Os lenape, tamén chamados lenni lenape e delaware,[5] son un pobo indíxena, que vive no Canadá e nos Estados Unidos.[2] Tamén son chamados indios delaware,[6] e o seu territorio tradicional incluía o actual estado de Nova Jersey e o leste de Pensilvania a carón da conca fluvial do río Delaware, a cidade de Nova York, o oeste de Long Island e o val Hudson.
O sistema de parentesco lenape eran os clans matrilineais, é dicir, os nenos pertencían ó clan da nai, a partir do cal eles gañaban o seu status social e a súa identidade. O irmán máis vello da nai era máis significativo como mentor do neno que o seu propio pai, que polo xeral era doutro clan. O liderado hereditario transmitíase a través de liña materna,[5] e as mulleres maiores podían quitar do poder os líderes que desaprobaban. A terra agrícola era xestionada polas mulleres e asignada segundo as necesidades de subsistencia das súas familias extensas. As familias eran matrilocais; as parellas recentemente casadas vivían coa familia da noiva, onde a súa nai e as súas irmás tamén podían axudala coa súa crecente familia.[5]
Durante as guerras dos Castores da primeira metade do século XVII, os colonos europeos foron coidadosos en evitar que as armas de fogo caesen en mans dos lenape,[5] mentres que os seus rivais iroqueses, como os susquehannocks e a Confederación dos Iroqueses estaban comparativamente mellor armados.[7] Por mor disto, os lenape foron subxugados primeiro polos susquehannocks, e despois polos iroqueses, chegando a precisar o visto e prace dos seus rivais para iniciar tratados como a venda de terras.[5] Como moitas outras tribos, os lenape foron debilitados por doenzas introducidas polos europeos, principalmente varíola pero tamén cólera, gripe e disentería, e o seu número descendeu polos frecuentes conflitos raciais cos europeos. Os pobos iroqueses loitaron ocasionalmente cos lenape. A comezos do século XVIII, moitos lenape trasladáronse cara ó oeste, unha terra relativamente baleira, e durante as guerras dos Castores, sábese que os iroqueses facían incursións e reclamaron esas terras como territorios de caza.[5]
Durante as décadas seguintes do século XVIII, moitos lenape foron expulsados das súas terras por mor da expansión das colonias europeas. A súa grave situación foi exacerbada polas perdas dos conflitos intertribales.[6] As divisións e conflitos da Guerra de Independencia dos Estados Unidos de América leváronos aínda máis cara ó oeste. Na década de 1860, o goberno dos Estados Unidos enviou a moitos lenape cara ó Territorio Indio (o actual estado de Oklahoma) baixo a política de deportación dos indios. No presente, moitos lenape viven no estado de Oklahoma, con comunidades en Wisconsin, Ontario (Canadá) e as súas terras tradicionais.
Notas
- ↑ "Art on the Prairies: Delaware" Arquivado 15 de marzo de 2012 en Wayback Machine., All About the Shoes. Consutado o 19 de xullo de 2011.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Pritzker 422
- ↑ "Pocket Pictorial." Arquivado 06 de abril de 2010 en Wayback Machine. Oklahoma Indian Affairs Commission. 2010: 13. Consultado o 10 de xuño de 2010.
- ↑ "Stockbridge-Munsee Band of Mohican Indians", Wisconsin Tribes, official state website
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Editor: Alvin M. Josephy, Jr., by The editors of American Heritage Magazine (1961). "The American Heritage Book of Indians". En American Heritage Publishing Co., Inc. ,. pp. 180–211. LCCN 61-14871.
- ↑ 6,0 6,1 Josephy 188-189
- ↑ Tanto os iroqueses como os susquehannocks tiñan relacións comerciais cos europeos e acceso a grandes sistemas fluviais con colonias de castores, as peles máis covizadas polos europeos.
Véxase tamén
Ligazóns externas