Timbuktu é un filme francés-mauritano de 2014 dirixido por Abderrahmane Sissako. Foi escollido para competir pola Palma de Ouro na competición principal do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2014.[3][4][5] En Cannes, gañou o Premio do Xurado Ecuménico e o Premio François Chalais.[6][7] Foi nomeado ó Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 87ª edición dos premios,[8][9] e foi nomeado ó BAFTA ó mellor filme en lingua non inglesa na 69ª dos premios. Gañou o premio de mellor filme nos Africa Movie Academy Awards.[10] O filme foi considerado o décimo segundo "mellor filme do século XXI" en 2017 por The New York Times.[11]
A película explora a poboación da cidade de Tombuctú, no centro de Malí, trala ocupación da cidade por islamistas extremistas que levaban unha bandeira negra xihadista. Os xihadistas aplican unha estrita interpretación da xaria, incluíndo a sentenza de lategazos por xogar ao fútbol, cantar e estar con persoas non familiares doutro sexo, e a lapidación por adulterio. O islam dos xihadistas contrasta co islam predicado polo imam local.
Kidane, un gandeiro tuareg, vive fóra da cidade coa súa muller Satima e a súa filla Toya. Unha das súas vacas dana accidentalmente a rede de Amadou, un pescador, que posteriormente a mata. Kidane, armado cunha pistola, enfróntase a Amadou e dispáralle accidentalmente. Os xihadistas arrestan a Kidane mais ofrécenlle perdoar a vida se a familia de Amadou o perdoa e el paga diya por corenta reses. Toya e o seu amigo Issan poden reunir o suficiente gando, mais a familia de Amadou non quere perdoar a Kidane.