Suomen Jääkiekkoleijonat (en galego leóns/leoas do hóckey sobre xeo finlandés) é o nome polo que se coñece ao Salón da Fama do Hóckey sobre Xeo Finlandés. As personalidades son nomeadas polo Suomen Jääkiekkomuseo (en galego "Museo do hóckey sobre xeo finlandés"), que xestiona a galería de personalidades homenaxeadas. Na lista figuran xogadoras e xogadores, adestradoras e adestradores, árbitras e árbitros, así como outras personalidades que influíron neste deporte en Finlandia.[1]
O Salón da Fama do hóckey sobre xeo finlandés foi fundado en 1985, cando se nomearon 36 persoas. Se ben en 2022 introducíranse xa 268 personalidades, o número de mulleres é moi reducido, e non foi ata 2007 cando se nomearon as primeiras integrantes. As personalidades son nomeadas polo impacto que provocaron nesta modalidade no país nórdico independentemente da súa nacionalidade, aínda que o número de persoas estranxeiras é moi reducido.
As persoas da seguinte lista ordenable aparecen pola orde na que foron nomeadas "leoas".
En 1985 Kimmo Leinonen regresou a Finlandia dende América do Norte traendo a idea de crear un salón da fama no que homenaxear ás persoas mais relevantes da modalidade no país. Dende ese mesmo ano, o museo do hóckey nomea persoas como "leóns/leoas do hóckey", comezando coa introdución de 36 personalidades, o número máis alto ata a data. Cada ano poden ser elixidas entre cero e seis persoas.[1][2][3] Os membros fundadores do Salón da Fama foron Aarne Honkavaara, Kalervo Kummola, Kimmo Leinonen, Harry Lindblad, Juhani Linkosuo e Usko Teromaa.
En 2007 deixouse de outorgar un número ás personalidades que pasaran a formar parte do Salón da Fama,[4] mais en 2023 o sitio web do Salón da Fama tiña asignado un número a cada personalidade. En 2007 nomeáronse ás primeiras mulleres en formar parte do Salón da Fama, foron Marianne Ihalainen e Riikka Välilä, que se converteron tamén nas primeiras mulleres do mundo en ser introducidas nun salón da fama de hóckey sobre xeo.[5][6]
En 2017, a cerimonia de introdución das novas personalidades do salón da fama coincidiu coa apertura da nova exposición do museo finlandés do hóckey sobre xeo. Esta foi a primeira vez que o museo acolleu a cerimonia de nomeamento, na que os "leóns" Veli-Pekka Ketola e Jari Kurri entregaron os premios.[7]
En 2020 non se nomeou ningunha nova personalidade a causa da pandemia por coronavirus.[8]
Na lista figuran xogadoras e xogadores, adestradoras e adestradores, árbitras e árbitros, así como outras personalidades que influíron neste deporte en Finlandia,[1] ademais calquera persoa que teña promovido o hóckey sobre xeo finlandés pode ser nomeada "leoa do hóckey sobre xeo" independentemente da súa nacionalidade. Ata 2021 foran nomeadas oito personalidades non finlandesas.[1] Se ben calquera persoa pode ser introducida no Salón da Fama, o número de mulleres presentes é moi reducido e houbo que esperar 22 anos, ata 2007, para ver ás primeiras mulleres ocupar un posto na galería, estas foron Marianne Ihalainen e Riikka Välilä, que se converteron ademais nas primeiras mulleres do mundo en ser introducidas nun salón da fama de hóckey sobre xeo.[5][6]
En 2023 hai un total de 268 personalidades no homenaxeadas, das cales 183 son xogadoras e xogadores (20 porteiras e porteiros, 53 defensas e 110 atacantes), 11 árbitros e árbitras, 2 xuíces e xuízas de liña, 21 adestradoras e adestradores, 43 personalidades influentes e 8 representantes dos medios.[9]
A elección das personalidades é realizada por un comité integrado por persoas relevantes do hóckey sobre xeo do país nórdico que valoran os méritos das persoas elixibles. En 2023 este comité estaba presidido polo ex xogador e "león" do hóckey sobre xeo finlandés Jari Kurri, xunto con outras personalidades salientables como Kai Tervonen, Raimo Helminen, Marianne Ihalainen, Jarmo Jalarvo, Veli-Pekka Ketola, Kalervo Kummola, Jere Lehtinen, Heikki Miettinen, Hannu Tolonen e Erkka Westerlund.[10]