O aeroporto internacional Tribhuvan (IATA: KTM, OACI: VNKT) é un aeroporto en Katmandú, Nepal. Está situado a uns 6 quilómetros do centro da cidade, no val de Katmandú. É o único aeroporto internacional do país, aínda que o aeroporto de Nijgadh foi proposto como o segundo. En 1949 comezou a servir como aeródromo e foi inaugurado no ano 1955 polo rei Mahendra. Recibiu o seu nome actual en 1964. Orixinalmente era unha pista de herba e en 1957 pasou a ser de formigón sendo ampliada varias veces. O primeiro reactor aterrou en Tribhuvan en 1967 e as operacións regulares con este tipo de avións comezaron en 1972.
O aeroporto ten unha terminal doméstica e outra internacional. No ano 2015 pasaron polas súas instalacións 3,21 millóns de pasaxeiros.[1] En 2018 preto de 40 aeroliñas internacionais operaban en Tribhuvan con voos cara Asia e Oriente Medio. O aeroporto serve de centro de conexións para varias aeroliñas do país.