Este artigo amosa letras siríacas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Xetsemaní[1][2][3] (grego Γεθσημανἰ, Gethsēmani; hebreo:גת שמנים; arameo:גת שמני, Gath-Šmânê; siríaco ܓܕܣܡܢ, Gat Šmānê, lit. "prensa de aceite") foi o xardín onde, segundo o Novo Testamento, orou Xesús a última noite antes do seu arresto.
A oración de Xesús no horto conmemórase todos os anos o Xoves Santo. Despois da Última Cea, Xesús dirixiuse ao horto, onde adoitaba reunirse cos seus discípulos para orar. Segundo os Evanxeos era un lugar que tanto Xesús como os seus discípulos visitaban adoito, o que lle permitiu a Xudas atopalo alí.[4] Os Evanxeos describen a tristura agónica que o asaltou nese momento e a actitude de Xesús de orar e anunciar aos apóstolos que xa chegarían os soldados que o ían deter, guiados por Xudas Iscariote.
Aparición nos Evanxeos
Gethsemane aparece en grego en Mateu 26:36[5] e Marcos 14:32[6] como ΓεθσημανἱMateu (26:36), e Marcos (14:32) chámano χωρἰον (18:1), "lugar" ou "estado".[7][8] O evanxeo de Xoán di que Xesús entrou nun xardín (κῆπος) cos seus discípulos.[9] O nome Xetsemaní aparece nos evanxeos como Γεθσημανι (Gethsêmani). Esta palabra vén do arameo Gath-Šmânê, que significa "prensa de aceite" (referíndose ao aceite de oliva). Ao parecer había unha gran cantidade de árbores de oliveira que rodeaban a área naqueles días. Todos os evanxeos fan referencia dunha forma ou outra a este lugar.
Historicidade da escena dos Evanxeos
Existen posicións diversas respecto da historicidade da escena protagonizada por Xesús de Nazaret no horto de Xetsemaní, segundo o comentado por José Antonio Pagola:[10]
Algúns autores (Gerd Lüdemann e os membros do Jesus Seminar) chegaron a considerala unha invención da comunidade cristiá.
Pola contra, moitos autores aceptan a escena como un dos feitos historicamente máis seguros, argumentando que ninguén inventaría unha pasaxe tan desfavorable para Xesús. Nesta liña inscríbense os esexetas alemáns Hans Lietzmann, Rudolf Schnackenburg e Joachim Gnilka, entre outros.
Outros autores consideran o relato "substancialmente histórico", pero traballado pola tradición cristiá, xa que non se coñeceron as palabras exactas que Xesús de Nazaret pronunciou no horto. Dentro desta liña sitúanse os biblistas Raymond Edward Brown, Léon-Dufour, Pierre Grelot, etc. Tamén o propio Pagola segue esta posición matizada.
Localización
O xardín localízase ao pé do Monte das Oliveiras, no val do Kidron. Diante do xardín está a Basílica das Nacións, tamén coñecida como igrexa da Agonía, construída no lugar dunha igrexa destruída en 614 polos sasánidas e que posteriormente foi reconstruída polos cruzados e destruída novamente en 1219. Nas proximidades atópase a igrexa ortodoxa rusa de Santa María Madalena, coas súas torres bulbosas douradas, de estilo ruso-bizantino, construída polo tsar Alexandre III de Rusia en memoria da súa nai.
Existen catro localizacións nas que se sinalou que puido orar Xesús a noite en que foi traizoado.[11]
A Basílica das Nacións, xunto a un lugar coñecido como "Pedra da Agonía".