electricidade. A estatua e a súa torre foron un monumento emblemático ata 1925, cando o edificio foi derrubado.[16]
En Nova York, foi membro dos Tilers, un grupo de destacados artistas e escritores, entre os que se achaban Winslow Homer (primo cuarto da súa esposa), William Merritt Chase e Arthur Quartley. Tamén foi membro de The Lambs, do Salmagundi Club e de The National Arts Club de Nova York.
Comisionado para as conmemoracións da Guerra Civil
A primeira das grandes encargas en conmamoración da guerra civil estadounidense foi a xa citada de 1876, dedicada ao almirante David Farragut, en Madison Square, Nova York. O seu naturalismo, a súa falta de ampulosidade e a súa localización combináronse para o converter nun grande éxito, co que a reputación de Saint-Gaudens quedou consolidada.
Axiña recibiu novas encargas salientables, entre elas o colosal Abraham Lincoln: The Man ("Abraham Lincoln: o home"), creado entre 1884 e 1887 no parque Lincoln de Chicago,[18][19] tamén nunha contorna do arquitecto White, considerada a mellor estatua de retrato dos Estados Unidos. Esta estatua exerceu unha grande influencia nos artistas estadounidenses posteriores e recibiu numerosos eloxios da crítica.[17] Unha réplica desta obra colocouse na tumba de Lincoln en Springfield, Illinois, e outra en Parliament Square, en Londres.[20][21]
A estes seguiunos unha longa serie de memoriais, monumentos funerarios e bustos, entre eles os monumentos a Adams (1891)[25][26], en Washington, a Peter Cooper (1897),[27][28] en Cooper Square, e a John A. Logan (1897),[29] en Grant Park, Chicago. O máis grande destes monumentos é o baixorrelevo de bronce do monumento a Robert G. Shaw no parque Boston Common, en Boston, no que Saint-Gaudens traballou durante 14 anos (1884-1897);[22][23][24] mesmo despois de inaugurar a versión pública, continuou con outras versións. As representacións dos soldadosafroamericanos no monumento a Shaw considérase un raro exemplo de representacións fieis á realidade, non despectivas, das características físicasafricanas na arte estadounidense do século XIX. Destaca tamén un gran monumento ecuestre a William Tecumseh Sherman, na esquina de Central Park en Nova York, coa modelo afroamericana Hettie Anderson posando como unha alegoría da Vitoria (1892-1903).[30][31]
Para o Centenario de Lincoln de 1909, Saint-Gaudens realizou outra estatua do sobranceiro presidente. Trátase dunha figura sedente, titulada Abraham Lincoln: The Head of State, para o parque Grant de Chicago. Saint-Gaudens completou o traballo de deseño e empezara xa a fundir a estatua no momento da súa morte, e outros membros do seu obradoiro rematárona. A cabeza da estatua utilizouse como modelo para o selo de correos conmemorativo emitido no centenario do nacemento de Lincoln.[32]
Outras obras
Saint-Gaudens tamén creou a estatua para o monumento a Charles Stewart Parnell, que se instalou no extremo norte da rúa O'Connell en Dublín en 1911.[33]
En 1887, cando Robert Louis Stevenson realizou a súa segunda viaxe aos Estados Unidos, Saint-Gaudens tivo a oportunidade de facer os esbozos preliminares para un proxecto de cinco anos dun medallón que representaba a Stevenson, en moi mal estado de saúde naquel momento, apoiado na cama escribindo.[34][35][36] Con pequenas modificacións, este medallón reproduciuse para o monumento conmemorativo a Stevenson na catedral de Santo Exidio de Edimburgo. O curmán e biógrafo de Stevenson, Graham Balfour, considerou a obra "o máis satisfactorio de todos os retratos de Stevenson". Balfour tamén sinalou que Saint-Gaudens admiraba enormemente a Stevenson e que nunha ocasión dixera que "con gusto percorrería mil millas por unha sesión" con el.[37]
Saint-Gaudens tamén recibiu encargas de diversos grupos para crear medallas que incluían temas conmemorativos variados, como a de presentación de The Women's Auxiliary of the Massachusetts Civil Service Reform Association e a medalla da Exposición Colombina,[38][39] e outras dedicadas a personaxes como Charles Beaman, Francis Millet, Violet Sargeant, Homer Saint-Gaudens, etc.[40] Tamén foi o autor da plaqueta e da medalla conmemorativas da Exposición de Chicago de 1894.[41]
Nos xardíns do Sailors' Snug Harbor de Nova York érguese unha estatua do filántropo Robert Randall. Tamén é salientable unha estatua do "rei do cobre" Marcus Daly, situada á entrada da Escola de Minas de Montana. En 1902 dedicouse en Watertown, Nova York, unha estatua ao excongresista e exgobernador de Nova York Roswell Pettibone Flower, creada por Saint-Gaudens.[42]
Profesor e asesor
A prominencia de Saint-Gaudens como artista fixo que atraese alumnos desexosos de se converter nos seus discípulos. Saint-Gaudens impartiu clases particulares a artistas novos e ensinou tamén na Art Students League de Nova York. Para a súa dedicación didáctica contratou, ademais, un gran número de axudantes. Exerceu como asesor artístico da Exposición Colombina de 1893, foi un fervente partidario da Academia Americana en Roma e formou parte da Comisión McMillan, que fixo realidade o longamente esquecido plan mestre de P. C. L'Enfant para a capital dos EEUU.
Augustus Saint-Gaudens foise especializando na realización de íntimos retratos privados en delicado e baixísimo relevo, debedores do Renacementoflorentino. Crese que exerceu unha grande influencia sobre outro escultor irlandés-estadounidense: Jerome Connor.[44]
Ao lono da súa dilatada carreira, Saint-Gaudens empregou e formou algúns dos mellores escultores da seguente xeración, entre eles James Earle Fraser, Frances Grimes, Henry Hering, Charles Keck, Mary Lawrence, Frederick MacMonnies, Philip Martiny, Helen Mears, Robert Paine, Alexander Phimister Proctor, Louis Saint-Gaudens, Elsie Ward e Adolph Alexander Weinman.[45]
Saint-Gaudens referíase aos seus primeiros retratos en relevo como "medallóns" e interesouse moito pola arte da moeda. O seu deseño da moeda de ouro de 20 dólares ou dobre aguia (1905-1907), por encarga da US Mint,[46] posteriormente adaptado para a súa cuñaxe,[41] segue a considerarse como un dos máis fermosos da historia numismática do país.[47]
Saint-Gaudens foi un dos elixidos polo presidente Theodore Roosevelt para levar a cabo o redeseño das emisións de moeda dos Estados Unidos a principios do século XX, e para o efecto produciu unha peza de ouro de 20 dólares cun relevo ultraalto, que posteriormente tivo que ser aplanado na Casa da Moeda para cumprir os requisitos técnicos que posibilitasen a súa cuñaxe en serie.[41] A súa emisión ordinaria para a circulación produciuse entre 1907 e 1933. O deseño de Saint-Gaudens para o anverso desta moeda de 20 dólares reutilizouse posteriormente para as moedas de ouro de investimento da serie American Gold Eagle que comezou a producirse en 1986.[48] En 2009, a Casa da Moeda dos Estados Unidos levou a cabo unha nova cuñaxe limitada da moeda de ouro de 20 dólares Saint-Gaudens co seu gran relevo concibido orixinariamente polo artista.[49][50]
Dentro do mesmo programa de redeseño da moeda estadounidense, Saint-Gaudens encargouse tamén da moeda de 10 dólares de ouro coñecida como Indian Head, cuñada durante o mesmo período que a moeda de 20 dólares. A orixinalidade desta moeda radica principalmente na escolla do motivo reproducido no seu anverso, unha representación alegórica da Liberdade ollando cara á esquerda, cun toucado de plumasindias.[52][51][53]
Derradeiros anos e a Cornish Colony
Diagnosticado de cancro en 1900, Saint-Gaudens decidiu marchar a vivir á súa casa, dotada dun celeiro-estudio, situada nunha zona axardinada, onde el e a súa familia pasaban os veráns desde 1885, en Cornish, Nova Hampshire, á que lle puxo o nome de Aspet, en lembranza da localidade pirenaica onde nacera o seu pai. Con todo, non se trataba dunha xubilación; malia a mingua das súas enerxías, continuou a traballar, producindo un fluxo constante de relevos e esculturas públicas.
En 1901 foi nomeado membro da Comisión do Parque do Senado, para o redeseño do National Mall de Washington e a ampliación do seu sistema de parques, xunto cos arquitectos Daniel Burnham e Charles F. McKim, e o paisaxista Frederick Law Olmsted. En 1902, a Comisión publicou o seu informe, coñecido popularmente como o Plan McMillan.[54] En 1904, foi un dos sete primeiros elixidos para formar parte da Academia Americana das Artes e das Letras. Ese mesmo ano incendiouse o seu amplo estudio, coa conseguinte perda da súa correspondencia e dos seus cadernos de esbozos, así como varias obras daquela en proceso de creación.
A Cornish Art Colony, establecida alí en 1895 por Augustus Saint-Gaudens e o seu irmán Louis, constituíu unha dinámica contorna social e creativa que atraeu ao lugar arredor dun cento de artistas ata a primeira guerra mundial. Entre os máis famosos están os pintores Maxfield Parrish e Kenyon Cox, o arquitecto e deseñador de xardíns Charles A. Platt e o escultor Paul Manship. Tamén a frecuentaron os pintores Thomas Dewing e George de Forest Brush, o dramaturgo Percy MacKaye, o novelista estadounidense Winston Churchill e o escultor Louis Saint-Gaudens, irmán de Augustus.[55][56]
Augustus Saint-Gaudens morreu na súa residencia de Cornish, Nova Hampshire, o 3 de agosto de 1908.[2]
Legado e honras
En xuño de 1897, a Universidade Harvard concedeulle o grao de Master of Arts. En 1901, o Goberno francés nomeouno oficial da Lexión de Honra. Tamén foi membro correspondente do Instituto de Francia.[9] En 1920, Saint-Gaudens foi elixido a título póstumo como membro do Hall of Fame for Great Americans. O 16 de setembro de 1940, a súa imaxe reproduciuse nun selo de correos estadounidense da serie American Artists.[57]
Saint-Gaudens e a súa esposa ocupan un lugar senlleiro no libro de 2011The Greater Journey: Americans in Paris, do historiador David McCullough.[58] En entrevistas concedidas logo da publicación do libro, McCullough afirmou que as cartas de Augusta Saint-Gaudens aos seus amigos e familiares nos Estados Unidos foran unha das fontes primarias máis ricas que descubriu en anos de investigación sobre a vida da comunidade estadounidense en París a finais do século XIX.