Salò o le 120 giornate di Sodoma é un filme franco-italiano escrito e dirixido por Pier Paolo Pasolini que se estreou en 1975.[1][2] Baséase no libro Os 120 días de Sodoma do Marqués de Sade. Contén varias referencias e diálogos extraídos do libro Zur Genealogie der Moral de Friedrich Nietzsche, do poema Os Cantos de Ezra Pound e de Á busca do tempo perdido de Marcel Proust. Foi o derradeiro filme de Pasolini xa que foi asasinado pouco despois da estrea de Salò. Por mor da representación de mozos menores sendo obxecto de violencia, sadismo, depravacións sexuais e asasinatos, o filme foi extremadamente controvertido dende a súa estrea, e segue a estar prohibido en moitos países.
A historia está dividida en catro anacos, inspirados na Divina Comedia de Dante: o Anteinferno, o Círculo das Manías, o Círculo da Merda e o Círculo do Sangue.
A historia céntrase en catro ricos e libertinos fascistas despois da caída da Italia de Benito Mussolini en xullo de 1943. Os libertinos secuestran dezaoito rapaces e sométenos a catro meses de extrema violencia, sadismo e tortura sexual e mental. O filme explora os temas da corrupción política, do abuso do poder, do sadismo, da perversión, da sexualidade e do fascismo.
Existen varias versións do filme. Nun comezo duraba 145 minutos, pero o propio Pasolini eliminou 25 minutos para axudar a manter o ritmo. A versión máis extensa dispoñible é o DVD vendido polo British Film Institute, que inclúe unha breve escena non incluída noutras copias: durante a primeira cerimonia de vodas, un dos mestres cita un poema de Gottfried Benn.
Os dereitos para distribuír o filme na maior parte do mundo están en mans de Metro-Goldwyn-Mayer.