Taenia

Taenia é un xénero de vermes planos Cestodos ciclofílidos, organismos chamados tenias, entre os que se inclúen importantes parasitos dos animais e do home. Especies deste xénero son responsables da teníase e a cisticercose nos humanos. Hai máis de 100 especies rexistradas neste xénero. Morfoloxicamente caracterízanse por ter un corpo en forma de fita composto por segmentos chamados proglotes; e da súa forma deriva o seu nome, xa que en grego ταίνια, tainía significa fita, vendaxe ou faixa. O extremo anterior do corpo é un órgano de fixación con ventosas e ás veces ganchos chamado escólex. Non todos os membros do xénero Taenia teñen un escólex armado con ganchos ou espiñas (por exemplo, Taenia saginata non os ten, pero Taenia solium si).[1]

As proglotes teñen un ovario central, cun vitelario (glándula da xema) na parte posterior. Como en todos os cestodos ciclofílidos, hai un poro xenital a cada lado de cada proglote. Os ovos libéranse cando a proglote se desprende do corpo e se deteriora, xa que non teñen un poro uterino para a saída dos ovos.

Exemplos de especies

Ciclo de vida

Un par de proglotes desecadas, que parecen sementes de sésamo e que conteñen moitos ovos.

O ciclo de vida empeza cando se liberan polas feces ovos ou proglotes grávidas cheas de ovos. Os ovos libres (embrióforos) levan oncosferas (tamén chamados embrións hexacantos). Os ovos son resistentes e duran de días a meses no medio ambiente. Algunhas veces, como pasa en T. saginata, eses segmentos (proglotes ou cadeas de proglotes) son aínda móbiles despois da excreción, baleiran os seus ovos en poucos minutos ou, nalgunhas especies, retéñenos agrupados e agardan á chegada dun hóspede vertebrado axeitado. O hóspede intermediario (gando, porcos, roedores etc., segundo a especie de verme) debe despois inxerir os ovos ou as proglotes. Se o hóspede é da especie correcta, o embrióforo eclosiona, e os embrións hexacantos invaden a parede do intestino delgado do hóspede intermediario para viaxar despois ao músculo estriado onde se desenvolven como larvas cisticercos. Alí crecen, e diferéncianse nesta forma larvaria que parece unha vesícula (e creuse erradamente ata mediados do século XIX que era outra especie de parasito), que é infecciosa para o hóspede definitivo en canto desenvolva un escólex invaxinado (protoescólex). Para continuar o proceso, o hóspede definitivo debe comer carne mal cocida ou crúa do hóspede intermediario. Unha vez que está no hóspede definitivo, a vesícula é dixerida, o escólex insírese na parede intestinal, e o colo empeza a producir segmentos que formarán o corpo do verme ou estróbilo. Aparecen novos ovos nas feces do hóspede definitivo xeralmente de seis a nove semanas despois, e o ciclo volve a repetirse.

Taenia saginata ten unhas 1.000-2.000 proglotes e cada unha das proglotes grávidas contén 100.000 ovos, mentres que Taenia solium ten unhas 1.000 proglotes e cada proglote grávida ten 60.000 ovos aproximadamente.[3]

Diverxencia de Taenia en humanos

Inicialmente pensábase que os humanos adquiriran especies de Taenia (T. solium, T. asiatica e T. saginata) despois da domesticación de grandes animais, aínda que a dieta omnívora e a busca de alimentos dos primeiros homínidos suxire que o contacto entre a Taenia ancestral estableceuse antes da aparición dos humanos modernos e a agricultura avanzada. As probas indican que a domesticación de animais polos humanos introduciu especies de Taenia en novos hóspedes intermediarios, como vacúns e porcinos.[4]

Os datos morfolóxicos e moleculares suxiren que a diverxencia das Taenia como parasitos humanos especializados estivo directamente asociada cos primeiros homínidos e antes da existencia do Homo sapiens moderno. As relacións predador-presa directas entre os humanos e os hóspedes intermedio e definitivo orixinais de Taenia tivo como resultado este cambio de hóspede. As evidencias ecolóxicas mostran que os primeiros homínidos predaban frecuentemente hóspedes intermedios de Taenia, como os antílopes, propiciando unha coloniación máis temperá polo parasito anterior á domesticación de animais. Os primeiros homínidos tiñan unha dieta omnívora; eran cazadores e comedores de prea. A abundancia de antílopes na sabana da África subsahariana no Plioceno tardío supoñía un enorme recurso alimenticio para os homínidos e outros animais carnívoros como os félidos, cánidos e hiénidos.[4] Os homínidos que cazaban antílopes ou buscaban prea mataban antílopes establecendo o inicio dunha relación hóspede parasito entre os homínidos e a Taenia. Daquela, é posible que os homínidos non tivesen modo de cociñar os alimentos. Isto aumentaria grandemente as posibilidades de adquirir os cisticercos como resultado de comer carne non cociñada. Ademais, a transmisión do parasito puido verse potenciada polo consumo directo do hóspede definitivo. Os datos parasitolóxicos apoian a busca de antílopes como alimentro polas especies de Homo durante o Plioceno tardío e Plistoceno. Isto corresponde co contacto inicial coa Taenia ancestral e a especialización en T. solium, T. saginata e T. asiatica, que resultou así na colonización dos primeiros homínidos como hóspedes definitivos.

O cambio de hóspede de Taenia é máis frecuente entre carnívoros e menos entre herbívoros por medio de coespeciación. Obsérvase un exceso de 50–60% de colonización de Taenia entre carnívoros (hiénidos, félidos e homínidos).[5] A adquisición do parasito ocorre máis frecuentemente entre o hóspede definitivo que entre os hóspedes intermedios.[5] Por tanto, o cambio de hóspede probablemente pode que non ocorrese a través de vacas e porcos. O establecemento de vacas e porcos como hóspedes intermedios de especies de Taenia deeuse, en consecuencia, ás relacións sinantrópicas cos humanos. Durante os pasados 8000–10000 anos, estableceuse a colonización das respectivas especies de Taenia desde os humanos ás vacas e aos porcos.[5] En contraste, a colonización da Taenia ancestral nos primeiros homínidos estableceuse hai 1,0–2,5 millóns de anos.[5] Isto indica claramente que a coloniación das Taenia humanas antecede a domesticación de animais.

Notas

  1. Roberts, L.S. and Janovy, John Jr. Foundations of Parasitology 7th Edition. McGraw-Hill. 2005.
  2. Sachs, R (1969). "Untersuchungen zur Artbestimmung und Differenzierung der Muskelfinnen ostafrikanischer Wildtiere". ZARRAYropenmedizin und Parasitologie 20 (1): 39–50. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2013. Consultado o 28 de xullo de 2013. 
  4. 4,0 4,1 Hoberg, E. P.; Alkire, N. L.; Queiroz, A. D.; Jones, A. (2001). "Out of Africa: origins of the Taenia tapeworms in humans". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 268 (1469): 781–787. PMC 1088669. PMID 11345321. doi:10.1098/rspb.2000.1579. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Hoberg, Eric P. (2006). "Phylogeny of Taenia: Species definitions and origins of human parasites". Parasitology International 55: S23–S30. PMID 16371252. doi:10.1016/j.parint.2005.11.049. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!