A Proclamación da I República Portuguesa foi o resultado da Revolución do 5 de outubro de 1910 que nesa data pon fin á monarquía en Portugal.[1]
Contexto
O movemento revolucionario do 5 de outubro de 1910 deuse nunha secuencia natural de acción doutrinaria e política que, dende a creación do Partido Republicano, en 1876, viña sendo desenvolta. A propaganda republicana soubo sacar partido dalgúns feitos históricos de repercusión popular: as conmemoracións do centenario da morte de Camões, no ano 1890, e o Ultimato británico de 1890 foron aproveitados polos defensores das doutrinas republicanas que se identificaron cos sentimentos nacionais e aspiracións populares.
Elias Garcia, Manuel Arriaga, Magalhães Lima, así como o obreiro Agostinho da Silva, foron personaxes importantes das asembleas de propaganda republicana, en 1880.
O terceiro centenario da morte de Camões, foi conmemorado con actos significativos — como o cortexo cívico que percorreu as rúas de Lisboa, entre o grande entusiasmo popular e, tamén, o traslado dos restos mortais de Camões e Vasco da Gama para o Panteón Nacional. As luces e o aire de festa nacional que caracterizaran estas conmemoracións complementaron ese cadro de exaltación patriótica. A idea das conmemoracións camoneanas partira da Sociedade de Geografia de Lisboa, mais a execución correspondeu a unha comisión de representantes da Prensa de Lisboa, constituída polo Vizconde de Jorumenha, por Teófilo Braga, Ramalho Ortigão, Batalha Reis, Magalhães Lima e Pinheiro Chagas. O Partido Republicano, ó que pertencían as figuras máis representativas da Comisión Executiva das conmemoracións do tricentenario camoneano, gañou gran popularidade.
A revolta
Durante o breve reinado de Manuel II de Portugal — que ascendeu ó trono despois do atentado a Carlos I de Portugal, no que finou tamén o seu fillo herdeiro Luís Filipe, Duque de Bragança —, o movemento republicano acentuouse, chegando mesmo a ridiculizar á monarquía. A 3 de outubro de 1910 estourou a revolta republicana que xa se adiviñaba no contexto da inestabilidade política. Aínda que moitos envoltos rexeitaron participar — chegando mesmo a parecer que a revolta fracasara — a vitoria debeuse tamén grazas á incapacidade de resposta do Goberno en reunir tropas que dominasen ós preto de douscentos revolucionarios que resistían armas en man. Coa adhesión dalgúns navíos de guerra, o Goberno rendeuse, os republicanos proclamaban a República, e Manuel II de Portugal exiliouse.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos