Antonieta Valeria Rivas Mercado Castellanos, nada na Cidade de México o 28 de abril de 1900 e finada en París o 11 de febreiro de 1931, foi unha actriz, mecenas, escritora, promotora cultural, defensora dos dereitos da muller e activista política mexicana.
Traxectoria
Infancia e mocidade
Antonieta naceu na Cidade de México, na casa dos seus pais na rúa dos Heroes 45. Era a segunda filla do arquitecto Antonio Rivas Mercado, autor do "Anxo da Independencia" e doutros monumentos e edificios históricos do porfiriato,[1] e de Matilde Cristina Castellanos Haff.[2] Os seus irmáns foron Alicia, Mario e Amalia.
Dende moi nova, recibiu a mellor educación para unha muller nesa época, e practicou a danza. Aos oito anos viaxou a Francia co seu pai e tivo a oportunidade de dedicarse de xeito profesional ao ballet na Ópera de París, mais o seu pai rexeitouno porque non quería deixar soa a súa filla en París. Antonieta aprendeu a falar inglés, francés, alemán, italiano e grego.
Arredor de 1910, durante a Revolución Mexicana, os seus pais separáronse e a súa nai mudouse coa irmá máis vella de Antonieta, Alicia, a París para seguir un amante. Alí permaneceron ata o seu regreso a México en 1915. Antonio Rivas impediu que a súa esposa volvese á casa familiar, polo que Antonieta tivo que enfrontar a dura situación de quedar a cargo da casa.
Matrimonio e divorcio
O 27 de xullo de 1918, aos dezaoito anos, casou co consentimento do seu pai con Albert Edward Blair, inglés nado en 1890 que dende os dez anos residía nos Estados Unidos. Blair tiña inclinacións conservadoras e participou na Revolución Mexicana por ser amigo dos Madero. O 9 de setembro de 1919 naceu o fillo de ambos, Donald Antonio (Tonito)[3] (Tonito casou coa escritora Kathryn Skidmore Blair en 1961). A finais de 1921, o matrimonio viviu nun rancho dos Madero en San Pedro de las Colonias, Coahuila, onde Antonieta levaba unha vida campestre.
O matrimonio non funcionaba, polo que Antonieta regresou á súa casa paterna, onde aínda vivían os seus irmáns Amelia e Mario. Nun principio, o seu marido buscouna, mais posteriormente separáronse, xa que Albert participaba na vida política e desaprobaba a amizade de Antonieta con Diego Rivera, pintor mexicano moi coñecido de inclinacións nacionalistas e socialistas. De outubro de 1923 a xullo de 1926, Antonieta e o seu fillo viaxaron a Europa convidados polo seu pai Antonio Rivas Mercado. Ao seu regreso, iniciáronse os problemas pola separación matrimonial, xa que Antonieta tivo que loitar pola custodia do seu fillo, o que a desgastou enormemente. En 1927, faleceu o seu pai e converteuse en responsable do coidado da casa familiar e dos seus irmáns.
Antonieta financiou e promoveu proxectos culturais de considerable importancia. Por exemplo, fundou o Teatro Ulises, que rompeu co teatro comercial no México do seu tempo, e co seu esforzo formáronse salóns literarios e creouse o padroado para a Orquestra Sinfónica de México baixo a dirección de Carlos Chávez. Ademais, converteuse en mecenas de personaxes como Andrés Henestrosa, Xavier Villaurrutia, Salvador Novo, Gilberto Owen, Celestino Gorostiza, María Tereza Montoya, Roberto Montenegro, Julio Castellanos, Lupe Medina de Ortega, Clementina Otero, Carlos Luquín, Jiménez Rueda e Manuel Rodríguez Lozano.
Rivas Mercado escribiu para a revista Los Contemporáneos e para o xornal español El Sol. Namorouse do seu amigo o pintor Manuel Rodríguez Lozano, mais o afecto non foi correspondido.[4] En 1929, foi parella do político José Vasconcelos, aínda que era unha relación imposible porque el estaba casado. Antonieta tivo un papel destacado na candidatura presidencial de Vasconcelos. Ao ser derrotado por un escandaloso fraude electoral na súa contra, Rivas Mercado exiliouse en Nova York, onde traballou como escritora e xornalista.
Suicidio
En 1931, Antonieta seguiu a Vasconcelos a París, e cando foi rexeitada por el suicidouse o 11 de febreiro de 1931 no altar da catedral de Notre-Dame de París coa pistola que Vasconcelos sempre levaba consigo.[2]
Na cultura popular
En 1982, a historia da súa vida foi contada no filme Antonieta, do director Carlos Saura con Isabelle Adjani como protagonista.[5]
En novembro de 2010, para celebrar o bicentenario da independencia de México, estreouse a ópera Antonieta, un ángel caído, do compositor mexicano Federico Ibarra Groth, no Teatro Flores Canelo, Centro Nacional de las Artes.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Blair, Kathryn. A la sombra del ángel (México, Grupo Patria Cultural, 1995), novela histórica, ISBN 9702403510.
- Bradu, Fabienne. Antonieta (México, Fondo de Cultura Económica, 1991), biografía, ISBN 9681635930.
- Brade, Fabienne (compilación, preámbulo e notas). Correspondencia Antonieta Rivas Mercado (Universidad Veracruzana, 2005), Xalapa, Ficción, 390 páx. ISBN 968-834-681-0
- Rivas, Antonio P. La Antonieta de Reyes (Aladas Palabras, 2005), México, 32 páx.
- Rivas Mercado, Antonieta. Cartas a Manuel Rodríguez Lozano (1927-1930), (SEP SETENTAS 206, 1975).
- Schneider, Luis Mario. Obras completas de Antonieta Rivas Mercado (Lecturas Mexicana 93, segunda serie, 1987 SEP), ISBN 968-29-1413-2.
Ligazóns externas