O aeroporto internacional de Baltimore-Washington Thurgood Marshall (IATA: BWI, OACI: KBWI) é un aeroporto estadounidense situado en Linthicum, unha comunidade non incorporada no norte do condado de Anne Arundel, en Maryland. Atópase a 14 quilómetros ao sur do centro de Baltimore e a 51 ao nordés de Washington, D.C. É o máis concorrido en número de pasaxeiros dos tres grandes aeroportos que serven a área metropolitana de Baltimore-Washington, sendo os outros o Nacional Ronald Reagan e o Washington Dulles. Foi bautizado na honra de Thurgood Marshall, un nativo de Baltimore que foi o primeiro afroamericano en ser xuíz do Tribunal Supremo dos Estados Unidos.
BWI é unha cidade focal para Southwest Airlines, e é o segundo aeroporto en número de voos para esa aeroliña tras o de Chicago-Midway.[2] O aeroporto tamén é un pequeno centro de conexións rexional para Southern Airways Express.[3] No ano 2010 Baltimore-Washington foi elixido mellor aeroporto do seu tamaño (15-25 millóns de pasaxeiros) por Airports Council International baseándose na súa enquisa de calidade de 2009.[4]