Todo é silencio (en castelán: Todo es silencio) é un filme español dirixido por José Luis Cuerda en 2012, baseado na novela Todo é silencio de Manuel Rivas (2010). O propio escritor fixo o guión do filme.
Estreouse en galego o 15 de setembro de 2017 a través da tvG2.[1] A directora de dobraxe foi Charo Pena.
A trama desenvólvese nunha vila costeira galega en 1969. Fins, Brinco e Leda son tres rapaces da vila de Noitía. Mariscal é un contrabandista que comezou a traficar con produtos chegados á costa desde barcos afundidos. Pasouse ao tabaco rubio de batea, e tras contactar cos clans colombianos, ao narcotráfico. A vida na vila aparece marcada pola economía somerxida, e Mariscal foi tecendo unha rede de control social, económico e institucional.
Fins, que sofre epilepsia, quedou orfo ao morrer seu pai pescando con dinamita, e marchou estudar a Cádiz, facéndose policía. Brinco e Leda casan e teñen un fillo, e únense ao clan de Mariscal. En 1989, logo de anos sen dar noticias, Fins regresa á vila, e Brinco, que pilota unha planadora, ofrécelle cartos a cambio da súa colaboración.
Descóbrense axentes corruptos e varios narcos traidores. Un amigo de Brinco, home do clan de Mariscal que está enganchado á heroína, suicídase logo de non ser quen de pagar unha débeda aos colombianos encargados da subministración da droga.
Leda ten celos porque Brinco vai con outra muller, e cita a Fins na vella escola. Alí aparece Brinco, e iníciase un tiroteo, no que este resulta morto a mans de Fins.
As paisaxes das Rías Altas galegas son os principais escenarios do filme. Os exteriores rodáronse en Muros, e pódense apreciar espazos como o faro do monte Louro ou a costa da parroquia de Tal.[2] Os interiores rodáronse nos estudios Ciudad de la Luz.[3]
En outubro de 2011 algunhas escenas foron rodadas na abandonada casa Bailly do Graxal, Cambre.[4]
Foi nomeado na categoría de mellor guión adaptado na XXVII edición dos Premios Goya.[5]