Sheela na Gig

A famosa Sheela na gig de Kilpeck, Inglaterra.

Sheela na Gigs (ou Sheela-na-Gigs ) son esculturas figurativas de mulleres espidas que mostran unha vulva esaxerada. Atópanse principalmente en igrexas, castelos e outros edificios, especialmente nas illas Británicas, ás veces con figuras masculinas. Irlanda ten o maior número de tallas de Sheela na Gigs coñecidas: en "The Sheela-na-Gigs of Ireland and Britain: The Divine Hag of the Christian Celts – An Illustrated Guide", Jack Roberts e Joanne McMahon citan 101 exemplos en Irlanda en comparación con 45 na Gran Bretaña.[1]

Dise que estas esculturas protexen da morte e do mal.[2] [3] Outras figuras grotescas como as gárgolas son frecuentes nas igrexas de toda Europa, e adoita dicirse que a súa presenza afasta aos malos espíritos (véxase maxia e efecto apotropaico). Son habituais en portas e xanelas, para protexer estas aberturas.

A tese da investigadora galega Milagros Torrado Cespón identifica a Sheela-na-Gig, Santa Bríxida e a Virxe María como iconas femininas transformadas do paganismo á iconografía cristianizada en Inglaterra e nas illas Británicas en xeral. A figura grotesca situada nas entradas de edificios, simboliza a fertilidade, opondo-se ao "mal de ollo". Santa Bríxida, unha deusa celta da fertilidade, foi cristianizada e a súa festividade coincide agora coa da Candeloria cristiá. A Virxe María, aínda que estritamente cristiá, ocupa un lugar similar ao das deidades femininas pagás nos rituais e invocacións. Así, estas tres figuras exemplifican o sincretismo e evolución das crenzas relixiosas nas Illas Británicas.[4]

Etimoloxía

Sheela na Gig nunha muralla de Fethard, condado de Tipperary, Irlanda.

A etimoloxía de "Sheela-na-Gig" é disputada e complexa: o nome aparece en diversas formas e con diversas interpretacións; o termo é de orixe irlandesa, pero o seu significado exacto segue a ser motivo de debate.

A palabra Sheela é unha forma anglicizada do nome irlandés Síle (Icía). Na é a forma en gaélico irlandés das contracións "da" (de+a) ou "na" (en+a). Gig pode provir do irlandés gíog, aludindo ás partes íntimas femininas. Outros propoñen que pode referirse á xiga, sendo unha forma corrompida de gigue, un termo francés antigo que significa "instrumento musical", en referencia ás supostas funcións apotropaicas destas figuras. Segundo esa interpretación, significaría "Icía na xiga".[5][6]

Orixe

Existe polémica sobre a orixe destas figuras. Unha opinión, mantida por Anthony Weir e James Jerman, é que as Sheelas medievais foron talladas por primeira vez en Francia e na Península Ibérica no século XI, e que o motivo chegou máis tarde a Gran Bretaña e Irlanda no século XII. O traballo de Weir e Jerman foi unha continuación da investigación iniciada por Jørgen Andersen, quen escribiu The witch on the wall (1977), o primeiro libro serio sobre as Sheela na Gigs. Eamonn Kelly, conservador de antigüidades irlandesas no Museo Nacional de Irlanda en Dublín, fala no seu libro Sheela-na-gigs: origins and functions da distribución das Sheela en Irlanda para apoiar a teoría de Weir e Jerman: case todas as Sheela conservadas in situ están nas rexións conquistadas polos anglo-normandos (século XII), mentres que nas zonas que quedaron como "irlandesas nativas" só aparecen algunhas. Weir e Jerman tamén argumentan en Images of Lust que a súa localización nas igrexas e a súa fealdade segundo os estándares medievais suxiren que foron usadas para representar a luxuria feminina como horríbel e pecaminosamente corrupta.

Outra teoría, exposta por Jack Roberts e Joanne McMahon, é que as esculturas son restos dun culto á fertilidade precristiá ou á Deusa Nai. Roberts e McMahon sinalan o que afirman que son diferenzas nos materiais e estilos dalgúns Sheela con respecto ás estruturas circundantes, e que algúns parecen rotados, para apoiar a idea de que foron incorporados de estruturas anteriores aos edificios cristiáns primitivos. Existen diferenzas entre as típicas figuras exhibicionistas "continentais" e as Sheela irlandesas, entre elas a escaseza de figuras masculinas en Irlanda e Gran Bretaña, máis frecuentes no continente, onde tamén aparecen posturas máis "contorsionistas".[7][8]

A Moura de Pena Furada en Coirós, na comarca de Betanzos, é a figura deste tipo máis antiga de Europa.

En Galiza

No ano 2011 atopouse en Coirós, na comarca de Betanzos, unha figura do século I co sexo desproporcionado,[9] polo que posibelmente é a figura de Sheela-na-gig máis antiga de Europa.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Libros:

Artigos:

  • Murray, M. (1934). «Female Fertility Figures». Journal of the Royal Anthropological Institute. LXIV 
  • Oakley, T., Woodcock, A. (2006). «The Romanesque Corbel Table at St John's, Devizes and its Sheela na gig». The Wiltshire Archaeological and Natural History Magazine. 99

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!