Rappen (en alemánrappen; plural: rappen) é a denominación da moeda divisionaria do franco suízo, equivalente á súa centésima parte. Dado que Suíza é un estado plurilingüe, esta moeda denomínase tamén oficialmente rap en romanche, centime en francés e centésimo en italiano.[1][2][3][4]
Orixinalmente era unha variante do pfennig ("penique") medieval común nas rexións alemánicas de Alsacia, Sundgau e norte de Suíza.
Orixe do nome
En ocasións explicouse a orixe do termo remontándose ao rappenpfennig, unha variante do penique cuñado en Friburgo no século XIII que inicialmente representaba a figura dunha aguia, aínda que posteriormente foi reinterpretada como un corvo (en alemán: raben), do que tomaría o nome pola vía popular.[2][3][5]
Maior consideración ten, na actualidade, a hipótese de que a denominación se deba á cor escura dos primeiros exemplares destas moedas, por mor da súa pobreza en prata. Na antiga lingua altoalemá, rap significaba precisamente "escuro" e aínda hoxe en alemán a palabra rappe significa "cabalo negro".[3]
Historia
Orixes
Debido á extensión da circulación desta moeda no século XIV pola rexión do Rin superior, chegou a adoptarse como moeda padrón na denominada Rappenbund ou Rappenmünzbund ("Liga do rappen"), unha unión de cecas rexionais formada en 1399 que incluía o bispado de Bailea e a maioría das cidades máis grandes da rexión. O obxectivo era dotarse dunha moeda común que favorecese o comercio. Á liga adheríronse, en Alsacia, as cecas de Colmar e Thann; na actual Suíza as de Basilea, Schaffhausen, Zofingen, Zürich, Berna, Soleura e Friburgo; e tamén outras cecas en Brisgovia e no Sundgau.[2][3][6][7][8]
Logo da disolución da Rappenbund en 1584, algúns estados suízos continuaron a cuñaxe de rappen dentro dos seus territorios, onde ficaron con uso local ata finais do século XIX. Este foi o caso, entre outros, de Lucerna e de Schwytz (entre 1620 e 1625), ou de Zürich (a partir de 1650).[2][3][6][7][8][9][10]
En 1798, cando se produciu a unificación política suíza por iniciativa francesa baixo a República Helvética, precisábase unha moeda unificada para estandarizar e organizar a caótica coexistencia de máis de 800 moedas diferentes propias de cada territorio.[3][10][11]
Naceu así o primeiro franco suízo, baseado no tálero de Berna, dividido en 10 batzen e cada un deles composto, pola súa vez, por 10 rappen. Esta nova unidade utilizouse unicamente durante cinco anos, ata a fin da República Helvética en 1803. Con todo, moitos dos cantóns, ao convertérense en independentes, seguiron a emitir versións propias dese franco decimal e os seus correspondentes batzen e rappen, ata que Suíza se unificou definitivamente en 1848 e o novo franco suízo, dividido en 100 rappen, se instituíu como moeda nacional, en substitución dos antigos francos e das restantes moedas particulares, coa Lei Federal de Moeda de 1850.[3]
As moedas de dous rappen mantiveron a súa produción ata 1974 e retiráronse da circulación en 1978; as dun rappen cuñáronse ata 2006 e desmonetizáronse o ano seguinte, aínda que levaban xa anos sen seren útiles para o uso cotián. No entanto, as pezas con valores de 5, 10, e 20 rappen mantéñense en circulación, así como a de 50 rappen, aínda que estas reciban oficialmente a denominación de "medio franco".[12]
↑"Rapp (II)Arquivado 25 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". En Schweizerisches Idiotikon. Wörterbuch der schweizerdeutschen sprache. Tomo VI. Frauenfeld. 1909. Columnas 1.173-1.179.
Vol. 1 (2003). Mittelalterliche Münzprägung in Bergbauregionen. Analysenreihen. Zeitschrift für Archäologie des Mittelalters: separata 17. ISBN 3-7749-3086-4
Vol2. (2004). Mittelalterliche Münzprägung in Südwestdeutschland. Zeitschrift für Archäologie des Mittelalters: separata 19. ISBN 3-7749-3299-9
Schweizer, H. (1969). Der Rappenmünzbund. Hilterfingen. Helvetische Münzenzeitung.
Seguin, F. (1852). "Monnaies du Canton de Vaud". En Mémoires de la société impériale d'archéologie. Vol. 4. Société d'archéologie et de numismatique. San Petersburgo. Páxinas 141-148.