Ulysses foi unha sonda espacial conxunta da ESA e da NASA lanzada no transbordador espacial Discovery na misión STS-41 desde o Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral o 6 de outubro de 1990.[2][3][5][6]
A misión de Ulysses, orixinalmente denominada International Solar Polar Mission (ISPM), foi estudar as características solares a altas latitudes, en especial as propiedades do vento solar, o campo magnético interplanetario, os raios cósmicos galácticos e o gas neutro interestelar, así como a composición das partículas cargadas e a súa aceleración. Entre os instrumentos atópanse dous magnetómetros, dous detectores de plasma do vento solar, un instrumento de ondas de radio e plasma, tres detectores de partículas cargadas, un sensor de gas neutro interestelar, un detector de raios gamma e raios X e un detector de po cósmico. O sistema de comunicacións tamén foi usado para recoller datos científicos.[3][5][6]
A nave foi enviada cara Xúpiter para, mediante asistencia gravitatoria, inclinar a súa órbita e poder estudar latitudes nunca antes observadas do Sol. A nave estabilizábase mediante xiro a 5 r.p.m. e a alimentación eléctrica era proporcionada por un único xerador termoeléctrico de radioisótopos.[3][5][6]