O aeroporto internacional Netaji Subhas Chandra Bose (IATA: CCU, OACI: VECC) é un aeroporto situado en Calcuta, a capital do estado indio de Bengala Occidental, serviando á súa área metropolitana. Atópase a uns 17 quilómetros do centro da cidade. Anteriormente foi coñecido como aeroporto de Dum Dum antes de recibir o seu nome actual na honra de Netaji Subhas Chandra Bose, un importante líder do movemento de independencia indio.
O aeroporto de Calcuta é o principal centro de conexións para o transporte aéreo da parte leste do país e un dos dous aeroportos internacionais que operan no estado de Bengala Occidental, sendo o outro o de Bagdogra. No ano fiscal 2016-2017 usaron o aeroporto 15,8 millóns de pasaxeiros, sendo o quinto máis concorrido do país en termos de pasaxe despois de Delhi, Bombai, Bangalore e Chennai. O aeroporto é un importante centro de conexións para voos cara ao nordés da India, Bangladesh, Bután, a China e o Sueste Asiático.