Amancio Jaime Prada Losada, nado en Vilamartín de Valdeorras o 26 de setembro de 1891 e finado en Madrid o 14 de outubro de 1966, foi un debuxante galego.
Traxectoria
De familia fidalga, estudou Dereito e Medicina na Universidade de Santiago mais sen chegar a rematalas. Foi profesor de debuxo no instituto de Ferrol e xuíz de paz no seu concello natal[1]. Por volta de 1920 residiu un tempo en Madrid e París estudando pintura. Fíxose coñecido polos seus debuxos coa revista Vida Gallega entre 1919 e 1934, en especial polas súas portadas. Debuxos seus apareceron tamén en La Esfera, Buen Humor, Céltiga, La Zarpa ou Nós. En 1927 a editorial Nós publicoulle o álbum Grabados en linoleum. Viviu en Burgos dende 1922 e ao longo dunha década[2] e alí colaborou coa revista Parábola e publicou o álbum Cartones de Burgos en 1930.
Ligado ás Irmandades da Fala e á xeración Nós, a partir de 1933 mudou ideoloxicamente e entrou a militar nas JONS, foi o seu xefe en Valdeorras e integrou o triunvirato provincial[3]. Foi brevemente xefe provincial da Falanxe antes de se establecer definitivamente en Madrid en 1935.
Notas