Sara Borrell Ruiz, nada en Madrid en 1917 e finada na mesma cidade en 1999, foi unha farmacéutica e bioquímica española destacada polos seus traballos pioneiros sobre análises e metabolismo de hormonas esteroides.[1][2][3]
Traxectoria
Tanto a avoa, Clementina Albèniz, que foi mestra da Asociación para la Enseñanza de la mujer, como o resto da familia, apoiaron os desexos de estudar de Sara. A súa familia era liberal e estivo comprometida en temas sociais. O seu pai, membro de Izquierda Republicana, estivo encarcerado ao acabar a Guerra Civil.[4]
Sara quixo estudar enxeñaría agrónoma pero ao non ser admitida decidiuse polos estudos de farmacia na Universidade de Madrid en 1933. Licenciouse en 1940 e obtivo o doutoramento en 1944, cunha tese sobre as augas do río Tajo.[5]
Traballou como profesora de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), onde realizou estudos sobre as proteínas do leite, traballos que lle levaron a investigar no Hanna Dairy Research Institute de Escocia, con Norman C. Wright.
En 1950 Gregorio Marañón animouna a investigar no entón recentemente creado Instituto de Endocrinoloxía Experimental, ofrecéndolle a posibilidade de complementar os seus estudos sobre bioquímica e metabolismo das hormonas no estranxeiro.
En 1963, por mor da morte de Gregorio Marañón, creouse o Instituto Gregorio Marañón e Sara encargouse da Sección de Esteroides. Neste mesmo ano creouse a Sociedade Española de Bioquímica da cal Sara foi socia fundadora. Xa en 1983 ao inaugurarse o Instituto Cajal do CISC entrou a traballar alí, onde permaneceu até a súa xubilación en 1989.
Cunha bolsa do CSIC, traballou en Cambridge nun proxecto sobre as reaccións relacionadas co escurecemento do leite, do que non se coñecía o fundamento químico que podería contribuír a evitalo. Os resultados publicáronse na revista británica Nature en 1952.[4]
Contribucións
Sara introduciu en España os coñecementos e as técnicas que adquiriu ao longo das súas estancias no estranxeiro entre 1946 e 1961. Unha delas, por exemplo, en Massachusetts con G. Pincus, o inventor da pílula anticonceptiva, na Worcester Foundation for Experimental Biology e outra na Unidade de Investigación de Endocrinoloxía Clínica en Edimburgo. Pincus recomendouna para participar nas probas sobre a eficacia da pílula anticonceptiva en Porto Rico pero non quixo afastarse da súa familia.
Os seus traballos publicáronse en revistas científicas con difusión internacional. A maioría das súas investigacións pódense atopar no Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism, o Biochemical Journal, o Journal of Endocrinology e en Hormone Research.
Recoñecementos
O Instituto de Saúde Carlos III deu o seu nome a un programa de axudas para contratos posdoutorais.[1][6]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía