O atentado na sede de Charlie Hebdo ocorreu o 7 de xaneiro de 2015, arredor das 10:30 (UTC). Dous homes encarapuchados e armados con rifles Kalashnikov, unha escopeta e un lanzagranadas entraron na sede do xornal satírico francés Charlie Hebdo en París, que recibira a atención internacional polas súas regulares representacións satíricas de Mahoma.[1][2][3][4][5] O ataque rematou coa morte de 12 persoas, incluíndo o editor Stéphane "Charb" Charbonnier, oito empregados de Charlie Hebdo e dous oficiais da Policía Nacional,[6] mentres 11 persoas resultaron feridas.[7][8][9]
Os homes armados entraron no edificio e comezaron a disparar coas armas automáticas, ó tempo que berraban "Allahu Akbar", en árabe "Deus é grande".[10] Producíronse máis 50 disparos durante o ataque.[11]
Varias persoas foron detidas pola súa conexión co ataque, namentres a captura dos dous principais sospeitosos segue o seu curso.[6] Un terceiro sospeitoso foi identificado pola policía e entregouse el mesmo, non hai cargos contra el.[6] Os asaltantes foron descritos pola policía como "armados e perigosos", e o nivel de ameaza en Illa de Francia e Picardía foi elevado ó máximo posible.[6] O 9 de xaneiro, os asaltantes foron identificados pola policía nunha área industrial de Sena e Marne, onde tomaron un refén.[12] A conexión entre o atentado de Charlie Hebdo e outro ataque en Montrouge por un cuarto sospeitoso foi confirmada. Estoutro asaltante tomou reféns preto de Porte de Vincennes.[13] Forzas da policía foron conducidas até Dammartin e Porte de Vincennes de xeito simultáneo, e conseguiron acabar con tódolos asaltantes. No proceso, algúns reféns foron feridos ou mortos.[14]François Hollande confirmou que catro persoas foron asasinadas no secuestro do supermercado de Vincennes.[15]
Este incidente é o acto de terrorismo máis mortal en Francia dende o tren bomba de Vitry-Le-François en 1961, levado a cabo pola organización paramilitar OAS que se opoñía á independencia de Alxeria, e que se saldou con 28 persoas mortas.[16]
Os traballadores restantes de Charlie Hebdo anunciaron que continuarán coa publicación, imprimíndose a edición da vindeira semana como de costume,[17] pero cunha tirada meirande, con máis dun millón de exemplares.[18] A tirada finalmente chegou ós cinco millóns, despois de ser ampliada.[Cómpre referencia]