O Xuízo Final ou o Día do Xuízo Final é a denominación relixiosa da fin do mundo, na que toda a humanidade será xulgada polos seus actos.
Nas crenzas cristiás é un día no que Deus xulgará todos os seres humanos e creará a nova terra segundo a Apocalipse, a cal será gobernada polo mesmo Deus dende a Nova Xerusalén. Esta crenza inspirou numerosas representacións artísticas.
Xudaísmo
No xudaísmo, a crenza no xuízo final susténtase en varias pasaxes bíblicas (da Biblia hebrea ou Tanakh), coma o relativo ao Val de Josafat (Yehoshaphat, que significa en hebreo "Yahve xulga").
Cristianismo
Segundo a escatoloxía cristiá, no día do Xuízo Final, tras a segunda vinda de Xesucristo e a resurrección da carne, toda a humanidade será xulgada segundo as súas obras.
Entre os textos neotestamentarios que describen ese momento están o Evanxeo de Mateu (cp. 24 e 25), o Evanxeo de Marcos (cp. 13), o Evanxeo de Lucas (cps. 17 e 21) e a Apocalipse. Sexa ou non o autor deste último texto o mesmo que o do Evanxeo de San Xoán, si parecen estar relacionados ambos os dous no seu interese pola ampliación da concepción escatolóxica propia do cristianismo primitivo: se o Evanxeo de Xoán comeza cun principio no Verbo (o "Logos"), na Apocalipse (20, 7-15) descríbese o Xuízo Final, e a chegada da Nova Xerusalén. Non obstante, a lectura do libro da Apocalipse realizábase orixinariamente como a esperanza dun cristián na caída de Roma e no final da persecución contra os primeiros cristiáns. A súa inclusión nos libros canónicos supuxo o cambio de interpretación, pasando de ser profético a ser tamén alegórico.