Antón Pulido Novoa, nado en Bóveda de Amoeiro (Amoeiro)[1] o 25 de setembro de 1944, é un profesor, deseñador gráfico, pintor, gravador e editor galego.[2]
Traxectoria
Fillo do mestre de Bóveda de Amoeiro, comezou a estudar no seminario de Ourense, formouse durante tres cursos en gregoriano na Universidade Pontificia de Salamanca. Xa mestre, o primeiro destino foi Santa María de Casaio, en Pena Trevinca. Logo marchou a Barcelona, onde cursou Belas Artes na especialidade de pintura e gravado na Escuela Superior de San Jordi e chegou a dirixir o colexio Juan Ramón Jiménez, sen deixar de pintar e expoñer. Volveu a Vigo e foi profesor de debuxo e artes plásticas durante moitos anos no Instituto Álvaro Cunqueiro en Vigo ata a súa xubilación.[2]
A súa primeira exposición foi no Ateneo de Ourense, en 1971, e nos anos finais desa década editou tres carpetas de gravados, tituladas «O home», «O abrazo» e «A espera» (1978, 1979 e 1981, respectivamente).
Nos anos oitenta proseguiu a súa carreira como artista en diversas exposicións colectivas, ao tempo que se convertía en profesor de ensino secundario en Vigo nos tempos de Atlántica, cidade na que se instalou. Tamén proseguiron os seus traballos como gravador e como ilustrador de libros, en especial como portadista para a editorial Ir Indo. Foi o director e deseñador da colección de Artistas Galegos, 30 tomos de Nova Galicia Edicións.
Realizou exposicións en Barcelona, Madrid, Taipei, Beijing, Shanghai, Seul, Roma e outros lugares. Foi o creador da intervención urbana no cruzamento de Peniche, onde creou a praza das Apertas (2015-2016).[3] En 2013 expuxo no sexto edificio do Museo de Pontevedra e en 2014 unha mostra antolóxica en A Fundación polos 50 anos da súa pintura.
Foi nomeado Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia nos primeiros oitenta, nun goberno do Partido Popular, e regresou a cargos de designación política cando se converteu no primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea en 1993, posto no que foi substituído ao ano seguinte pola crítica de arte Gloria Moure.
Pertenceu a varias fundacións e asociacións culturais, entre elas a dos Premios da Crítica de Galicia que lle rendeu unha homenaxe en 2024.[2]
Galardóns
Vida persoal
É pai do músico Antón L. Pulido.
Notas
- ↑ Arte Informado:Antón Pulido
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Villanueva, Malores (2024-09-20). "Antón Pulido, a polifonía dun prato de percebes". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2024-09-25.
- ↑ "Cuando no existía la Praza das Apertas - VigoÉ" (en castelán). 2021-02-03. Consultado o 2024-09-25.
- ↑ Antón Pulido recibiu en Trasalba o título de Fillo Predilecto do Concello de Amoeiro Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 19/10/2008
- ↑ http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/actualidade/novas/-/nova/0068/anton-pulido-recibe-iii-premio-agora-orcellon
- ↑ Galicia, Xunta de (2021-11-02). "Os Premios da Cultura Galega 2021 recaen en Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, ‘Dígocho eu’, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-03.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas