San Xoán de Sardiñeiro é unha parroquia que se localiza ó norte do concello de Fisterra. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 742 habitantes (359 mulleres e 383 homes) distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 897 habitantes.
A igrexa parroquial é de estilo barroco-neoclásico. A súa construción iniciouse en 1774, sufrindo reformas e ampliacións no século XIX.
A súa planta é de salón, con muros grosos e unha soa nave. Ten tres portas de acceso á nave. A fachada actual é neoclásica, conservando do estilo barroco a moldura das ventás. A espadana foi engadida en 1900.
Carece de retablos, xa que foron destruídos nas sucesivas reformas debido ao mal estado. A ornamentación interior é escasa, destacando un crucifixo de grandes dimensións na capela maior, da escola compostelá do século XX e con claras influencias de Francisco Asorey e outros escultores galegos de principios de século.
Sobre unha ménsula está a figura de San Xoán Bautista.
Por esta parroquia pasa a 8ª etapa da ruta de sendeirismo do Camiño dos Faros.
Buxán | Castrexe | Castromiñán | Padrís | Rial | Sardiñeiro de Abaixo | Sardiñeiro de Arriba | O Sisto | Suarriba
Duio (San Vicenzo) | Fisterra (Santa María) | San Martiño de Duio (San Martiño) | Sardiñeiro (San Xoán)