The Best Exotic Marigold Hotel (de título completo The Best Exotic Marigold Hotel for the Elderly & Beautiful) é un filme británico dirixido por John Madden. O guión, escrito por Ol Parker, baséase na novela de 2004 These Foolish Things, de Deborah Moggach. Está protagonizado por Judi Dench, Celia Imrie, Bill Nighy, Ronald Pickup, Maggie Smith, Tom Wilkinson e Penelope Wilton, que interpretan a un grupo de xubilados que se trasladan a unha residencia da India, dirixida polo novo Sonny, interpretado por Dev Patel. Foi producido por Participant Media e Blueprint Pictures cun orzamento de $10.000.000.
Foi estreado no Reino Unido o 24 de febreiro de 2012 e recibiu boas críticas; The Best Exotic Marigold Hotel tivo unha boa recadación no seu país e unha boa acollida do público internacional. Converteuse nun éxito sorpresa, conseguindo $137.000.000 de recadación. A súa secuela, The Second Best Exotic Marigold Hotel, comezou a produción na India en xaneiro de 2014 e foi estreada o 27 de febreiro de 2015.