Jeanne-Paule Marie "Jeanine" Deckers, nada en Laeken (Bruxelas) o 17 de outubro de 1933[1] e finada en Wavre (Brabante) o 29 de marzo de 1985, máis coñecida como Sœur Sourire (en francés, "Sor Sorriso"), foi unha cantante e compositora belga, membro da orde dominicana co nome de Irmá Luc Gabriel. Obtivo fama en 1963 coa publicación da canción "Dominique", que chegou o número 1 nos Estados Unidos e noutros países. Debido a varias confusións sobre os termos dos seus contratos de gravación acabou na pobreza e sufriu unha crise de fe, deixando a orde, aínda que continuando a ser católica. Cometeu suicidio coa súa compañeira Annie Pécher.
Traxectoria
Jeanne-Paule Marie Deckers naceu en Laeken, filla do dono dunha confeitería e foi educaca nunha escola católica de Bruxelas. A súa nai alegrouse cando decidiu unirse ás Guides Catholiques de Belgique (GCB).[2] Cando tiña quince anos tivo unha premonición de que sería monxa.[3] Comprou a súa primeira guitarra para tocar en actos da Guide. Entre 1954 e 1959, deu clases de escultura a mozos. Nun campamento no verán de 1959 coñeceu a Annie Pécher, de dezaseis anos, coa que desenvolveu unha estreita relación.[4][5] Finalmente convenceuse de que a profesión do ensino non se axustaba a ela e deixouna. En setembro de 1959 entrou nas Irmás Misioneiras Dominicanas de Nosa Señora de Fichermont, na cidade de Waterloo, onde tomou o nome relixioso de "Irmá Luc Gabriel".[6][7]
Mentres estaba no convento, escribía, cantaba e interpretaba as súas cancións, ben recibidas polas súas compañeiras e visitantes, polo que a súa superiora animouna a gravar un álbum que podía vender no convento.[6] En 1961, gravou o álbum na Philips de Bruxelas; o sinxelo "Dominique" converteuse nun éxito internacional e en 1962 o álbum vendeu dous millóns de copias.[7] A irmá Luc Gabriel converteuse nunha celebridade e adoptou o nome artístico de Sœur Sourire. Deu concertos e apareceu no programa The Ed Sullivan Show o 5 de xaneiro de 1964.[8] "Dominique" foi a primeira canción dun artista belga que chegou ao número un de sinxelos nos Estados Unidos.[9]
Deckers non viu moitos cartos pola súa fama mundial, e o seu segundo disco Her Joys, Her Songs, recibiu pouco interese. Moitas das súas ganancias foron a Philips e ao seu produtor, mentres que o resto foi directamente á súa congregación,[7] que gañou polo menos 100 000 dólares en regalías.[6] Situada entre dous mundos e cada vez máis en desacordo coa igrexa católica, Deckers abandonou o convento en 1966[7] para seguir unha vida como dominicana leiga.[10]
Cando deixou o convento, a compañía discográfica fixo que deixase os nomes de "Sœur Sourire" e "The Singing Nun".[11] Intentou seguir a súa carreira como "Luc Dominique".[7] Cada vez máis frustrada polo que consideraba o fracaso da igrexa católica en implementar as reformas do Concilio Vaticano Segundo, publicou unha canción en 1967 defendendo o uso da contracepción titulada "Glory be to God for the Golden Pill".[12] Isto levou a unha intervención da xerarquía católica en Montreal e cancelouse un dos seus concertos.[13]
A pesar dos seus intentos, a carreira musical de Deckers non prosperaba e finalmente pasou a dar clases a mozos con discapacidades en Wavre, chegando a abrir o seu propio colexio para nenos autistas.[14] Sufriu unha crise nerviosa, á que seguiron dous anos de psicoterapia.[11]
Reconectou coa súa amiga de mocidade Annie Pécher, mentres estaba na Universidade de Lovaina. Pouco a pouco desenvolveron unha relación moi íntima,[7] e compartiron un apartamento ata o seu pasamento.[15] A biógrafa Catherine Sauvat indica que a pesar de que Deckers sempre negou que tivesen unha relación homosexual, despois de varios anos de vida en común, si houbo dita relación.[16]
A finais da década de 1970, o servizo público financeiro federal de Bélxica dixo que debía 63 000 dólares en impostos.[6] Citando dificultades económicas, ela e Annie Pécher suicidáronse por unha sobredose de barbitúricos e alcohol o 29 de marzo de 1985.[9][17][18] Na súa nota de suicidio, escribiron que non renunciaban á súa fe e que desexaban ser enterradas xuntas nun funeral católico.[19] Foron enterradas xuntas o 4 de abril de 1985 no cemiterio Cheremont de Wavre, a cidade en que morreron.[20] A inscrición da súa tumba di "J'ai vu voler son âme/ A travers les nuages" ("Vin a súa alma voar a través das nubes"), un verso tomado da súa canción de 1966 "Luc Dominique".[21]
↑Wilson, Scott. Resting Places: The Burial Sites of More Than 14,000 Famous Persons, 3d ed.: 2 (Kindle Locations 43607-43608). McFarland & Company, Inc., Publishers. Kindle Edition.