A síndrome do restaurante chinés, tamén coñecida como síntoma de glutamato monosódico, é un conxunto de síntomas que poden incluír dor de cabeza (xaqueca), rubor, sudación e sensación de presión na boca ou na cara. Durante un tempo pensouse que o glutamato monosódico aditivo (GMS) é a causa, pero esta hipótese parece infundada. Os estudos científicos non deron probas concluíntes de que esta sexa a orixe. A síndrome ten este nome porque está asociada á inxestión de alimentos preparados nos restaurantes de cociña chinesa, onde o glutamato é un condimento frecuente. Na maioría dos casos os síntomas non son graves e pódense reducir tomando vitamina B6.[1]
Os primeiros casos ocorreronna década de 1960 nos Estados Unidos, onde hai moitos restaurantes que usan moito glutamato monosódico. En abril de 1968, o doutor Robert Ho Man Kwok escribiu unha carta ao New England Journal of Medicine, acuñando o termo "síndrome do restaurante chinés" afirmando:
Experimentei unha rara síndrome cada vez que comín nun restaurante chinés, especialmente nun que serve comida do norte da China. A síndrome, que adoita comezar entre 15 e 20 minutos despois de comer o primeiro prato, dura unhas dúas horas, e sen o efecto resaca. Os síntomas máis destacados son o entumecimiento na parte posterior do pescozo, que irradia gradualmente a ambos os brazos e as costas, debilidade xeral e palpitacións... [2]
A pesar da percepción de que o glutamato monosódico é a causa dos síntomas, esta asociación nunca se demostrou en condicións rigorosamente controladas, mesmo en estudos con persoas que estaban convencidas de que eran sensibles ao composto.[3] [4] [5] Realizáronse mostras de placebo para rastrexar as causas en diferentes experimentos e, a pesar diso, non houbo conclusións determinantes.[6]