Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Andes (homónimos).
Andes é unha corporación municipal (town[1]) do condado de Delaware do Estado de Nova York de 1234 habitantes[2]. A principal entidade de poboación é a localidade homónima de Andes que ata 2003 contou, dentro da town de Andes, coa súa propia municipalidade, constituíndo xa que logo unha village[3], e que dende entón constitúe un hamlet[4].
Historia
A rexión formaba parte do territorio dos lenape e tras da Guerra de independencia comezaron a se instalar na zona familias de orixe neerlandesa, alemá e escocesa[5]. En 1819 estableceuse como unha entidade propia co rango de town ao se separar de Middletown, e como boa parte do condado de Delaware formaba parte da casa señorial Hardenbergh Patent, propiedade de membros da familia Livingston. O 7 de agosto de 1845[6], xa ao final da revolta coñecida como Anti-Rent War, cando as autoridades intentaban vender unha propiedade confiscada e ao negar o acceso o anterior propietario, numerosos veciños da zona vestidos coma indios dispararon, matando ao subshériff Osman N. Steele. Detivéronse a varios veciños e houbo tres sentenzas a cadea perpetua e dúas penas de morte, aínda que logo lles conmutaron a pena.
O 3 de xuño de 2002, os residentes da principal localidade, Andes, decidiron disolver a súa autonomía municipal (village) nunha elección por 81 a 63 votos[7], decisión que entrou en vigor o 31 de decembro de 2003.
Un total de 129 edificios da zona vella de Andes incluíronse en 1984 nun Distrito Histórico [8]
e a granxa Jackson-Aitken está tamén dende 2003 no Rexistro Nacional de Lugares Históricos.[9]