TAP Air Portugal é a aeroliña nacional de Portugal, con base en Lisboa e membro da Star Alliance dende o 15 de marzo do 2005. Opera a destinos en Europa, África e América, voando a 88 destinos en 35 países distintos. A sigla TAP significa Transportes Aéreos Portugueses, denominación orixinal da empresa.
Historia
Inicios
O 14 de marzo de 1945 Humberto Delgado, o director do Secretariado de Aviación Civil de Portugal, creou a sección de Transportes Aéreos baixo a denominación de Transportes Aéreos Portugueses. Ese mesmo ano TAP adquiriu os seus dous primeiros avións, dous DC-3 con capacidade para 21 pasaxeiros.
En 1946 comezou as súas actividades. A súa primeira liña comercial foi entre as cidades de Lisboa e Madrid, estreada o 19 de setembro. O 31 de decembro dese ano ínaugurouse a Linha Aérea Imperial. A Linha, Lisboa-Luanda-Lourenço Marques (actual Maputo), facía un percorrido de 24.540 quilómetros con 12 escalas e cunha duración de 15 días (ida e volta) e era a máis extensa liña no mundo cuberta por un DC-3.
A primeira liña doméstica, entre Lisboa e Porto, foi aberta en 1947, e ese ano foron adquiridos catro DC-4 Skymaster. Estes foron usados en rutas cara África e cara aos principais destinos europeos. En 1948 a aeroliña pasaría aser membro da IATA.
En 1953 TAP pasou a ser de dominio público a unha sociedade anónima de responsabilidade limitada, con capitais mixtos pero coa maioría do Estado. TAP continuou apostando pola Linha Aérea Imperial, e en 1954 introduciu nesta liña o DC-4, que fixo o seu primeiro voo entre Lisboa e Luanda cunha duración de 17 horas.
En agosto de 1955 TAP recibiu o seu primeiro catrimotor de longo alcance, o Lockheed L-1049G Super Constellation, que en novembro comezou a operar cara a África. Con esta adquisición o tempo de voo entre Lisboa e Lourenço Marques reduciuse considerablemente. Nese mesmo ano realizouse unha viaxe experimental a Río de Xaneiro cun DC-4.
En 1958 o último dos DC-3 foi retirado do servizo e TAP comezou a estudar a transición cara aos reactores.
En 1960 realízou o primeiro voo entre Lisboa e Porto Santo. Ese mesmo ano TAP inaugura o Voo da Amizade entre Lisboa e Río de Xaneiro, destinado sobre todo a brasileiros e portugueses, con tarifas a menos da metade do prezo normal da época para ese traxecto. Tamén realizouse a primeira viaxe entre Lisboa e Goa, con case 19 horas de duración total e cinco escalas. TAP retirou o último dos catro DC-4 do servizo en 1960.
A guerra colonial en África fixo que a compañía se centrase en Europa e no Brasil. A pesar da guerra, TAP seguiu inaugurando novas liñas e abrindo novas delegacións.
TAP transportou ao seu pasaxeiro 1 millón o 19 de xuño de 1964, 18 anos despois de que a compañía iniciase as súas actividades. En 1967 TAP converteríase na primeira aeroliña europea en operar unicamente avións a reacción. En 1969 comezou a voar a Nova York, con escala en Santa Maria, e ao ano seguinte inauguraría o servizo a Boston. En 1975 TAP foi nacionalizada, pasando a ser unha empresa pública e cambiou o seu nome para o de TAP Air Portugal en marzo de 1979. Foi creado un novo logotipo, novas decoracións para os avións e novos uniformes.
De cara finais dos 90 TAP vendeu os seus vellos Boeing 727 e Boeing 737, substituíndoos por Airbus A319, A320 e A321. Os TriStar foron vendidos a Air Luxor e foron substituídos por Airbus A340, estando a partír de aí toda a súa frota composta por avións de Airbus.
Século XXI
En febreiro de 2005 TAP Air Portugal foi renomeada como TAP Portugal,[1] o seu actual nome. O 14 de marzo dese ano, o mesmo día do seu 60 aniversario, TAP Portugal converteuse en membro da alianza de aeroliñas Star Alliance. TAP rematou o seu acordo con Delta Air Lines e comezou un novo con United Airlines, que tamén é membro da Star Alliance. Baixo este acordo o código de United (UA) é usado polos voos transatlánticos de TAP Portugal e nalgúns africanos, e o de TAP Portugal (TP) é usado en voos de United.
No ano 2007 TAP Portugal foi premiada pola OTAN como a mellor empresa de reparación dos avións e motores do programa de mantemento dos seus AWACS, e foi distinguida cos máis altos premios de mantemento e revisión de Airbus Industries en 1996, 2000, 2003 e 2005, sendo certificada para todos os seus avións, motores e compoñentes. TAP Portugal completou bases de mantemento e reformas en Lisboa, Río de Xaneiro e Porto Alegre, e ten estacións de mantemento en tres continentes: 4 en Portugal, 8 no Brasil e 1 en Angola.
TAP comezou a programar voos cara Moscova, Varsovia e Helsinqui en xuño do 2009. No ano seguinte inaugurou novas rutas a Marrakesh e Alxer. O lanzamento destas novas rutas destacou os esforzos da aeroliña por medrar en África, que fora a única zona das súas rutas onde a compañía non deixou de medrar dende 2001, pasando de 236.000 a 541.000 pasaxeiros. Novas rutas de longo alcance foron anunciadas no 2011, entre elas cara Miami e Porto Alegre.
Frota
Actual
En novembro de 2020 a frota de TAP Air Portugal estaba formada poos seguintes avións:[2][3][4]