Presuntos Implicados é un grupo español nado en Yecla (Murcia) e fincado en Valencia, formado a principios da década de 1980. Os seus integrantes durante a súa época máis exitosa foron Sole Giménez, Juan Luis Giménez e Nacho (Ignacio) Mañó.
O 15 de xaneiro de 2006, Sole Giménez fai público un comunicado coa súa decisión de abandonar o grupo, que non se fai efectiva ata que terminan unha serie de concertos que tiñan programados. O último concerto de Presuntos Implicados e data da súa última actuación conxunta prodúcese o día 14 de xuño de 2006. Na actualidade, aínda non se anunciou se o grupo continuará cunha nova vocalista ou os seus compoñentes iniciarán outro tipo de proxectos.
O seu maior éxito foi co disco Ser de Agua, publicado en 1992 e editado en España, Hispanoamérica, Reino Unido, Alemaña, Suecia e Italia con máis de 400.000 discos vendidos.
As vendas globais da carreira de Presuntos Implicados superan os tres millóns de copias das que, un millón e medio, foron vendidas en España onde recibiron 14 Discos de Platino
Os Inicios (1983)
Presuntos Implicados comezou a súa carreira artística en Yecla (Rexión de Murcia) en 1983 cando, tras formar unha banda Funk de once membros e seguindo as inquietudes artísticas de Juan Luís, gravaron unha maqueta e trataron de presentala ante as discográficas que operaban no mercado naquela época. Pouco despois, quedaron finalistas do concurso de maquetas Rock Spezial e presentáronse ó concurso Don Domingo, creado por Radio Nacional de España e do que resultaron gañadores. Isto levounos a gravar un disco, En el Transistor, onde aparecían co resto de grupos que quedaran clasificados.
Grazas a este concurso, conseguiron por fin a atención da industria e gravaron con RCA, xa como trío formado por Sole, Juan Luís e Pablo Gómez, o LP Danzad, Danzad, Malditos de estilo principalmente Funky. As diferenzas de formulación coa discográfica, que quería un son máis próximo a grupos moi vendedores dese momento como Objectivo Birmania, sumado á inexperiencia do grupo, fixeron que o disco non terminase co resultado desexado, aínda que algunhas cancións como Miss Circuítos chegaron a ser bastante coñecidas nas Discotecas.
Danzad, Danzad, Malditos é un disco que, salvo polos tres singles escasamente promocionados pola compañía non destaca en absoluto dentro da historia do grupo. Non só o estilo e a produción estaban mal encamiñados, senón que os tons eran demasiado baixos para unha vocalista (pensados como estaban para Juan Luís) e recibiu moi pouco apoio da industria no momento, aínda que as críticas foron bastante optimistas pola tendencia Electro-Funk que demostraba.
A promoción e venda do disco terminou cando Ariola adquiriu RCA e, reaxustando artistas, Presuntos foron despedidos da compañía porque non entraban na nova programación.
Este período supuxo, principalmente, unha experiencia de aprendizaxe e coñecemento do sector e unha época de cambios. Por primeira vez Sole converteuse en vocalista do grupo (ó comezo da gravación cantaba Juan Luís e Sole só facía coros, pero Quique Morales propuxo probar o cambio e así quedou ata a actualidade).
Tamén volveu cambiar a composición, Pablo deixou o grupo para dedicarse a outros proxectos e entraron os irmáns Javier e Ramón Vela (Integrantes posteriormente do grupo Girasoules), pero só como colaboradores.
1987
Nos últimos anos dos 80 Presuntos fíncase en Valencia e, en 1987, ficha por Intermitente, compañía independente formada por (entre outros) Vicente Mañó, e proponse gravar o disco De Sol a Sol con Nacho Mañó como produtor. Nesa gravación reorientase o estilo do grupo e dáselle un xiro radical á súa carreira, formándose finalmente o grupo tal e como se coñece na actualidade, con Nacho Mañó como terceiro integrante.
Vicente Mañó, á súa vez, convértese no representante do grupo.
O disco chegouse a editar, pero con moi escasos medios e cunha promoción moi limitada, pero iso non impediu que algunhas cancións chegasen a destacar, como foi o caso de "En la oscuridad". Grazas a ese disco WEA fixouse neles e ofreceulles a posibilidade de editar un novo disco. Para entón, Presuntos tiña moito máis definido o seu estilo e as súas aspiracións musicais e, apostaron polo Pop (cunha clara influencia da música negra, Jazz e Soul) música lixeira e melódica e baladas a medio tempo, estilo no que destacaron posteriormente.
1989 - 1995
Sen dúbida, o primeiro disco amplamente coñecido de Presuntos Implicados foi Alma de Blues, editado por WEA en 1989, que incluía cancións tan exitosas como "Alma de Blues", "Cada Historia" ou "Me das el mar". O disco realizouse esta vez cun orzamento máis adecuado e chegou a ser dobre Disco de Platino. En total, pasou de 200.000 copias no seu momento e supuxo non só o éxito do trío, senón tamén a carta de presentación que restauraba a súa credibilidade na industria musical e o recoñecemento non só do público, senón tamén dos medios, que o definiron como un traballo moi elegante e de elevada calidade, adxectivos que acompañarán ó grupo o resto da súa carreira.
A principios de 1991 termina a xira de Alma de Blues e comeza a gravación de Ser de Agua, publicado por WEA o 30 de novembro de 1991. Grande aposta da compañía e do grupo, triplicouse o orzamento de Alma de Blues e gravouse entre Madrid, Londres e Valencia.
O disco continúa coas influencias que demostraran entón, balada Pop, Blues, Soul, Jazz, Funk e un claro aire mediterráneo. Un exercicio de estilo que os define como un dos grupos máis exitosos do momento.
Nun só mes, venderon máis de 100.000 copias e, co paso do tempo, converteuse no álbum máis vendido na historia de Presuntos Implicados, con máis de 400.000 unidades vendidas en España (cuádruplo Disco de Platino) Ademais, converteuse nun dos álbunes máis exportados, vendéndose en Hispanoamérica e no Xapón ou o Reino Unido. Gañaron numerosos premios, Ondas incluídos, e coparon os números un das listas de vendas. Dos 11 temas que compón o disco, 7 foron singles.
Tras unha xira e promoción moi extensa volveron inmediatamente ao estudo para gravar El pan y la sal que, aínda que non supón unha gran novidade en canto a ritmos se refire, si está considerado como un dos mellores discos da súa carreira. Con todo, este disco non levou un alto nivel de vendas, quizais polo seu ton intimista e relaxado ou pola súa continuidade dentro do ton de Ser de Agua. Aínda así, venderon 220.000 copias e gañaron varios Premios Ondas.
En 1995, seguindo as tendencias do momento de gravar discos en directo, Presuntos decidiu editar un dobre disco gravado en directo revisando a súa discografía, fóra de Danzad, Danzad, Malditos que nunca foi moi ben considerado polo grupo.
Os días 13 e 14 de setembro de 2005 gravouse La Noche no Palau da Música i Congressos de València. O concerto compúñase de tres seccións: Latin Jazz, Quinteto e Gran Banda, onde revisaron os seus temas máis importantes e engadiron dous inéditos. A grande achega de La Noche á carreira de Presuntos é quizais a orientación que deron ós temas xa coñecidos, sen limitarse a reeditalos, senón que os versionearon completamente.
O concerto contou coa colaboración de Teo Cardalda (ex compoñente de Golpes Bajos e actual membro de Cómplices) , Randy Crawford, Ana Torroja (aínda que finalmente a discográfica de Ana negou os permisos para que a canción fose incluída no disco orixinal) Chano Domínguez, Jorge Pardo, Chris Whitten, Chris Cameron e Vicente Sabater, entre outros.
O disco púxose á venda como dobre CD o 23 de outubro de 1995 e só se extraeron tres singles, quizais polo coñecido dos temas. En total, vendéronse algo máis de 120.000 exemplares. Tamén se retransmitiu o concerto por TVE e foi editada unha copia en formato vídeo.
1997 - 2005
Co disco de La noche Presuntos dá por pechada unha etapa da súa traxectoria musical e, o sete de xullo de 1997 (7 do 7 de 1997) comezan a gravar o seu sétimo álbum, chamado Siete. Este é quizais o álbum máis pop do grupo, con temas actualizados e renovados que os aproximan a un público máis variado e mozo do que viña sendo habitual.
Versión Original (o seu oitavo disco) supón, de novo, unha ruptura do grupo co tipo de música dentro do cal foran catalogados, pero sen perder o estilo característico de Presuntos. Editado en 1999, é un disco composto basicamente por versións de cancións que, dunha forma ou outra, influíron nas vidas e desenvolvemento musical de cada un dos membros do grupo. De carácter claramente latino con incursións na música brasileira, agrupa colaboracións con artistas tan importantes como Toquinho, Milton Nascimento, Pancho Céspedes ou Armando Manzanero. É tamén unha das poucas ocasións nas que Presuntos interpreta temas que non foron compostos por eles. Nos cinco primeiros días, Versión Original vendeu máis de 150.000 copias e situouse no número un das listas de vendas de España. Este disco tivo unha especial repercusión en Hispanoamérica, quizais polo próximo das cancións que contén a este continente.
O 8 de outubro de 2001 Presuntos Implicados saca ó mercado Gente, o seu noveno disco e unha nova renovación da banda, cambiando de novo a súa forma de interpretar as cancións e buscando novos ritmos e colaboracións, pero sen perder o seu son característico e cunha base pop moi elegante.
Para celebrar os seus 20 anos do nacemento do grupo e os máis de 15 no panorama musical, en 2003 publican unha serie de recompilatorios que incluían, por unha banda, dous CD coas cancións máis relevantes do grupo e un DVD cos seus videoclips correspondentes (Selección Natural) e, por outro, un CD que reunía algunhas rarezas e colaboracións do grupo (Selección Inédita)
O 12 de novembro de 2002, homenaxeouse ao grupo con tres discos de diamante pola venda de todos os seus discos ata esa data.
Dous anos despois, o 8 de marzo de 2005, Presuntos Implicados publicou o que se convertería no seu último disco con cancións orixinais, Postales, un disco moi cargado de contido social. O disco edítase en dúas versións, a normal con 12 cancións, e a especial cunha serie de postais e dúas cancións extra. Un disco que mestura fusións de Pop, Bossa nova, Bolero e música negra contemporánea e coas colaboracións de Las Niñas ou La Excepción.
O Futuro (2007)
En xaneiro de 2007, Sole Giménez publica un comunicado para facer pública a súa decisión de abandonar o grupo tras a serie de concertos en acústico que tiñan programados. As razóns non transcenderon salvo as explicacións dadas pola cantante, como o seu "xeito distinto e persoal de entender as relacións"
O futuro do grupo vaise aclarando: na súa páxina oficial xa anunciaron que en 2008 haberá novo disco do grupo. A composición da banda de momento descoñécese.
Discografía
Ano |
Nome do Disco |
Discográfica |
Comentarios
|
1985 |
Danzad, Danzad Malditos |
RCA |
Descatalogado. Reeditado en 1993
|
1987 |
De Sol a Sol |
Intermitente |
Reeditado por WEA en 1990
|
1989 |
Alma de Blues |
WEA |
|
1991 |
Ser de Agua |
WEA |
|
1994 |
El Pan y la Sal |
WEA |
|
1995 |
La Noche |
WEA |
Dobre CD en directo. Lanzado tamén en formato VHS. Descatalogado e editado nun CD Resumo.
|
1997 |
Siete |
WEA |
|
1999 |
Versión Original |
WEA |
|
2001 |
Gente |
WEA |
|
2003 |
Grandes Éxitos. Selección Natural |
WEA |
Dobre CD recompilatorio máis DVD.
|
2003 |
Selección Inédita |
WEA |
|
2005 |
Postales |
WEA |
Editado en dúas versións: a normal con 12 canciones, a especial con 14.
|
2006 |
Todas las Flores. La colección Definitiva |
WEA |
CD recompilatorio + DVD
|
Véxase tamén
Ligazóns externas