A molécula de adhesión de célula vascular 1, abreviada como VCAM-1[1] ou VCAM1[2] (do inglés vascular cell adhesion molecule 1), tamén chamada proteína de adhesión de célula vascular 1 ou CD106, é unha proteína que nos humanos está codificada no xene VCAM1 do cromosoma 1 (símbolo aprobado polo HGNC).[3] Esta proteína funciona como unha molécula de adhesión celular.
A VCAM-1 é un membro da superfamilia das inmunoglobulinas, a superfamilia de proteínas que inclúe os anticorpos e os receptores de célula T (TCR). O xene VCAM1 contén seis ou sete dominios de inmunoglobulina e exprésase en vasos sanguíneos grandes e pequenos unha vez que as células endoteliais son estimuladas polas citocinas. O seu ARN é empalmado alternativamente en dous transcritos de ARN que codifican diferentes isoformas en humanos.[4] O produto xénico é unha sialoglicoproteína da superficie celular, unha proteína de membrana tipo I.
A proteína VCAM-1 funciona como mediadora na adhesión de linfocitos, monocitos, eosinófilos e basófilos ao endotelio vascular. Tamén funciona na transdución de sinais leucocito-célula endotelial e pode xogar un papel no desenvolvemento da aterosclerose e artrite reumatoide.
A regulación á alza de VCAM-1 en células endoteliais polas citocinas ocorre como resultado do incremento da transcrición do xene (por exemplo en resposta ao factor de necrose tumoral-alfa (TNF-α) e á Interleucina-1 (IL-1)) e por medio da estabilización do ARN mensaxeiro (ARNm) (por exemplo, pola interleucina-4 (IL-4)). A rexión promotora do xene VCAM1 contén un tándem funcional de sitios de NF-κB (factor nuclear-kappa B). A expresión sostida de VCAM-1 dura unhas 24 horas.
Primariamente, a proteína VCAM-1 é un ligando endotelial para VLA-4 (Very Late Antigen-4, antíxeno moi tardío-4, ou integrina α4β1) da subfamilia β1 das integrinas. A expreesión de VCAM-1 tamén se observou noutros tipos celulares (por exemplo, nas células do músculo liso). Tamén se observou que interacciona con EZR[1] e a moesina.[1]
O VCAM-1 ou CD106 tamén existe na superficie dalgunhas subpoboacións de células nais mesenquimais.[5]
Certas células de melanoma poden usar a VCAM-1 para adherirse ao endotelio,[6] A VCAM-1 pode participar no recrutamento de monocitos en sitios ateroscleróticos, e sobreexprésase intensamente no cerebro inflamado.[7] Como resultado a VCAM-1 é unha diana potencial de fármacos.