Símbolos nacionais de Escocia

Escocia está representada por un conxunto de símbolos nacionais recoñecibles, algúns deles oficiais (a bandeira de Escocia, o Estandarte Real de Escocia etc.) e outros oficiosos (o Himno de Escocia, o tartán, a Declaración de Arbroath...)

Bandeiras

A bandeira de Escocia

Bandeira oficial de Escocia

A Bandeira de Escocia, tamén coñecida como Saltire ou Cruz de San Andrés, está composta por unha aspa branca sobre fondo azul. A aspa branca é o símbolo de Santo André o Apóstolo, patrón de Escocia. Segundo a lenda, no 832 o rei Angus II dos Pictos dirixiu aos escotos na súa batalla contra os anglos, comandados por Aethelstan de East Anglia, preto do actual concello de Athelstaneford, en East Lothian. O rei Angus e os seus homes víronse rodeados, e pregaron polas súas vidas. Durante a noite, Santo André apareceuse ao rei e prometeulle a vitoria. Pola mañá, ambos os dous exércitos viron aparecer sobre o ceo azul unha cruz branca, representando a cuz sobre a que fora martirizado Santo André. Esta aparición deu coraxe aos escoceses, mentres que os anglos se desmoralizaron e perderon o combate.

A cor do fondo da bandeira era variable, dende o azul ceo ata o azul mariño, dependendo, ao parecer, do tipo de tinguidura dispoñible en cada zona e época. Cando foi incorporada á bandeira do Reino Unido, empregouse o azul mariño como cor de fondo. Con todo, en 2003, unha comisión do Parlamento de Escocia estableceu que a cor oficial do fondo da bandeira é o Pantone 300 (é dicir, 0, 114, 198 no modelo de cor RGB ou #0072C6 en códigos de cores HTML), unha cor algo máis clara que o Pantone 280 da bandeira do Reino Unido.[1]

As dimensións da bandeira non están oficialmente establecidas, aínda que adoitan ser 4:5, 3:5 ou 2:3. As barras cruzadas deben ter unha anchura de 1/5 (ou sexa, un 20%) da altura da bandeira.

O Estandarte Real de Escocia

Estandarte Real de Escocia

O Estandarte Real de Escocia é a bandeira empregada historicamente polo Rei de Escocia. Era a bandeira de escudo de armas do Reino de Escocia. O estandarte está formado por un "león rampante" de goles, linguado e unllado de azur, sobre un fondo amarelo ou dourado, e rodeado dunha dobre orla decorada de flores de lis de goles. Crese que o león foi adoptado como símbolo a comezos do século XII por Guillerme I de Escocia, (coñecido como "Guillerme o León"), pero non existen evidencias do seu uso ata 1222, data na que apareceu no selo do seu fillo, Alexandre II de Escocia.

Trala unión das coroas de Inglaterra e Escocia en 1603, o estandarte foi incorporado ao Estandarte do Monarca Británico: o león rampante aparece no primeiro e cuarto cuadrante na versión que se emprega en Escocia, mentres que só aparece no segundo nas versións empregadas fóra dela.

Na actualidade esta bandeira emprégase oficialmente nas residencias Reais de Holyrood Palace e do Castelo de Balmoral cando Sabela II do Reino Unido non está presente. A bandeira tamén se emprega para representar á Coroa, incluídos o Primeiro Ministro de Escocia, os Lord Lieutenants, o Alto Comisionado da Asemblea Xeral da Igrexa de Escocia ou o Lord Lyon King of Arms.

Escudo de armas de Escocia

Antigo Escudo de armas de Escocia, empregado ata 1603

O Escudo de armas de Escocia era o escudo empregado pola Coroa de Escocia con anterioridade á unión de Inglaterra e Escocia en 1603 durante o reinado de Xaime I de Inglaterra e VI de Escocia. As armas escocesas teñen un precedente documentado xa no século XII, durante o reinado de Guillerme I de Escocia.

No devandito escudo de armas, o brasón co león rampante aparecía rodeado polo colar da Orde escocesa do Cardo e flanqueado por dúas figuras (tenantes ou soportes) con forma de unicornio rampante de prata con crinas en ouro que tamén quedou incorporado no escudo de armas dos monarcas británicos. O escudo aparecía timbrado coa coroa real escocesa e sobre ela situábase a súa cimera, un león coroado de goles que sostén unha espada e un cetro. Ao pé, tamén fora do escudo, colocábase unha cinta co lema escocés: Nemo me impune lacessit ("Ninguén me ofende impunemente").

Algúns destes elementos aparecen no escudo de armas que os monarcas británicos empregan cando están en Escocia.

Himno

Oficialmente, non existe un himno nacional de Escocia que substitúa ao God Save the Queen, tradicionalmente empregado para representar ao Reino Unido.[2] Existen varias candidatas, algunhas das cales empréganse xa frecuentemente como himnos en eventos políticos ou deportivos.

As dúas candidatas máis populares para seres empregadas como himno de Escocia son Flower of Scotland e Scotland the Brave, aínda que tamén hai outras como Scots Wha Hae, A Man's a Man for a' that, Freedom Come-All-Ye, Both sides the Tweed, Caledonia , I'm Gonna Be (500 Miles) ou Highland Cathedral.

Cada unha destas cancións ten por agora usos distintos. Por exemplo, Scotland the Brave emprégase actualmente para representar a Escocia nos Xogos da Commonwealth, mentres que Flower of Scotland soa antes dos partidos das seleccións de rugby e fútbol.[3] A Man's a Man for a' that, pola súa parte, foi interpretada por Sheena Wellington no acto de apertura do novo Parlamento de Escocia, aínda que non con intención de servires como himno nacional.

Lema

O lema de Escocia é Nemo me impune lacessit, que significa "Ninguén me ofende impunemente". Na actualidade é o lema do monarca do Reino Unido cando se atopa en Escocia, e aparece tamén no escudo de armas do Reino Unido cando se emprega en Escocia. Unha tradución máis coloquial na lingua escocesa é "Wha daur meddle wi me?", que podería traducirse como "Quen se atreve a meterse comigo?".

De acordo coa lenda, o lema referíase inicialmente á flor do cardo, outro símbolo de Escocia: durante un ataque sorpresa dos daneses, un dos invasores pisou un cardo e emitiu un berro de dor, alertando así aos defensores da súa presenza. Posteriormente, o lema expandiuse a toda Escocia e aos rexementos militares escoceses, que adoptaron tamén o cardo como emblema.

As Honras de Escocia

As Honras de Escocia, tamén coñecidos como "Xoias da Coroa Escocesa", están compostas pola coroa, o cetro e a espada estatal de Escocia. Datan dos séculos XV e XVI, o que as converte nas máis antigas das xoias reais británicas, e as segundas máis antigas de Europa. O conxunto de xoias actualmente conservado foi empregado na coroación dos reis escoceses entre 1543 (María I de Escocia) e 1651 (Carlos II de Inglaterra).

Trala unión das coroas de Inglaterra e Escocia polo Acta de Unión de 1707, as xoias foron gardadas baixo chave no Castelo de Edimburgo, onde permaneceron case esquecidas ata que un grupo de investigadores, entre os que estaba Walter Scott, as redescubrieron en 1818 e déronas a coñecer ao público ao ano seguinte. Dende ese intre, as xoias permaneceron expostas no Castelo de Edimburgo de xeito permanente, agás polo curto paréntese que supuxo a segunda guerra mundial, durante a cal foron escondidas por medo a que fosen danadas, roubadas ou extraviadas.

A Pedra do Destino

A Pedra de Scone ou Pedra do Destino era a rocha empregada tradicionalmente nas cerimonias de coroación dos reis escoceses durante a Idade Media. Segundo a lenda, trátase da mesma pedra na que apoiou a súa cabeza Xacob mentres soñaba o soño profético da Escaleira de Xacob. Historicamente, é probable que se trata de pedra sacra empregada nas coroacións dos Dalriadas.

Durante a Idade Media, a pedra descansou na Abadía de Scone (preto do actual Perth), ata que en 1296 foi trasladada á Abadía de Westminster, en Londres, por orde de Eduardo I de Inglaterra, onde foi instalada nunha cadeira especial destinada a servir de trono durante as cerimonias de coroación dos Reis de Inglaterra. Logo de ser roubada, recuperada e devolta a Westminster en 1950, a Pedra foi trasladada definitivamente a Escocia en 1996 durante o proceso de devolución de poderes a Escocia. Dende entón está exposta no Castelo de Edimburgo, xunto coas Xoias da Coroa Escocesa, e só se trasladará a Westminster de novo para ser empregada en futuras coroacións.

Outros símbolos de Escocia

Flor do Cardo

Notas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!