O aeroporto de Kristiansand, Kjevik (IATA: KRS, OACI: ENCN) é un aeroporto internacional que serve á cidade norueguesa de Kristiansand, no condado de Vest-Agder. Está situado no distrito de Tveit, a uns 8 quilómetros do centro de Kristiansand. Operado pola empresa estatal Avinor, é o único aeroporto da rexión de Sørlandet con voos regulares. No ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 1 019 379 pasaxeiros.[1] Os voos regulares son operados por Scandinavian Airlines, Norwegian Air Shuttle, Widerøe, KLM Cityhopper e Wizz Air. A Real Forza Aérea de Noruega ten un centro de adestramento no aeroporto.[2]
Kjevik inaugurouse o 1 de xuño de 1939. Durante a segunda guerra mundial foi ocupado e ampliado pola Luftwaffe. A súa situación ao sur do país fixo que durante os seus primeiros anos recibise varias rutas internacionais, ademais de servizos domésticos. Braathens SAFE operou voos domésticos dende 1955 ata a súa desaparición en 2004. KLM voou ata 1971, e posteriormente Dan-Air abriu rutas cara ao Reino Unido. A terminal tivo grandes ampliacións en 1955, 1979, 1994 e 2015. Nos anos 1966 e 2013 construíronse novas torres de control. Kjevik foi a base da aeroliña Sørfly de 1946 a 1962, de Agderfly de 1969 ata 2004, e de FlyNonstop en 2013.