A Provenza[1][2] (Provença segundo a norma clásica do provenzal, variante da lingua occitana, Prouvènço seguindo a grafía moderna de Frédéric Mistral e Proença na grafía da Idade Media) é unha antiga provincia do sueste de Francia, que se estende desde o leste do Ródano até a cidade de Niza.
Provenza é unha rexión de clima privilexiado, beneficiado da influencia do mar Mediterráneo, cos veráns cálidos e secos e os invernos suaves e húmidos. A vexetación é do tipo garriga, a sequidade do verán vólvea particularmente vulnerable aos incendios.
O relevo está caracterizado polos vales, a erosión debida ás tormentas violentas de verán poden provocar a aparición de torrentes bastante escarpados.
Historia
Antigüidade
O seu nome procede da época romana, de cando era coñecida como Provintia (unha das numerosas provincias romanas). Provenza formou parte da Galia Transalpina (isto é de alén dos Alpes, para os romanos), rebautizada Galia Narbonense (do nome da capital da provincia romana, Narbona) no século I.
A Provenza independente
O litoral provenzal foi colonizado polos gregos: arredor do -600, os fenicios instaláronse en Marsella (en grego, Massalia; en latín Massilia). Asentáronse tamén en Niza, Agde e Cannes.
A conquista romana no século II.
Cronoloxía básica
-181: Marsella apela a Roma para se protexer dos piratas ligures.
-154: Niza e Antibes colonizadas polos ligures dos Alpes marítimos, expedición de Opimius.
-125/-124: Coalición de tribos celto-ligures (os salios) apoiados polos voconces, allobroges e Arvernos: o cónsul Fulvius Flaccus atravesa os Alpes e vénceos. En -123, nova campaña que remata coa destrución do oppidum de Entremont.
En -123/-122: Fundación de Aix-en-Provence para controlar os salios.
-122: O procónsul Cn. Domitio Ahenobarbo derrota os allobroges.
-120: Ahenobarbo en campaña; atribúeselle a fundación e organización da Provincia.
-117: Comezo da construción da Via Domitia (na honra de Cn. Domitio Ahenobarbo) en dirección aos Pireneos. Foi construída sobre a antiga Via Heráclea grega. A súa organización é o símbolo da romanización e proporciona un desenvolvemento dos trocos comerciais.
-109/-105: Incursións dos pobos xermánicos (cimbros, teutóns, tigures e ambróns): Mario derrota os teutóns en Aix-en-Provence (-102) e os cimbros en Verceil (-101).
No 843, o tratado de Verdún doou a Provenza a Lotario I. O seu fillo, Carlos da Provenza fundou o reino de Provenza-Viennois ou de Borgoña cisxurásica no 855. Bosón V da Provenza, cuñado de Carlos o Calvo, fíxose proclamar reino do segundo reino da Provenza no 879. Bosón entrou en loita cos carolinxios. O fillo de Bosón, Lois o Cego, emperador, confiou o goberno da Provenza a Hugo de Arlés, quen o doará, á súa vez no 934 a Rodolfo II, rei da Borgoña transxurásica. O novo conxunto será o segundo reino de Borgoña-Provenza tamén coñecido como Reino de Arlés. Subsistirá até 1032.
No 947, o bosónida Bosón de Arlés, conde de Arlés foi investido na Provenza. Á morte dos seus dous fillos, Guilhem, chamado o libertador, e Roubaud repartíronse as divisións do condado, divisións que manterán os seus descendentes. O brazo herdeiro de Guilhem dará lugar aos condes da Provenza e o de Roubaud dará lugar aos condes de Forcalquier, que se dividirá en 1054 (estes últimos son tamén coñecidos como marqueses da Provenza).
En 1037, Emma, marquesa da Provenza, casa con Guillerme III Taillefer, conde de Tolosa, transmitíndolle os dereitos da liña de Roubaud á casa de Tolosa. En 1112, Douce da Provenza, herdeira dos dereitos da liña de Guilhem, casa con Ramón Berenguer III, conde de Barcelona, que se converte en Ramón Berenguer I da Provenza. As casas de Tolosa e de Barcelona entran agora en conflito polo marquesado. Para chegar a un tratado en 1125 entre Ramón Berenguer e Afonso Xordán de Tolosa, que repartía o condado entre un marquesado ao norte do Durance, doado a Tolosa, e o condado ao sur, doado a Barcelona. En 1193Afonso II da Provenza casa con Gersande de Forcalquier, o que dá lugar ao nacemento do condado da Provenza-Forcalquier.
Durante este período, o condado de Orange, vasalo da Provenza, erixiuse en principado en 1181.
En 1388, a cidade de Niza e a súa vigairía -a división administrativa correspondente- a cidade de Puget-Théniers e os vales do Tinée e do Vésubie constitúense nas terras novas da Provenza e póñense baixo a protección da casa de Savoia, é a desdición de Niza a Savoia. Estas terras tomarán o nome de condado de Niza en 1526.
En 1382, á morte da raíña Xoana, acábase a primeira casa capeta de Anjou, polo que esta adopta o irmán do rei Lois I de Anjou, conde e despois duque de Anjou, fundando a segunda casa capeta de Anjou. Esta dinastía acábase con Carlos III de Anjou, 1491, e o rei de Francia Lois XI toma posesión do condado.
↑Ver entrada de «Occitania». Diciopedia do século 213. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. p. 1498. ISBN9788482893600.