O premio Valle-Inclán foi un certame de investigación constituído no ano 2004 polo Padroado da Fundación Valle-Inclán e convocado pola Deputación de Pontevedra xunto ao Concello de Vilanova de Arousa até o ano 2011.
Este premio formaría parte dun conxunto de Premios de Investigación potenciados por parte do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra cuxa principal finalidade é fomentar a cultura e brindar unha oportunidade a artistas e investigadores de achegaren cos seus traballos novas tendencias en cadanseu campo[1]. Deste xeito, o obxectivo do Premio Valle-Inclán era galardoar aqueles estudos rigorosos e de prestixio académico que tratasen, desde un punto de vista científico-divulgativo, calquera aspecto relacionado coa vida e obra do seu persoeiro máis ilustre.[2] Así mesmo, estes debían ser orixinais, inéditos e estar escritos en calquera das dúas linguas oficiais de Galicia.
O Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra, na súa sesión ordinaria do día 28 de abril do ano 2004, aceptou a convocatoria do Premio Valle-Inclán.[3] O orzamento, aínda que repartido de maneira dispar dependendo do ano e do número de premiados ou accésits, sempre foi de 24.000 €. Por outra banda, o concurso levaríase a cabo anualmente até 2011, coa excepción do ano 2010. Sería tamén en 2011 cando se engadiría nas bases que, a partir de entón, a convocatoria pasaría a ter un carácter bianual, alternando entre as modalidades de ensaio e teatro, xénero que até ese momento non fora considerado para ser galardoado.[4] Ese mesmo ano o premio estaría dedicado aos espectáculos dramáticos e teatrais baseados nas obras do escritor que foran representados durante o ano anterior. Porén, o premio Valle-Inclán non se volvería realizar.
Segundo as bases do premio,[3] o xurado debe estar composto pola persoa que ocupe a Presidencia da Deputación e pola que sexa titular da Corporación (ou en quen deleguen), así como por unha que represente cada un dos seguintes organismos: Consellaría de Cultura, Consellaría da Cultura Galega e Fundación Valle-Inclán. Do mesmo xeito, o xurado tamén ten de estar conformado por unha serie de vogais, a saber, a persoa que exerza a alcaldía do Concello de Vilanova de Arousa, aquela que presida a Comisión de Cultura da Deputación, tres persoas nomeadas pola Presidencia de recoñecido prestixio nas artes dramáticas e outra que represente o Servizo de Cultura. As decisións tomadas son inapelábeis, no entanto, os integrantes poden solicitar asesoramento de especialistas na materia.
Premio ex aequo, cunha dotación de 12.000 €, a dous estudos:[7]