Todo é silencio é unha novela de Manuel Rivas. Foi publicado por Edicións Xerais en outubro de 2010, cunha primeira edición de 12.000 exemplares.[1] Levou o premio de narrativa da AELG en 2011. En 2011 fíxose unha adaptación cinematográfica, dirixida por José Luis Cuerda con guión de Gerardo Herrero e coa participación de Quim Gutiérrez, Ángel Silvestre e Celia Freijeiro[2], co título homónimo de Todo é silencio.
Trama
A novela divídese en dúas partes: "O silencio amigo" (capítulos I a XVI) e "O silencio mudo" (XVII a XLV).
Mariscal é un contrabandista da vila atlántica de Brétema.[3] Os seus pais comezaron co contrabando de volframio durante a segunda guerra mundial; logo de estudar no seminario, pasouse ao tabaco rubio de batea, e tras contactar cos clans colombianos, ao narcotráfico. Aos poucos, vai tecendo unha rede de control social, económico e institucional. A vida na vila aparece marcada pola economía somerxida, e o destino dos seus habitantes pola sombra da corrupción e o poder.
Fins, Brinco e Leda son tres rapaces de Brétema. Fins queda orfo ao morrer seu pai pescando con dinamita, e marcha a estudar a Cádiz. Brinco e Leda casan e teñen un fillo, e únense ao clan de Mariscal. Co tempo, Fins (que xa desde pequeno sofre epilepsia) regresa á vila como inspector da Garda Civil, encargado de loitar contra o narcotráfico. Brinco, que chega a rexentar un club de alterne, pensa en matalo.
O clan vai medrando, e os seus membros medran na súa posición social e económica. Porén, mentres algúns levan o aumento da súa riqueza con sobriedade, outros fachendean en exceso, mostrándose con vehículos, vivendas e traxes opulentos. Mariscal postúlase como candidato á alcaldía de Brétema, e Brinco chega a presidir o club de fútbol da vila.
Descóbrense varios gardas civís corruptos (desde axentes a oficiais) e varios narcos traidores (incluída a muller de Mariscal). Logo de que un home do clan de Mariscal, enganchado á heroína, non pague unha débeda aos colombianos encargados da subministración da droga, iníciase unha batalla entre clans, que dá lugar á morte de varias persoas.
Leda cita a Fins na vella escola. Alí aparece Brinco, e iníciase un tiroteo, no que este resulta morto.
Personaxes
- Tomás Brancana, Mariscal
- Guadalupe Melga (muller de Mariscal)
- Víctor Rumbo, Brinco
- Quique Rumbo (pai de Brinco; barman do Ultramar)
- Sira (nai de Brinco)
- Leda Hortas Nove Lúas (muller de Brinco)
- Antonio Hortas e Adela (pai e nai de Leda)
- Santiago Rumbo Hortas (fillo de Leda e Brinco)
- Macro Gamboa
- Tito Balboa Chelín
- Óscar Mendoza (avogado)
- Delmiro Oliveira (portugués)
- Tonino Montiglio (siciliano)
- Pablo Escobar (colombiano)
- Félix Fins Malpica (inspector da Garda Civil)
- Lucho Malpica e Amparo Saavedra (pai e nai de Fins)
- Mara Doval (subinspectora)
- Basilio Barbeito, O Desterrado ou O Coxo (mestre)
- Carburo (gardacostas)
Narración
A narración segue a liña das anteriores novelas do autor. Está narrada en terceira persoa cun narrador omnisciente, e inclúe abondosas descricións. Parte da historia está baseada en feitos e personaxes reais, relacionados cos clans do contrabando e narcotráfico existentes no Salnés e o Barbanza, vencellados á súa vez con clans estranxeiros. Así mesmo, teñen bos contactos coa igrexa e coa xustiza.
Espazo
Brétema é unha vila costeira, e preto dela aparecen numerosas praias, cabos e penedos. Moitos dos personaxes saben ben navegar, ben mariscar. Cara ao interior, son numerosos os outeiros desde os que se vixía a ría coñecidos polos personaxes.
Hai viaxes ao Baixo Miño, e tamén se fala de cidades de América, como Medellín.
Tempo
A trama comeza a mediados da década de 1960 (menciónase que Cassius Clay pasa a facerse chamar Muhammad Ali tras negarse a loitar na guerra de Vietnam). A segunda parte comeza uns 20 anos despois, a mediados da década de 1980. Co paso do tempo vanse vendo as melloras tecnolóxicas usadas polos clans para comunicarse e para transportar a droga.
Hai numerosas analepses, nas que se fala dos inicios no mundo do contrabando durante a posguerra.
Traducións
- Ao castelán por María Dolores Torres París co título de Todo es silencio publicado en 2011 por Editorial Alfaguara, Col. Punto de lectura[4].
- Ao inglés por Jonathan Dunne co título de All Is Silence publicado en 2013 por Harvill Secker[5].
- Ao francés por Serge Mestre co título de Tout est silence publicado en 2014 por Gallimard.[6]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
- Ficha na páxina web da editorial.